19 jun 2010

ROSEBUD 3ª parte
Marcos Valcárcel


De Santiago trouxen moitos e bos amigos, esa magnifica xeración ERGA, moi ben catalogada por Xosé Miranda, e xentes que despois terían protagonismo cultural como Suso de Toro, Luís González Tosar, Carme Blanco, Quico Cadaval, Damián Villalaín e Claudio Rodríguez Fer.
Traballei neses anos nas Asociacións Culturais Auriense, O Galo e O Eixo, nesta ultima cun gran equipo formado por Daniel Cancelas, Merche Penoucos e Antón Baamonde, entre outros.
Ó mesmo tempo podiamos asistir a interesantes concertos ( Fausto, Sergio Godinho, Alain Stivell, etc ) e ademais ver o mellor teatro que se facía no Estado ( Dagoll Dagom, Els Comediants ).
Dende 1979 a miña vida ten outro fío conductor: MARÍA.
Amor, paixón e compañeirismo foron e son as tres columnas da nosa relación. Rosalía era escéptica sobre o papel da muller nos “amores puros” ( amor paixón ). Para convivir trinta anos é preciso algo máis: tenrura, empatía, comprensión. MARÍA tiña esas virtudes e tamén a da paciencia cun home hiperactivo que sempre tiña algún acto cultural ó que asistir. Agora, para compensar, tenme na casa todo o día.