5 jun 2008


Porca miseria (Bieito Iglesias, ECG. 5.6.08)
Imaxe: dous carteis de "Sete ocasións", a película de Keaton á que se refire o Bieito ó remate. Supoño que, coma min, viuna no Cineclube Padre Feijóo aló polo 1974, e canto rimos daquela...

Éche ben certa a sentenza que di: nunca sirvas a quen serviu. Vénme ao acordo ese consello en vista da política de inmigración do goberno italiano, a máis restritiva -calcando perigosamente na estrema da xenofobia- da Unión Europea. Porque os transalpinos viviron un éxodo só comparable neste continente ao experimentado por Irlanda ou Galiza. Para medir tal arroiada de emigrantes abonda con anotar nomes de futbolistas (Di Stefano) e baloncestistas (Ginóbili) arxentinos, de guiadores de bólidos brasileiros (Fitipaldi) ou de personaxes do cinema americano de malandros (Corleone).
Os italianos marcharon ás cheas cara ós países do Prata, a Pequena Italia novaiorquina ou a Europa dos anos sesenta; no entanto esqueceron semellantes diásporas a xulgar polas leis do gabinete Berlusconi que tipifican como delito a inmigración sen papeis. Pais e avós dos votantes do Cavaliere viaxaron como turistas a Suíza ou USA, para conseguir despois un chope e gañar a vida neses lugares de destino. Estes ex delincuentes prosperaron e agora necesitan man de obra forasteira para os labores que eles desdeñan por seren duros ou mal pagados. Desexarían, iso si, exemplares de inmigrante sans, ben mandados e traballadores, polo que contemplan con desgusto a paisanaxe que entra polos furados dos aeroportos sen que ninguén lles examine o dente, como facían antano os tratantes co gando ou os escravos. Quererían resucitar algo parecido ao Instituto Español de Emigración, que seleccionaba o persoal antes de embarcalo en vetustos comboios. Nun destes trens viaxou miña nai no 62, e o mentor que recibía en Madrid aquelas mozas destinadas aos hoteis dos Alpes deulles un enderezo para xantar e instrucións para o transbordo. Logo montou no coche, e as mulleres, véndose perdidas na megápole, correron aos catro pés atrás do automóbil atrancando as rúas. Como Buster Keaton en filme cómico escapaba dun exército de noivas vestidas de branco, o guía víase perseguido por desterradas que en Madrid xa eran estranxeiras.
O ENSINO E A DEMOCRACIA
Andoliña xoves 5 xuño

Publicáronse nestes días os resultados dun estudo da Universidade compostelá sobre competencias de estudantes de Primaria e ESO. Varios xornais destacaron en titulares unha realidade que xa era coñecida: a cultura dos pais e o seu estatus económico e educativo son determinantes no rendemento escolar dos alumnos. E isto é así, dicía Luís Sobrado, director do estudo, tanto nos centros públicos como privados, aínda que haxa que supoñer unha mellor posición económica nas familias dos alumnos que acceden ó ensino privado. Outro dato a subliñar dese traballo é a constancia dos mellores resultados das nenas en Lingua, mentres os nenos destacan en Física e Matemáticas.
Unha escola igualitaria é unha das máis grandes conquistas do mundo moderno. E convén lembralo cando dentro duns días milleiros de alumnos se enfronten ás probas de selectividade. O ensino público non só é unha peza fundamental da democracia, en canto axente valioso para a construción de cidadáns libres, senón que tamén axuda a construír a igualdade de oportunidades necesaria nun réxime de liberdades: porque, que temos as persoas, á marxe da educación, como apoio para un futuro mellor sen privilexios nin favoritismos?