3 dic 2007

Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.

É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?



Pintadas (10). En Buenos Aires.

Un amigo, que andou de vacacións pero que segue atentamente as Uvas, fotografou para este blog estas dúas pintadas en Buenos Aires. A de Evo Morales no barrio de San Telmo; a outra en Palermo (Grazas, Tacho) .


Traballando...

Ademais de atender o blog e as miñas clases e os artigos da prensa, estes días estou a traballar bastante en dúas citas inmediatas, xa saben: Prensa e Nacionalismo e Coloquio Casares.
Cada vez estou máis de acordo con esta cita do autor de O sol do verán:

“Eu teño desde sempre unha visión puramente narrativa da vida. En realidade, gústame conta-lo mundo máis que pensar nel. Se me piden que fale de algo, que dea unha opinión ou exprese unha idea, dunha maneira espontánea póñome a contar. Ó final, sen pretendelo e quitándolle á palabra calquera contido didáctico ou moral, acabo facendo unha parábola (...) Despois de moitos anos cheguei á conclusión, que por outra parte non ten demasiado de orixinal, de que a facilidade, a transparencia e a sinxeleza son sempre resultado do esforzo e a elaboración. Esas virtudes do estilo nunca se dan dun xeito espontáneo, senón que son froito do traballo, ás veces dun grande traballo. É o mesmo que sucede coa orde, que hai que conquistala. Só un bo lector pode darse conta desto. (...)
A min sucédeme que cando vou a congresos sempre me sorprende a teima que teñen os escritores de imita-los filósofos e os profesores. Fano fatal. Eu creo que os escritores temos a nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explicar o mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso”. (AMP, 1998, p.20 e 25)

Blanco Amor e a memoria da cidade (I)



Foto: EBA en Santiago de Chile (1952)
IV Xornada de Homenaxe a Eduardo Blanco Amor
Programa, Auria 4 decembro 2007
12 h. Cemiterio de San Francisco. Participan Luís González Tosar (presidente PEN Galicia), Clotilde Iglesias (discípula de EBA, da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos) e de alumnos/as de catro institutos da cidade. A seguir haberá outras intervencións de cargos políticos (Deputación, concellería de cultura, tenencia de alcaldía).
17 h. Homenaxe do IES Eduardo Blanco Amor diante da estatua do escritor, nos xardíns da Alameda. Participarán o director deste centro, Xosé Luís Díaz Leyes, e Marcos Valcárcel.
19,30. Presentación no Liceo do libro ARS AMANDI, de EBA. Intervirán os críticos e profesores Luciano Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez e José Luís García Martín, poeta, crítico e profesor da Univ. de Oviedo.