15 jun 2007


En poleiro alleo


"Que din os rumorosos" (Ferrín, FV, 15 xuño) : Ferrín continúa co tema do Himno Galego e penetra no seu significado (observen o cambio de trato, con respecto ó artigo anterior, sobre os aludidos XCC e BI: case semella unha rectificación que pola miña parte agradezo).
(Imaxe: Beata Ludovica Albertoni, de Bernini)

Nervios, caras demudadas
Andoliña 15 xuño. Imaxe: Retrato de muller, Goya.

Nervios a esgalla, caras demudadas, consultas ó médico en busca de tranquilizantes… Primeira xornada da selectividade. Moitas mozas, inmensa maioría, os mozos son os menos. Pertencen a unha xeración que non viviu as reválidas nin o temido exame de ingreso. Enténdese a súa sensación de pánico. Algúns perden as etiquetas. Outra pega a da compañeira sen querer: menos mal que se deu conta. En castelán caen o eterno Bueno Vallejo e un texto ben pensado de Javier Cercas sobre o ensino, a memoria, a autoridade nas aulas e todo iso. En galego, un anaco de Xabier Quiroga e un comentario sobre a eutanasia: non son difíciles ningún deles. Coa Xeración Nós na teoría. Algúns xa parecen máis calmados. Non pasa nada. Sen infartos.
A mañá non foi difícil. Tampouco a tarde: en filosofía hai abondo para escoller. En historia, o mundo obreiro ou a Guerra Civil: a memoria do pobo en calquera caso. E o de inglés, máis fácil que outros anos, con audición e todo. Véselles a todas máis tranquilas.
Eu, que estou do outro lado, lembro cando estaba aí sentado, 1975. ERGA convocara un boicot ás probas. Pero non houbo valor. Como di o amigo X.M. González, coas cousas de comer non se xoga.