28 may 2009



Cando trinta días abondan
Iago Tabarés, Xornal de Galicia, 28/05/2009
Foto de Xiqi Yuwang. Novo talento da fotografía no Fnac. Do blog de Antón Castro.

Eu manifesteime sempre partidario de dar aos gobernos 100 días de marxe para comezar a planificar e a pór en marcha os seus proxectos. Tamén a este Goberno do PP. Aínda que é o Goberno dos que gobernaron este país sempre -ou case sempre-, algo que o PP non fixera tal co Goberno anterior, aínda que, como acreditaron na campaña electoral, carezan dos máis elementais principios éticos. Aínda así, eu son -era- partidario dos 100 días de marxe. Visto o visto penso que deixar eses 100 días sería irresponsable, pois xa en pouco máis de 30 amosaron ben ás claras o que son e o que pretenden, e a oposición ten a obriga de darllo a coñecer á cidadanía.
Nos primeiros días do Goberno de Feijóo acreditaron unha grande vontade revisionista e anulatoria, non sabían o que ían facer, mais tiñan claro o que ían destruír, o idioma propio de Galiza, os nosos sectores produtivos, o sistema educativo...
Logo, coas primeiras decisións, chegaron simultaneamente os primeiros incumprimentos.Demandaron durante catro anos unha consellería de Xustiza, no último ano -xa en plenitude a crise económica- o propio Feijóo remitiu tanto ao presidente como ao vicepresidente da Xunta unha proposta de acordo para mellorar a xustiza na Galiza. Nun punto levaba a creación dunha consellería onde a Xustiza tivese un peso fundamental. Agora, ao deseñar a nova estrutura da Xunta, a Xustiza ten o papel máis residual que endexamais tivo na administración galega. Que dirá aos que confiaron nas súas promesas?
Prometeu un goberno transparente e honesto (alguén puido crelo, non o sei, "neste mundo haiche de todo", que diría un amigo), e nomea conselleiro ao señor Hernández famoso por ser quen de vulnerar a lei de incompatibilidades e "ir cazar en veda", de asinar certificacións falsas... Logo viría o ‘caso Martínez' sobre quen pesa unha sentencia firme da Audiencia Nacional que dá por probado o emprego irregular e indebido de fondos públicos (onde estarán eses importantes recursos? Cantos Audi se poderían mercar con todos os fondos europeos que administrou este señor?) Fai falta unha sentencia penal para que o señor Feijóo esixa responsabilidades políticas? Volve o PP a baleirar de contido a expresión ‘responsabilidade política'? Outra promesa incumprida.
Adelgazar a administración foi outra das promesas de Feijóo, e, apenas un mes despois, nada de nada. Crea a figura dos ‘superdelegados' -especie de ‘megacacique' con fins electorais no norte, partidarios no sur e para crear liortas onde non os hai no sudeste- que ían substituír aos delegados, xerando un importante aforro. Lida a letra pequena, todo mentira. Estes ‘super' veñen rodeados dunha corte de asesores que eliminan calquera eventual aforro, ademais este enxeño supón elevar o nivel dos actuais secretarios das delegacións que pasarán a ser secretarios territoriais, e xa que logo os custes de persoal van medrar ao tempo que a eficacia e a xestión van empeorar. Poderíamos seguir falando, de promesas incumpridas -que ben puideran chamarse estafas electorais- pero xa abonda, tamén para min.