13 feb 2008


Energúmenos.
Pan por pan mércores 13 febreiro (Debuxo: a ira, de Lorenzo Goñi)

Chega un a certa idade que procura reservar o seu tempo para xente interesante. Porque o tempo é escaso e é moi mal consello perdelo co fato de energúmenos que nos podemos encontrar cada día, aquí e acolá. Como eses mozos coruñeses que confundiron o botellón cunha estratexia salvaxe de escachifar os portais dos veciños. Energúmenos tamén os que berran na Facultade de Económicas de Compostela para boicotear unha conferencia da política do PP vasco, María San Gil. De seguro tal agresión verbal é froito dun sector moi minoritario e non representativo do estudantado, pero lixa o propio prestixio das aulas universitarias. Son provocacións destinadas a “batasunizar” o país, cousa que nunca tivo éxito en Galicia, e non o vai ter no futuro, malia estas actitudes tan antidemocráticas como babecas. Velaí a miña pregaria de hoxe: Dos energúmenos, líbranos, Señor.