Pedagoxía política
aFONSO Monxardín, g.h.-3-3-09. Debuxo de R. Patiño.
Un día, hai para aí vinte anos ou así, comezaba eu unha visita ao Parlamento británico cando unha vella desas de gafas picudas e plástico na cabeza para a chuvia se achegou onda un bedel e pediulle que lle fose chamar o deputado do seu distrito, que non sei que lle tiña que dicir. Entrementres nós subimos ao poleiro a tempo de ver como o subalterno entraba e libraba dun crispado discurso do reverendo Ian Presley a un deputado daqueles que estaban apertadiños nun escano e que parecía a espera do médico en día de feira en vila pequena. Aos dez minutos xa nós cheos de espectáculo, baixamos. E alí estaba a boa da señora rifando co seu representante, aceando co dedo índice, mentres el aturaba impasible, sentados ambos nun banquiño á entrada da sala.
Como anglófilo confeso pareceume preciosa e entrañable esa proximidade entre a rúa e o poder. Proximidade si, pero iso non quere dicir darlle a razón sempre á xente, demagoxicamente, pois ás veces a opinión pública convértese só nun perigo público. Como cando se mesturan sangue e sentimentos. Digamos o caso do asasinato da parella de gays de Vigo onde a opinión pública en forma de xurado público absolveu o inabsolvible. É preciso xulgar desde a lei e non desde os sentimentos, ideas e prexuízos. Para iso lles pagamos a profesionais. Non quero eu esa responsabilidade. E nos últimos tempos vexo os nosos políticos coxeando do pé de querer congratularse sempre coa xente que máis sae ou berra nos medios de comunicación.
Falemos claro. Coa dor das persoas debemos ser solidarios e punto. Pois temos a seguranza de que o puro sufrimento non é fonte inmaculada de sabedoría. Así, os pais das nenas asasinadas en episodios macabros non teñen por que ser recibidos polos presidentes de nacións. Esas persoas despois desas experiencias traumáticas desexan, loxica e humanamente aínda que non o digan, vinganza. Queren cambiar leis movidos só pola dor e esgazamento íntimo e non por coñecementos forenses. E non señores. Non pode ser. Que falen, que se desafoguen cos amigos, coa familia, -ou cos deputados provinciais se queren-, pero os presidentes dos estados non deben de andar ás cousas das dores íntimas e de circos mediáticos.
Hai que educar á opinión pública para facela máis responsable, máis esixente co poder, e non darlle a razón sempre e tratar de gobernar en función de Salsa Rosa.