Denuncias no reino do disparate
(Andoliña venres 16 xuño)
Carlos Callón, segundo informan os xornais, decidiu denunciar a Presidencia da Xunta e a Consellería de Educación diante do Consello de Europa por presuntas trabas ao proceso de normalización do idioma: a nova pertence, como outras que cada día chegan á prensa escrita, ao reino do disparate. Ninguén en Galiza pode pensar que o problema do galego hoxe sexa Emilio Pérez Touriño ou calquera outro alto cargo do seu goberno. Pérez Touriño preside un goberno progresista e galeguista, que se comprometeu a aplicar o Plan de Normalización Lingüística e que está a anunciar medidas novas en defensa do idioma, discutíbeis, como todo, pero orixinais de seguro.
Que sucede logo? A única explicación que entra dentro do campo da razón é que estamos ante un novo episodio de loita partidaria, cun certo aceno sectario e mesmo contraproducente na intelixencia política do goberno de coalición: non esquezamos que o goberno denunciado ante o Consello de Europa é tamén o goberno dos nacionalistas do BNG (ou non?). Callón e os seus colegas están a tirar por terra, con este tipo de actuacións, o creto político que a Mesa gañou en moitos anos en amplos sectores do noso tecido social.