24 sept. 2006

Nova tertulia. (Pan por Pan domingo 24 set.)
O venres pasado naceu unha nova tertulia en Ourense, cidade cunha longa tradición a este respecto. Foi iniciativa común do amigo Antonio Piñeiro e máis deste cronista: el suxeriuno hai un par de semanas neste xornal (La Región) e puxémonos ó conto. A acollida da idea foi excelente e o venres xuntámonos no Liceo, casa sempre xenerosa, quince persoas relacionadas co mundo cultural e coa prensa: médicos, profesores, historiadores, filólogos, artistas, arqueólogos, etc. O obxectivo deste faladoiro non é outro que crear un novo espazo de opinión e conversa, agradable e informal, entre persoas que miramos o mundo con certa inquedanza. O primeiro éxito foi comprobar que amigos de diferentes sensibilidades políticas podemos compartir un diálogo enriquecedor sobre un moi amplo abano de temas: isto xa se logrou. E creo que non é pouco. (A foto é do amigo Xulio Outumuro, tamén membro da tertulia, que, como é lóxico, é o único que falta dos que participaron o primeiro día).

O DEMO NA CULTURA POPULAR
(Andoliña sábado 23 setembro)
Manuel Quintáns Suárez é un vello coñecido dos lectores deste xornal. En “O Correo Galego”, antecesor destas páxinas de hoxe, publicou diversas series sobre literatura popular galega, coas cabeceiras “Cancioneiro galego” ou “Refraneiro e cancioneiro da Fisterra galega”, entre outras. Chéganos agora o seu último libro, publicado por tresCtres, co título “O Outro Mundo na cultura popular galega”, que ofrece un amplo percorrido polas crenzas da nosa cultura tradicional inmaterial arredor do Ceo, a Terra e o Inferno, Deus e o Demo, as bruxas e o curandeirismo ou os diversos males do espírito.
A maior aportación desta achega do profesor Quintáns é a rica documentación que nos fornece, recollida en comarcas afastadas entre si: as Terras de Soneira, Fisterra, Xallas e Outes e, doutra banda, as contornas de Celanova, A Limia e Baixa Limia e outros concellos ourensáns (con datos de M. Castro Mera). Dende eses materiais, e seguindo as teses de V. Mokienko, descóbrenos facianas ben sedutoras sobre a permanencia do demo no mundo, a corte do demo e a súa plural morfoloxía animal e humanizada, a sabedoría e bondade de Deus e do Demo ou sobre a consideración negativa das lavandeiras da noite.