27 sept 2008


O asmático que fumaba puros, de Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 27-09-2008

Moitas veces, de tanto oír convenccións sociais, tópicos e terreos comúns, tendemos a integralos sen querer, automaticamente, sen pensalo, como íntimas convicións propias. Así nolo ensinou o xenio -e demo- da propaganda moderna que foi Joseph Goebbles. Unha desas matracas asumidas sen máis é o de cualificar o Che Guevara como unha especie de Cristo dos tempos modernos que deu a súa vida pola redención dos pobres. Así, igual que o de Xudea non morreu de todo por que vive na súa Igrexa, a querida presenza do comandante -como cantaría Carlos Puebla- tamén seguiría viva no corazón dos progresistas de todo o mundo. Pois si e non.
O Che que hoxe coñecemos -e glorificado hoxe polo cine capitalista- naceu meses antes da súa morte, hai corenta anos e pico. Daquela, como é sabido, trataba de erguer unha guerra na que tivo o dubidoso honor de acabar sendo o principal morto. A súa figura-mito ten xa unha existencia propia como mercantilizado icón camiseteiro da rebeldía do século XX grazas á foto de Alberto Korda, aceptado en todo o planeta menos no mundo musulmán. Alí, o enfrontamento e revolución ten outro nome máis difícil de pronunciar: Bin Laden.
E o mito Che, resistente e inoxidable, proxectado en nós, sen grises nin sombras, ten cada vez menos que ver coa vida real de don Ernesto Guevara de la Senra e con aquela época que hoxe podemos ver con outros ollos. Nestes corenta anos que pasaron desde a súa atolada aventura boliviana, a percepción da realidade mellorou e as análises que se fan son máis libres e multifocais, unha vez desaparecida a voz dominante do sistema antioccidental. Xa non hai problemas en loar o ecoloxismo capitalista de Al Gore nin en gardar distancias crítica das revolucións que empezan como liberadoras e rematan en tiranías, nin sequera -e cómpre aclarar ben o termo a nivel internacional- en defender a lexítima inxerencia humanitaria por riba dos gobernos locais.

Palin contra o oso branco.
pan por pan sábado 27-9-08

Foi intelixente a xogada do candidato republicano McCain ó colocar unha muller como candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos. Pensouse que ata podería arrebatar votos femininos entre as defraudadas polo fracaso de Hillary Clinton. Pero as últimas novas indican que o efecto Palin desfaise como terrón de azucre. Por varias razóns. Porque a candidata republicana ten unha formación escasa en varios campos, sobre todo en economía: de feito non lle deixan dar entrevistas por se mete a pata. Hai moitas sombras tamén na imaxe de Palin respecto a temas medioambientais: é sabido que non lle importaría estragar o futuro de Alaska á procura de gas e petróleo. Preiteou hai meses contra unha decisión do goberno a favor de incluír o oso polar na lista de especies ameazadas: tal decisión sería lesiva para as instalacións de gas e petróleo nas costas onde o oso ten o seu hábitat.