Do caso de Boiro, dúas achegas
Coinciden hoxe na prensa Xosé M. Sarille ("Violencia e educación", ECG) e Afonso Monxardín ("O de Boiro", GH) en reflexionar sobre os incidentes violentos entre mozos en Boiro.
Máis educación! Eles queren dicir que todo isto é cousa dos mestres. E cando o argumento non chega, amplían: materias que fomenten a convivencia, outras a boa alimentación, outra a igualdade de sexos... e infinitas, até que en cinco horas se complete o home ideal.
Pois non señor, ou señora. O problema (menor que hai anos, histerias aparte) é que os pais non poden desentenderse, que os televisores non poden vomitar de todo a calquera hora, sen obediencia a un control público axeitado, que non se poden vender libremente xogos como o San Andreas e outros, que os pais compran felices, e onde a virtude consiste en matar anciáns cun coche, e violar e cortar pernas con serróns.
Antes o saber era transmitido pola escola e o clero. Hoxe as fontes e os espazos da aprendizaxe son múltiples. Pero pensar que o mestre é o único encargado resulta moi cómodo. (SARILLE)
Así, cando as patadas que o outro día aquel cacho de escoura barcelonesa lle deu á rapaza do tren, preocupeime non tanto pola entidade dunha agresión obxectivamente menor (sen armas, navallas, sangue...) , senón porque non tiña claro que non acabase o subhome de unto por sesada entrevistado nos programas da tele -como se interesase algo o seu orneo- e como exemplo para a xuventude máis transgresora. ¿Pero... en realidade hai que difundir todo e darlle voz a todo o mundo? ¿É maior o beneficio ou o prexuízo desta difusión para a intimidade e integridade das vítimas? O que teña as imaxes de agresións debe correr e entregarllas á Policía reservadamente. Logo o selo da xustiza debe marcarse na fronte deses culpables con forza, decisión e sixilo (a palabra de orixe é a mesma, sigillum) e nunca convertendo as vítimas neses "monos de feira dos medios" que tan sabiamente teme a bisavoa do neno de Boiro, nin aos delincuentes en estrelas medáticas. Non o merecen nin uns nin outros. (MONXARDÍN)
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días