15 jun. 2008


cen anos de historia cultural:
2005: Presenza feminina: ensaio e poesía
(na imaxe, María do Cebreiro, Teresa Moure e Xavier Alcalá)


A nosa andaina polo 2005 cultural vai empezar polo campo do ensaio e a investigación. Con forte presenza feminina neste caso, como salienta M. Forcadela no Anuario de Estudos Literarios Grial. Velaí os nomes de Teresa Moure, María do Cebreiro e Helena González Fernández. A primeira delas con dúas obras, Outro idioma é posible e A palabra das fillas de Eva (Galaxia), que provocaron un certo debate cultural tanto arredor das linguas na globalización como da súa afirmación da literatura feminina. María do Cebreiro achegaba un esforzo de literatura comparatista en As terceiras mulleres, un denso periplo pola cultura en clave feminina que parte das Metamorfoses de Ovidio para chegar á arte expresionista, pasando polas escritoras medievais, Rosalía de Castro e Virxinia Woolf. E en Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais), Helena González deseña un plano de reivindicación da tradición poética feminina, con especial atención ás autoras do século XX.
No campo da historia, cabe subliñar títulos como As cartas do destino, de Xosé M. Núñez Seixas e Raúl Soutelo, sobre a memoria dos emigrantes en América; A Coruña liberal 1808-1874, de Ana Romero Masiá; A Raíña Lupa, de Antonio Balboa Salgado, premio M: Murguía de ensaio, sobre as claves do fenómeno xacobeo; O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira (ANT); Memoria de ferro, de Antón Patiño Regueira (ANT); Galicia bajo la bota de Franco, rescate por Henrique Alvarellos dun volume publicado en Francia no 1938 e desaparecido dende aquela,da probable autoría (compartida) de Luís Seoane; e O orballo da igualdade, de Carlos Pereira Martínez, sobre a historia das mulleres obreiras coruñesas nos inicios do século XX. Nas fronteiras do xénero sitúanse os libros de entrevistas con autores consagrados, como os que achegou Xerais en Conversas con Méndez Ferrín, do xornalista Xosé M. del Caño, ou Conversas con Suso de Toro, de Antonio Pedrós-Gascón, que xeraron certo debate, máis no mundo virtual que na prensa escrita. Suso de Toro asinaba tamén Outra idea de España (Xerais), colección de artigos de temática política e reflexión sobre o nacionalismo español. A economía e a política tamén estaban presentes en O fracaso neoliberal na Galiza, de Xavier Vence; La política exterior de China (Bellaterra), de Xulio Ríos, e en Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista, de Carlos Taibo.

A mirada retida (La Región 14 xuño 2008)
A PONTE NOVA.

Xa dicía don Vicente Risco, nun texto dos anos 20, que a chamada Ponte Nova nunca podería competir en elegancia coa Ponte Vella. Situada sobre o antigo “Porto Vello”, abría aínda máis as comunicacións co concello de Canedo e coas saídas a Vigo e Santiago. O deputado liberal Vicente Pérez iniciou en 1895 as xestións para a súa realización, pero as obras non empezaron ata 1911 e só se inaugurou sete anos despois, o 13 de xaneiro de 1918. Representa a chegada á urbe das novas tecnoloxías de ferro da arquitectura contemporánea. Seica da man de enxeñeiros e proletarios vascos. Significa máis cousas: o apoxeo dunha clase obreira cada vez mellor organizada que once anos despois inaugurará unha flamante Casa do Pobo preto do Posío. Nas beiras do Miño, baixo as pontes, celebrábanse os xantares de romaría do Primeiro de Maio nos comezos daquel século, como lembra “Xente ao lonxe”. Cando eramos nenos baixo os seus piares acubillábanse os carromatos xitanos: semella que pasaron cen anos desa lembranza.
Premios Nacionais da Cultura Galega 2008

Estabamos convidados e fun a Compostela, con Afonso Monxardín, á gala da entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Do acto falarán hoxe os xornais, así que só deixo unhas pequenas notas complementarias.
Dos premiados, os máis aplaudidos foron, xa antes de falar, Isaac Díaz Pardo, Manuel Lourenzo e Ferrín. O discurso máis simpático e breve foi o de Isaac, que só lembrou a famosa anécdota de cando Unamuno recibiu un premio de mans do rei Alfonso XIII:
- Sorprendeume vostede, díxolle El Rei, por non usar a fórmula retórica de que non o merecía.
- É que eu si o merecía, dixo Unamuno.
- Pero os outros premiados declararon que non o merecían.
- E iso tamén é certo, rematou Unamuno.
Os xornais recollerán, supoño, outros datos do acto. Ben elaborados os discursos de Díaz-Fierros, reivindicando a ciencia como cultura, e de Margarita Ledo, lembrando a Carlos Velo e reclamando un cine en galego. O discurso de Ferrín, como sempre, rotundo e contundente, agradecendo á consellería a feliz idea de lanzar os premios. Antes del Manuel Lourenzo fixera un pequeno chiste-aceno ó pronunciar “Galiza” (como escapando, por se lle pegaban) e Ferrín na súa intervención debeu sentirse provocado e deletreou “Galicia”: foi unha das anécdotas da xornada.
O espectáculo paralelo gustou bastante, polo que oín: Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego, algunhas pezas de jazz e música clásica e un “Lingua proletaria do meu pobo” a ritmo de rap (confeso que isto non me entusiasmou): dende logo unha estética moderna, moi arredada da tradicional nos encontros culturais da etapa fraguista.

Ó remate, en forma de cóctel, tivemos tempo para charlar un pouco con Ferrín e felicitalo, claro, e eu quixen tamén felicitar en persoa a Margarita Ledo, máis que nada polos días do pasado, ela xa sabe. Tamén houbo anacos de conversas con amigos como Ramón Villares e Berta, Antón Baamonde, Henrique Monteagudo, Lourenzo Fdez. Prieto, Cristina Berg, etc.
Tamén foi bo momento para saudar, ás presas, a moitos outros amigos/as, como Suso de Toro, Avelino Pousa Antelo, Xelucho Abella, Clodio González, Rosa Aneiros, Felipe Senén, David Otero, Anxo Angueira, Nemesio Barxa, Olivia Rodríguez, Tuco Cerviño, Lois Celeiro, Ramón Caride, Encarna Otero, Xabier Puente Docampo, Xosé Mª Lema, Antía Otero, Iñaqui Basallo, entre moitos, moitísimos máis, outros. A Manuel López Foxo,compañeiro de mili nas Andalucías, creo que non o vía dende os anos 80. En fin, unha xornada agradable e chea de acenos culturais. (Das autoridades, por se a alguén lle interesa, presidía Touriño e asistían o vicepresidente Anxo Quintana e creo que todos os conselleiros do BNG; tamén vin por alí ó Secretario Xeral socialista Fernando Salgado).

Con motivo dos premios a Consellería editou un fermoso catálogo con textos, entre outros, de Anxo Angueira, Olga Novo, X.M. Beiras, Xavier Seoane, Pilar García Negro, H. Rabuñal, Manuel Rivas, I.Díaz Pardo, Carmen Blanco, Alonso Montero, Darío Xohán Cabana, Albino Prada e Iñaqui Basallo, que explica a simboloxía da peza escultórica en castiñeiro que se entregou a todos os premiados.