
Retorno a Iria Flavia (Camilo José Cela)
Carlos Casares tiña intención de facer, con tempo e vagar, un libro sobre as relacións galegas de Camilo José Cela: díxomo varias veces e tamén a outras persoas. Non puido Carlos escribir ese libro, de seguro polémico e de moito interese, que alguén terá que facer algún día. Mentres tanto e como introdución ó tema, vai saír estes días á rúa un volume titulado “Retorno a Iria Flavia. Obra dispersa y olvidada, 1940-2001” (Editorial Alvarellos), preparado e introducido pola profesora Olivia Rodríguez, que recolleu case 50 artigos de temática galega de Cela, incluídas varias cartas a Otero, Risco e Celso Emilio. Tócanse personaxes e temas moi diversos: de Rosalía a Torrente Ballester, pasando por Noriega Varela, Celso Emilio Ferreiro, o barallete, a Casa da Troya, Valle-Inclán, Isaac Díaz Pardo e un precioso artigo, en ABC, dedicado a “el penúltimo bardo”: Manuel Luís Acuña.