19 sept 2006

Gañar perdendo?
Leo varios comentarios (X.Luis Barreiro na Voz, liña editorial de Galicia Hoxe, no mundo blogueiro Dpaso) que dan a entender que Anxo Quintana gañou o pasado sábado, no Consello Nacional do BNG, perdendo a votación que propuña para implantar o sistema de delegados na próxima asemblea desta forza política. Vaia por diante que considero que o tema non me parece oportuno nin urxente, entre outras cousas porque o BNG non medrou significativamente dende a anterior asemblea (e ese si é un problema real, por qué non medra ou aínda perde militantes?).
A famosa votación foi unha loita de poder, como case todo dentro do Bloque, e reflicte a correlación de forzas internas: simplificando moito, un terzo escaso para o grupo de Quintana (co apoio simbólico do PNG e R.Mera); un terzo amplo para a UPG, e o resto para todos os que quedan repartidos (beiristas, Esquerda Nacionalista, exUG, Movemento pola Base, etc.). O que eu vexo, pois, é isto:
(1) Quintana pon as súas cartas sobre a mesa pero demostra o seu escaso control do aparato político da fronte.
(2) Demostra tamén que, coma sempre, Quintana non pode facer nada sen a UPG, que segue sendo o núcleo hexemónico: é previsible que os pactos futuros vaian, pois, por esa liña. De non ser que a UPG non decida prescindir de quen chegou a ese posto como "un mal menor".
(3) Todos os demais reunidos seguen sendo moi minoritarios e, como case sempre tamén, aínda se dividen (velaí o PNG, sempre tan oficialista). Hoxe é tan difícil unir todos os núcleos do Bloque de características afíns como o foi sempre: e nunca se logrou, ata agora.
Conclusión: o Bloque non vai cambiar, cando menos a curto prazo, a non ser que se produza un tsunami político.
E o máis surrealista: a negativa dese grupo de simpatizantes de Narón ós que se lles nega integrarse no BNG por non ter demostrado a súa condición nacionalista. E iso como se demostra, por certo? Quen asegura que os militantes do BNG de hoxe si teñen ese "carisma"? Ou sequera que son galego-falantes habituais?
Conclusión engadida: velaí o único partido no mundo que non quere aumentar o seu número de militantes. Un bo tema de reflexión e estudo para os politólogos...

De Cunqueiro a Gunter Grass
(Andoliña martes 19 setembro)
O certo é que internet é unha caixa de sorpresas e dá para todo. Hai unhas semanas descubrín unha web que reivindica a Cunqueiro: unha web que depende da Hermandad del Valle de los Caídos. Quero dicir que alí se fala do escritor mindoniense porque se afiliou á Falanxe cando a Guerra Civil, dirixiu e escribiu en xornais falanxistas (Era Azul, La Voz de España de San Sebastián, etc.) e abundou na retórica habitual da época: a necesidade dun César (xa saben quen, non?), os mitos imperiais, eloxios a José Antonio e o alegato antimarxista. Nada novo que non estea na exhaustiva biografía que lle dedicou en 1991 Xosé F. Armesto Faginas. Tampouco foi o único escritor de raíces galeguistas que asinou ese tipo de textos.
Dende logo, non é ese o Cunqueiro que preferimos, nin esas páxinas sobrevivirán ó paso do tempo. Pero esa realidade sempre estivo aí e sería ridículo ocultala. Pódese matizar e contextualizar, pero non negar. O xenio literario de Cunqueiro non vai esmorecer por iso. Velaí o caso Grass ó revelar a súa pertenza xuvenil ás Waffen-SS. Non pagou a pena tardar tanto en desvelar a verdade: Grass xa debía saber que se algo sobra neste mundo son voces dispostas a facer de inquisidores.
(Imaxe: Cunqueiro con Del Riego e Carballo Calero nunha fotografía dos anos 30).
O sacrificio de Isaac, de Caravaggio
Esta era a imaxe que debía acompañar onte (que non a dei colgado) o artigo sobre o discurso do Papa. Por certo, leo en Internet, ese mundo tan fascinante como atrabiliario, que semella que o anxo en vez de parar o golpe está a empuxar a man para consumar o sacrificio. E outro engade que había unha secta antiga que executaba os primoxénitos seguindo o exemplo de Abraham e que outros cren que si matou ao seu fillo. Cousas curiosas, dende logo.