15 dic 2007

A boutade do día

A de onte, na entrevista con Rexina Vega, en El País:

Sobredimensionada, porque o país é pequeno e igual se lle presta demasiada atención a algunhas cousas. Á Xeración Nós no ensino, por exemplo, cando arestora é unha burrada terlle que explicar Risco aos rapaces. E isto convive cunha atención desmadrada polo novo e polo de muller [acenea] nos medios de comunicación e nas esquelas.

Quizais a gañadora do último Xerais non quixo dicir isto - que a obra de Risco sobra nas escolas- ou quizais non o recolleu ben o xornalista. En calquera caso, creo que Rexina Vega debería aclaralo, se non se sente representada nas palabras recollidas.
Pregunto eu, nos programas de Literatura Castelán dos Institutos: sobra Unamuno? ou sobra Dámaso Alonso?
Última hora

De fontes ben informadas, cóntanme que dimitiu o Subdirector Xeral de Cultura, do que depende a política editorial, o escritor e amigo Francisco Xosé Fernández Naval. Que ía facelo en maio, pero adiantou a súa decisión. E que a conselleira afirmou nunha xuntanza que unha dimisión dun director xeral era case un tema administrativo, de escasa importancia.
En fin, por casos precedentes (Ánxeles Cuña), semella que a Consellería de Cultura non é lugar de acougo fácil: din que algunha figura comisarial por alí instalada provoca tantas cousas raras...

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
23. Saír de Lugo.
Para o Marcel Swann,
estes retallos case puramente imaxinados
.
(Foto: http://static1.bareka.com/photos/medium/475768/barcelona-catalunya.jpg)

Rúa de Ramón Montenegro, 1963
“E agora... volver marchar. Madrid, a casa, naciches alí, dinme. Nacer, nacín. Pero a casa era Sevilla, o balcón; o Teatro San Fernando e a academia de dona Adelita; copla, baile, actuar para os convidados. Que duro foi vir para esta cidade pequena e escura, onda esta xente seria, que non bailaba nin cantaba pola rúa aínda que falando parecía que cantasen. Tanta calma, aquel silencio esmorecido...”.

“É aparencia, agora seino. A vida, en Lugo, reside portas adentro. Non xaora no colexio, esa cadea igual ca onda as monxas de Sevilla. A merenda cas das amigas, recurtando mariquitas e lendo as historias da Celia. A función de Entroido, para cantar “El relicario”; ao final, en Lugo tamén cantan, ¿esquecerame en Madrid o “Ondiñas veñen”?. Foise facendo, pouco a pouco, fogar sen te dar conta. Os meus bichiños, ese acougo esmeralda no paseo, acocorarse na babuña e o poema; o domingo polifónico, estancia por estancia, hora tras hora, nun vagar e devalar que sacia o degoro. Cinco anos”.

“Volverei para o baile do Círculo? Queixaranse os veciños cando o papá poña o tocadiscos? Poderemos ter o Bobi? Viranme visitar Carmiña e Manolita? Onde se ven os mozos en Madrid? O colexio, unha prisión, coma o resto deles. Haberá Clube Fluvial, e praia, concerto da Banda, filloas...? Alá vas, Paloma”.

1965. A Piringalla.
- Seica marchas para Barcelona.
- Marcho. Quen cho contou?
- Meu pai, que llo dixo o teu botando a partida. Pero e logo?, tiña idea de que che estaba indo ben no taller.
- Mal non me vai, se lle chamas iso a ir tirando. “Tirando”, é o que di todo o mundo ao preguntarlle como anda. En Lugo non che hai vida, Paquiño. Teño vinte e catro anos; botei de pinche no taller dos quince aos dezaoito, antes non me deixaron meter debaixo dun coche. Xuntei catro pesetas para levar á mili, volvín hai ano e pico e non se dá feito un can. Aí vos queda todo, eu voume.
- Home, aquí ben se pode un ir valendo. A min, xa sabes, acábanme de coller na Abella, ao final hanme facer fixo e...
- E nada. A ti córreche présa casar, a Maruxa apúrate e non dás cavilado. O ano que vén vas para a mili; seguro que che gardan o choio, porque teu pai traballa alí, é home serio e con que ti non saias moi revirado compénsalles. Igual aínda che amañan para ires a Parga, despois quedar no cuartel de Garabolos e traballarlles algo. Co tempo, si, fante fixo, casas coa Maruxa; colles un piso no Agro do Rolo, nesas casas que non se para coa humidade. Tes fillos, quérelos estudar, aínda buscas outro choio para completar ingreso; cando toque, axudar na aldea, a matanza, sachar as patacas... Gañar dous pesos, traballo, traballo e traballo. Que, tamén, é o que se pode facer nesta puta aldea, quitado ir á taberna e encherte despois das oito.
- Quero mellor quedar na terra, Fermín, antes que ter todos os teatros, cafetarías e as luces de Barcelona. E que vas facer alí, traballar de mecánico?
-Acabouse a graxa de coche. Meu curmán Perico, xa sabes, que se fora hai catro anos, encontroume un choio a carretar gando para os matadoiros; aínda hei vir con frecuencia buscar becerros, non me has perder de vista tan fácil. A terra tamén che me tira a min, non digo que non. Pero toda terra é dos homes...

Barrio da Ponte, 1968
É verán, Pepiña Mourelle baixa das Arieiras. Súa nai, Josefa Mourelle, faleceu en xaneiro e todos os meses lle levou flores. Só a ela tiña na vida, gardou a touca sen lavar; pola noite búscalle o arrecendo e aínda muda o leito cada semana.

Coñece porén que a saudade rebordou calquera límite razoable. Conservará o loito adentro, retornará lembranza dolorosa en termo cada vez máis dilatado. Pero cómpre mirar pola vida. Trinta e dous fará en setembro, solteira e xa sen traza para deixar de selo. Nunca xurdiu afección intensa -fóra da nai- e unha filla de solteira con vida retirada, sen facenda nin aspecto que chame alá moito a atención, non chegou a provocar grande cobiza.

Atrás queda o empalme de Portomarín, ascende agora cara a Pontegaos. É unha boa costureira, traballo non falta nin faltaría. Seu pai, sabe quen é, ben lle axudaba de querer subir para Lugo, instalarse e realizar para as señoras encargantes o requirido labor de agulla; axudaba, que llo notou na cara polo funeral e na romaría pasada. Antes morta. En vida da nai puxo el vinte quilómetros no medio que semellaban cen; en mil e sen estrada os volverá agora ela.

Pepa Mourelle marcha para Londres desque pase o San Froilán. Fíxoo antes unha amiga da nenez, para o caso a única; no hotel onde se emprega a outra lavará pratos quen renuncia a ser modista. Adeus, vista dos meus ollos; váleme, San Lázaro. Será unha emigrante igual có tío Antonio, quen sabe onde ha de andar, se vive, na Arxentina. Ela seguro que retorna, de visita, con que a vida se endereite, canda un home se cadra e algún neno. Procurará a quen a trouxo ao mundo sen querer e, daquela, falaralle: aquí me ten, señor cura; non lle debo nada.

1969. Sanfiz.
Faltan sete días para a excursión e non che dan pasado. Saír de Lugo, por fin. Non á aldea, ou a Sarria onde viven os tíos. Non á praia de Miño. Nin sequera ir á Coruña, pasear polos Cantóns ou de comercios se fai tan prometedor; vaiche boa, nin comparanza: ao estranxeiro, vas ir ao estranxeiro por primeira vez na vida.

Polo que din algúns maiores, estranxeiro será, pero paréceo a medias. Din que os portugueses falan galego cerrado e supós que debe ser certo, xa que se os policías son “guardinhas” e o que repiten sempre “mais lá”, moito para galego non lle falta. Pero ides en autobús, durmides fóra unha noite, pasades unha fronteira.

Falan os maiores de comprar café, eles saberán por que, e gardalo non sei onde. Todo se lles vai en latricar do café, o máis la e os guardiñas. Ti recordas libros e lecturas; trescentos mil habitantes, segunda cidade de Portugal, soa a cousa grande, nunca tal viches. E como será, o Porto?

Rúa do Doutor Castro, 1970.
Non o creo, non o podo crer. El, precisamente? O preferido das mozas, o máis popular no colexio. Se hai un mes, domingo á mañá, aínda estaba mazando no Pipper’s; iso vendo eu, que desde aquela non volvín.

Eu sei que tal cousa existe polos libros; ou sexa, nunca vin que existise. Tamén hai películas, se poñen Molokai córreche algo por dentro; pero isto non é cine. Aí o vén: - Fiúza!

- Ola. Como che vai?
- Ben ves. Pero é certo?
- O tema da semana, seica. É certo e ben certo.
- Pero, ¿como... como?
- Voume facer Marista. Igual ca, hai dous anos, quería ser médico. Remato o COU e marcho para León.. Tan simple coma iso.
- Ou sexa, os dous hermanos que viñeron a semana pasada... convencéronte.
- Convenceron, si, pero con eles dous seguro que non chegaba. Non, Tomás, a mim chamoume Xesús...

1973. Avenida da Coruña.
“María:
Escríboche nun vagar entre cavilación e cavilación. Tan rápido foi o curso, logo a selectividade, case nin tempo houbo para decatarme do que vai pasar en outubro. É setembro e cáelle a unha todo enriba.

Voume da casa! A ilusión é moi grande, pero eis tamén a evidencia: mamá non vai estar, papá non me resolverá as dúbidas de química. Hai que se render a ela: en Santiago, nin Mirador Rosalía nin terrazas do Centro; nada de quedar en Radio Meilán. Estudar, disque, arreo; xa me vou preparando, logo do visto o curso pasado.

Medicina... Cando llo dixen ao papá, abriu ollos coma mazás. “Vas facer unha carreira de homes?”. Pobre papá: véndose aquí tan poucas, aínda non debeu asimilar que lles permitan ás mulleres facérense médicas; e aínda se fose puericultora, pero... cirurxiá!!?? Para abrir enfermos, cortar e andar co sangue? Esqueceu que, cando nena, nunca unha ferida me sacaba de ir xogar, viñan el ou ela a correr detrás miña coa mercromina e o esparadrapo. En fin, ver unha filla súa co título (iso espero) será de certo a mellor cura de espanto; ademais, quiteille unha preocupación: a farmacia, definitivamente, será para o meu irmán.

Ben, Compostela. Poderei estar máis, e máis a gusto, co Fernando, el vai facer Económicas; e iso que na residencia onde me meten, “Cristo Rey”, seica é obrigado entrar ás nove en punto da noite. Contigo tamén, xa non só na praia e en agosto. Imaxinas? Vernos todas as tardes, ou de cada dúas. Cultivar a miúdo esa novidade con gusto especial, falar galego, sen temor a que apareza a nai medoñenta de que a filla se lle volva unha pailana. Pobre mamá, aínda non me fun e xa murmurando dela. Déixote, volvo aos meus planos. Bicos e apertas mil.
Charo”.

Burozos, 1975.
Orde para que a recruta Enrique Sangiao García, nado en Lugo, provincia de Lugo, o 18 de setembro do 1955, se persoe o día doce do próximo mes de xaneiro, e ano de 1976, a fin de integrarse na expedición na que será conducido ao Campamento de Instrución de Recrutas de Alcalá de Henares, onde realizará o seu período inicial de adestramento militar.

- Ala, fodeuse, a cortar o pelo. A ver se, polo menos, quito o carné de primeira.

Risco, Piñeiro, Casares
Andoliña sábado 15 dec.
(Caricatura de Vicente Risco, por Álvaro Cebreiro)
Resultou ben interesante o Simposio Internacional Carlos Casares, celebrado en Auria polas tres universidades galegas. Remata hoxe. Afondouse no seu xornalismo, na orixe das novelas Xoguetes, Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul e nas referencias europeas da súa literatura. É de subliñar Tempos de Compostela, a conferencia que impartiu Arcadio López Casanova co seu estilo elegante, mesurado, impecable: por sorte está gravada. López Casanova evocou os días comúns en que os dous descubrían o país na súa estadía universitaria (1961 a 1964) con anotacións valiosas sobre sucesos como as Festas Minervais ou o primeiro Día das Letras Galegas de 1963. Na charla do poeta aludiu a Vicente Risco, xerando unha pequena polémica. Deu conta do desgusto de Casares cando saíu o libro de Ramón Lugrís e encontrouse coa imaxe que de Risco había nos reducidos ambientes galeguistas, incluído Ramón Piñeiro. Casares só quería defender o seu mestre e amigo dos faladoiros ourensáns. Pero mestre en valores e en ideas estéticas, non nas políticas.
O galeguismo de Casares tivo outras fontes arredadas de Risco. Pero, ademais, o autor de Ilustrísima rendíalle culto á amizade, moi por riba desas diferenzas.

Sábado 15 decembro, 13 h., dende o Liceo: proposta dun novo roteiro Carlos Casares, conducido por Marcos Valcárcel.