7 jul. 2008


Morbo.
pan por pan martes 8 xullo

Din os sociólogos que os grandes centros comerciais das aforas das cidades son as catedrais de hoxe: lugar de peregrinación central da fin de semana. Non menos alento relixioso teñen as masivas concentracións nos grandes concertos da música pop e rock, como o Rock in Río en Madrid. Seguín por TVE algunhas actuacións: Sting e Police, brillantes sempre; a furia latina de Shakira; os escoceses de Franz Ferdinand. Dende o sofá gáñase en comodidade o que se perde en adrenalina. Tamén vin uns minutos do espectáculo de Amy Winehouse e o que eu contemplei non se corresponde con algunhas crónicas do festival. A súa imaxe, de escasa mobilidade e algo absorta, ofrecía máis patetismo que outra cousa. Seica os seus fans, atentos ós seus escándalos, aprecian o toque morboso das súas postas en escena. Como en tempos as xentes se extasiaban ante as chagas dun Cristo gótico.

Ramón Piñeiro a debate
La Región, 7-7-08. Caricatura de Siro López.

Letras 2009. Xa poden ir preparándose. A Real Academia Galega aprobou o sábado dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a don Ramón Piñeiro, falecido en 1990. Era unha opción das posibles e había outras moitas tamén merecidas: por exemplo, nomes como os poetas Manuel Luís Acuña e Florencio Delgado Gurriarán ou o ensaísta, novelista, poeta e autor teatral Ricardo Carballo Calero. Entre outros. En canto a nova chegou ós diarios dixitais, algunhas webs e blogs empezaron a botar fume. Como era de agardar. ‘Traidor á patria’, ‘filonazi’, ‘axente da CIA’, foron algunhas das primeiras babecadas asinadas sempre dende o covarde anonimato. En realidade, a Academia foi valente porque non ignoraba a transcendencia da súa decisión e a hostilidade visceral que o nome de Ramón Piñeiro provoca en certos colectivos, sobre todo no reintegracionismo e nacionalismo máis antisistema. No propio goberno bipartito a figura de Piñeiro, que eu saiba (creo que non me equivoco), foi sempre negada por unha banda substancial do mesmo, empoleirada en dubidosas teorías conspirativas arredor da nosa historia recente aínda non revisadas.
Referencia moral. A Academia xustifica o seu acordo arredor da figura de Ramón Piñeiro pola ‘dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura’, por canto ‘debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións’. (...) (...)