23 jul. 2007






Cen anos de historia cultural
1974: Nace a grande enciclopedia galega



Obra de referencia indiscutible, foi para toda unha xeración primeira fonte de información: a Gran Enciclopedia Gallega, baixo o pulo do editor asturiano Silverio Cañada, que empeza a editarse neste ano. O seu primeiro fascículo abríase cun fermoso ensaio de Otero Pedrayo, que era tamén presidente do consello consultivo da obra. Neste órgano asesor figuraban Álvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Camilo José Cela, Luís Seoane, Álvaro Gil, Sebastián Martínez-Risco e Alberto Vilanova, entre outros, e nomes ben procedentes do galeguismo, como Beiras Torrado, e outros máis próximos á praxe política do réxime como Pío Cabanillas, daquela ministro de Información e Turismo, e José Luis Meilán Gil. Para o deseño gráfico da obra e o encabezamento dos seus capítulos encargáronselles unha serie de debuxos moi coloristas ó artista ourensán Virxilio. Proseguía o activismo cultural en todas as frontes. En Ourense, coas segundas Xornadas do Cine, patrocinadas pola A.C. Auriense, que levaban como lema O pobo e o cine. Na edición deste ano participaban o actor Fernando Rey, o director Antonio Román (de orixe ourensá), o escritor Ramón Piñeiro e os críticos de cine españois máis destacados do momento; Carlos Casares incorporabase á comisión organizadora. O mesmo Casares que nese ano remataba no xornal La Región a súa sección de retratos literarios de personaxes, titulada "Con esta lupa", con caricaturas de Siro López (creada un ano antes).
E o mesmo noutros campos. Nacía o grupo teatral Antroido, dirixido por Roberto Vidal Bolaño, e Abrente celebraba a segunda Mostra do Teatro Galego en Ribadavia, á que acudiron grupos como Ditea e Rosalía de Castro, de Santiago. No xurado daquel ano estaban Eduardo Blanco Amor, Manuel María, Euloxio Ruibal (gañador o ano anterior), Francisco Rodríguez e Xavier Fábregas. Pola súa banda Televisión Española inauguraba os seus informativos co Panorama de Galicia, en castelán, con pequenas cuñas e entrevistas en galego (era a primeira vez que o galego se asomaba á linguaxe da TV). Cando Franco viña pasar as súas vacacións a Galicia, unha unidade móbil desprazábase ata o Pazo de Meirás. As asociacións culturais tiñan unha vida moi dinámica, con cursos de galego, audicións de discos, proxeccións de cine en formatos pequenos, etc. A Auriense, por exemplo, convocaba naqueles tempos a escritores como o poeta Fiz Vergara Vilariño (cando aínda estudaba COU), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos ou X. Vilas Nogueira. En Ribadavia, en Abrente, Luís Álvarez Pousa daba unha multitudinaria charla, diante de máis de trescentas persoas, para informar do que estaba a pasar en Portugal: a revolución dos caraveis. O acto rematou con todo o mundo en pé cantando o Himno Galego. Xornalistas como o propio Pousa ou Celso Montero ían ata Porto e Braga para informar os galegos da caída da ditadura salazarista. E a música estaba tamén moi presente. Creábanse novos grupos e entidades melómanas. En Vigo, cunhas moi activas Xuventudes Musicais (nacidas en 1972). En Lugo, co grupo Folc 72, que pouco despois pasou a conformarse como Fuxan os Ventos. Tamén no 72 nacera o cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre. E a figura de Amancio Prada, co seu primeiro gran disco de temas galegos, cantados na nosa lingua: Vida e morte (Hispavox). No mesmo, o berciano cantaba poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana, ademais doutros, en castelán, de Nicolás Guillén, Miguel Hernández, Luis López Álvarez e do propio cantautor. O disco gravouse en París e Prada á guitarra estivo acompañado de Eduardo Gattinoni ó violoncelo. Os de Voces Ceibes (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella, etc.) proseguían cos seus recitais por toda Galicia.

Palabras para os amigos (monseñor Araúxo)

A non asunción ou non aceptación activa do noso ser galegos e do noso ser pobo galego é algo que afecta negativamente a tdoo o pobo, porque cada un de nós somos unha célula concreta e peculiar, un órgano vivo no conxunto do corpò que sería o pobo. Necesariamente, funcionar ou non como galegos vai repercutir na vitalidade do noso pobo que non é unha esencia abstracta, desencarnada, senón un corpo vivo, e a carne e a alma dese corpo é a terra e somos nós.

Non hai unha maneira neutral de sermos galegos: ou o somos activa e positivamente ou o somos negativamente. Sendo como é un pobo ameazado, ou o axudamos a que perviva ou contribuímos á súa morte. Non hai neutralidade posible: ou amamos ó pobo galego ou o odiamos. Os semitas tiñan moi claro que, en fondura, só hai dúas actitudes: a do amor e a do odio; e tiñan tamén claro que o odio sempre mata a un ou outro nivel: "quen odia a seu irmán é un asasino". Non amar a Galicia -pobo galego- é matala. A indiferencia nunca é neutralidade".
(Do seu discurso cando recibiu o Premio Trasalba, publicado pola Fundación Otero Pedrayo, 1989, pp.18-19).


A VIAXE DO EMPERADOR
La Región 23 xullo
O documental. O cine documental ten unha longa historia que se remite ás mesmas orixes do cine. Na historia do xénero hai obras mestras de autores como o británico John Grierson, o norteamericano Robert Flaherty (“Homes de Arán”, “Nanuk”, etc.) ou o soviético Dziga Vertov, e a este modelo narrativo tamén se achegaron de xeito máis ocasional nomes como John Ford, Frank Capra, Luis Buñuel, Joris Ivens ou Roberto Rosselini, entre outros. Hoxe o documental, sobre todo en temas relacionados coa vida natural, semella relegado das grandes pantallas e restrinxido a certas cadeas e programas televisivos, de non menor valía. Pero hai excepcións ben relevantes, como a película “A viaxe do emperador” (2005), de Luc Jacquet, que se pasou con éxito polos cines no seu día e que a TVG emitiu o pasado venres.
Peregrinos. “A viaxe do emperador” empeza cuns planos duns peregrinos a longa distancia dos que só pouco despois podemos adiviñar, na paisaxe totalmente xeada da Antártida, a súa auténtica personalidade: pingüíns emperador iniciando unha longa camiñada ata o lugar habitual de procreación e coidado das súas crías. A partires de aí asistimos a un auténtico espectáculo épico e lírico, pois o documental xoga cos sentimentos cunha elegancia singular. Coñecemos o misterio da forza da vida nas condicións máis extremas, onde o ser humano non podería resistir á forza das treboadas da neve e xeo, e tamén a forza dos instintos que marcan, de forma perfectamente planificada, a propia loita pola supervivencia. Non hai nesta contorna xeográfica ningún tipo de templos nin ningunha forma de espiritualidade consciente, só o esplendor da natureza que se regula a si mesma: velaí a idea que identificaba Deus e o panteísmo en Fichte e nalgúns románticos.
Luc Jacquet escolle un modelo de antropomorfismo e dramatización dos pingüíns para provocar a empatía con eses seres tan simpáticos como tráxicos: a traxedia está sempre presente, a ameaza da morte polo frío e as treboadas, e cando se produce o desamparo é absoluto. Ante a perda dunha cría, unha das nais, arrebatada entre os laios e a loucura, chega a querer roubarlle o seu cativo a outra nai, comportamento irracional que tamén se ten dado entre humanos.
Cooperación. A natureza soubo lograr, na longa andaina da evolución, o establecemento de estratexias útiles de cooperación e solidariedade mesmo entre moitos animais. A supervivencia destes pingüíns resultaría imposible sen o apoio mutuo de todo o grupo, para protexerse do frío e dos perigos, e por parte dos dous sexos, que cooperan con exactitude milimétrica no coidado e alimentación das crías. Os seres humanos só sabemos recoñecer a heroicidade entre nós mesmos, pero a natureza está chea de exemplos moito máis notables onde a cooperación faise ver de xeito constante e xeneroso.
“A viaxe do emperador” é unha sorte de gran poema visual, que rexistra en imaxes momentos tan emocionantes como as danzas de amor e recoñecemento destes seres e a beleza do reencontro na nova estación. Noraboa a TVG por recuperar esta xoia do cine documental.