30 abr. 2007


O MEDO É LIBRE E A CONDICIÓN HUMANA

La Región 30 abril (Imaxe de G. de Chirico)

Somos uns bestas. Non se asuste, querido lector, non me refiro a vostede nin tampouco a min mesmo, claro. Pero se vostede pertence á categoría home, vostede tamén ten razóns para avergonzarse da subespecie natural na que o seu ADN o deixou predeterminado. E se vostede pensa en masculino, o menos que pode facer, coma min, é horrorizarse ó ler titulares coma este: “Cada 12 minutos detense un home por violencia de xénero” ou “Un de cada dez arrestos que se fan en España é por maltrato machista”. Non, non é para estar satisfeitos da condición masculina, aínda que eu non coñeza na miña contorna a elementos destas características. Cando menos moitos homes son seres capaces de facer un dano considerable ós seus supostos seres queridos e de impregnar de medo a aqueles que con eles deberían compartir a súa vida e os seus afectos. E o medo é libre: por iso non se entende a decisión dese xuíz de Valladolid que arquivou unha denuncia de maltrato presentada por unha profesora de instituto por descartar, dicía este orixinal xuíz, que unha persoa licenciada poida sufrir maltrato sen pedir axuda externa. Pouco sabe da condición humana este maxistrado. Recomendámoslle unha viaxe polas novelas europeas do século XIX: quizais recoñeza mellor a realidade dende as páxinas dun libro.
Videla e Massera. Foron perdoados polo presidente arxentino, o peronista Carlos Menem, en 1990. Dende aquela cada semana fóronse coñecendo novas atrocidades contra os dereitos humanos por parte do expresidente da xunta militar da ditadura e do seu xefe da Mariña. Videla está hoxe en arresto domiciliario, acusado polo roubo e entrega en adopción ilegal de nenos nacidos de mulleres embarazadas detidas, que logo eran asasinadas e feitas desaparecer. Unha páxina horrorosa da historia de Arxentina (e de Chile e da mesma España hai unhas cantas décadas). Agora a xustiza arxentina declara ilegal o indulto destes militares: os seus foron crimes contra a humanidade e como tales non prescriben. Ninguén pode devolverlle a vida ás vítimas, pero si, cando menos, a dignidade da súa propia memoria.
Homenaxes. Hai unhas semanas o Partido Popular facía unha interesante proposta, desas que só se lle ocorren ás forzas políticas cando están na oposición: prohibir as viaxes a América dos políticos nas previas ás eleccións. Porque as campañas electorais perturban as boas intencións. Pola mesma razón, quizais houbese que prohibir no mesmo período a celebración de homenaxes: ninguén dubida que personaxes como Celso Montero, Luís Taboada ou Antón Moreda merezan moitos recoñecementos, pero pode resultar sospeitoso que se promovan cando hai que pelexar por una foto de interese electoral.
A imaxe de España dende fóra. Sobre este tema falaron no Foro La Región unha xornalista inglesa, Elizabeth Nash, e outro alemán, Werner Herzog. “Ó falar, o español revela o seu xeito de ser e, sen darse conta, amosa o seu subconsciente”, dixo Herzog, subliñando que as linguas son moito máis que un sistema de comunicación. Proben a cambiar na frase o concepto “o español” por “o galego” e mediten despois se seguen estando de acordo coa citada frase.

29 abr. 2007






















CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1964. FERRÍN. OS ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.

(Fotos de Ferrín nos 60, as Cantigas da UPG de Celso Emilio e Darío Álvarez Blázquez)
Arrabaldo do norte. Nace a UPG, con Ferrín e Luís Soto
Edicións Castrelos e Xosé Mª Álvarez Blázquez na RAG
Día das Letras Galegas dedicado a Castelao. Crecente Vega, R. de Valenzuela, os cancioneiros de Airas Nunes e Lourenço
Torrente en Pontevedra: os artigos no Faro. Créase Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña. Bal i Gay. Gómez Ledo. Emilio Pita. Rey Romero, primeiro Pedrón de Ouro. Morren Gala Murguía, Suárez Picallo, Arturo Souto, Fernández Flórez, Elsa Fernández.
Portugal
Dende outro ámbito cultural, o poeta Carlos Marzal reivindicou recentemente a necesidade de incorporar o portugués á escola e aproveitar as sinerxias culturais que iso xeneraría, alternativa que tamén se defendeu recentemente neste foro.
Velaquí o seu excelente artigo, completo (só dicir que eu engadiría na lista de traductores lusófonos ó noso Basilio Losada).

En mis ensueños de pedagogo por libre, se me ocurre que una hora semanal de portugués en las escuelas –ahora que el español es lengua de enseñanza obligatoria en Brasil– haría más por la formación integral de nuestros alumnos que las tan necesarias y bien empleadas horas de inglés. Con muy poco esfuerzo los acercaría a una extraordinaria e inacabable literatura, a una de las civilizaciones más apasionantes de la historia cultural, y a formar parte de una comunidad hispano-portuguesa de cerca de 700 millones de hablantes. Casi nunca, con tan poco, se podría hacer tanto.

Brincadeira

(Pan por Pan 29 abril. A caricatura de Ramón Villares é de Fausto e está publicada na II Bienal de Caricatura de Ourense)

Tocoume onte compartir o xantar con varios amigos do mundo cultural, no Balneario de Mondariz. Na conversa, en ton lúdico, xurdiu o tema dos parecidos con famosos. Alonso Montero confesou que máis dunha vez o confundiran co humorista Quique Camoeiras. A Pepiño de Redondela case lle fan inaugurar unha exposición en Compostela pensando que era o alcalde Xerardo Estévez. Noutra ocasión xantaban xuntos o mesmo Pepiño e Ramón Villares, cando era reitor, nunha taberna de Redondela. E viron que uns paisanos miraban cara eles de seguido dende a barra. Un deles achegouse e intercambiaron unhas palabras. Volveu pouco despois e invitounos a unhas copas. Quedaron agradecidos e sorprendidos. Aínda se achegou de novo e díxolle a Villares: “Logo tennos que contar os chistes de onte na televisión”. Daquela caeron da burra: pensaban que o reitor era Moncho Borrajo.

28 abr. 2007


Rigorosa exclusiva: Premios da Crítica

Sairá mañá nos xornais, pero voullelo adiantar ós meus lectores/as. Reuníronse hoxe todos os xurados dos Premios da Crítica de Galicia, no Balneario de Mondariz.

Tocoume no de Creación Literaria e podo anunciarlles xa que o gañador foi a extraordinaria novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal, cunha mención ademais para o poemario Parábola do incrédulo, de Manuel Álvarez Torneiro.

Se non estou errado, noutras categorías houbo premios para Francisco Sampedro, Ricardo Gurriarán, Os Xérmolos de Guitiriz e o programa musical Alalá, da TVG. Noraboa a todos eles por tan merecido galardón.

E podo engadir, cheo de orgullo, que, non sei cómo nin proposto por quén (entereime de esguello no xantar posterior), estivo a debate no apartado de Iniciativas Culturais este humilde blog, As uvas na solaina, que facemos entre todos e todas nun clima de tolerancia e bonhomía. Aínda que desta vez non caiu o premio, é evidente, como xa temos falado outras veces, que hai moita xente que nos segue e nos escoita con atención. Graciñas a todos e todas.
(De agasallo vai unha foto de Manuel Rivas, iso si, un pouco máis noviño, como é obvio)

Sobre Cine e Literatura (un consello)
Pan por Pan sábado 28 abril (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens)

No mundo actual Cine e Literatura non son xa realidades paralelas, senón a cotío complementarias ou converxentes: os escritores de hoxe non se poden sentir alleos á pegada das linguaxes do cine. Tamén nas letras galegas, cando menos dende os 50 e a Nova Narrativa Galega.
Pero, a relación entre estas dúas formas de expresión non ten só unha dirección. Canto lle debe o Cine á Literatura? Antonte estivo o director Vicente Aranda en Vigo, onde roda unha película, e tivo alí un encontro con alumnos de varias escolas audiovisuais. E deulles un consello moi claro: pediulles que leran ós escritores realistas, a Stendhal, a Balzac, a Flaubert, etc. Porque os cineastas fan o mesmo que eles: narrar. E facer cine non é só colocar ben un plano, senón saber narrar unha historia. Para facer cine, díxolles tamén, apréndese máis lendo a literatura do século XIX que vendo películas.
CASA DE CITAS (2)
Pálido sol en cielo encapotado,
mozas rollizas de anchos coliseos,
tetas de vacas, piernas de correos,
suelo menos aburrido que regado.
Campo todo de tojos matizado,
berzas gigantes, nabos filisteos,
gallos del Cairo, búcaros pigmeos,
traje tosco y estilo mal limado.
Cuestas que llegan a la ardiente esfera,
pan de Guinea, techos ahumados,
candelas de resina con tericia,
papas de mijo en concas de madera,
cuevas profundas, ásperos collados,
es lo que llaman Reino de Galicia.
GÓNGORA

Tierra donde las doncellas
llaman hígado al rubí,
y andan hechas San Antones
con su fuego y su gorrín.
En donde las regaladas
llevan su cuerpo gentil
en talegos, como cuartos,
huyendo del caniquí.
Muy góticas de facciones
y de pelo muy espín;
virginidades monteses
aman a lo jabalí.
FRANCISCO DE QUEVEDO

27 abr. 2007


A TRISTE HISTORIA DA HISTÓRICA SIGLA
(Manuel Rivas, hoxe en El País: o artigo completo. Na imaxe, Antón Villar Ponte)
Algúns experimentos que se andan a facer, teñen que ver coas mutacións no tradicional electorado da dereita en Galicia. Son novos e vellos palangreiros que tratan de pescar nese caladoiro. Para metamorfose, a do Partido Galeguista. Eu xa non sei se é coleóptero ou lepidóptero. Da historia das siglas, esta é unha das máis tristes da historias. Unha coruñesa, María Teresa Alvajar, contábame hai pouco como a súa nai galeguista, Amparo Jean, trataba a Castelao de irmán en público, para escándalo dos túzaros. Así era, o partido dos irmáns. Esas siglas atesouraron, en tempos decisivos, a honra ilustrada de Galicia. Foron un referente político, mais tamén moral. E na Coruña, o Partido Galeguista tivo máis importancia e presenza da que se adoita falar. A Agrupación de Mulleres era a máis importante. E figuras como a do xornalista Antón Villar Ponte déronlle unha clara identidade de esquerdas. Agora, pobres siglas, son usadas como nun teatro de monicreques. Nin a propaganda é feita en galego. Nin se defende o topónimo coruñés. Unha mofa e unha befa. Iso si, o candidato convida a voar en avioneta por riba da cidade, nun acto de perigosa seducción electoral. A campaña friqui. E Carlos Marcos, que así se chama, vén de decir que pode pactar con calquera, agás co Bloque Nacionalista Galego. Por que? Porque son "inimigos da Coruña". Eu non teño que ver co BNG, e mellor para o BNG e para min, mais penso que esta linguaxe non debería figurar no vocabulario democrático e ten moi pouco que ver co verdadeiro carácter coruñés, de estilo e tradición republicana. É unha linguaxe bélica que nos leva ás teorías do Carl Schmitt. Inimigos? Xa pasou o tempo dos inimigos, ho.

26 abr. 2007

Igrexa e franquismo
Chegáronme hoxe (grazas á editora 3C3) estes dous tomazos sobre a Igrexa e o franquismo, que onte se presentaban en Compostela. Sabemos da seriedade do seu autor, Xosé Chao Rego (foi o meu primeiro xefe de seminario de galego nun Instituto de Compostela, aínda que só por mes e medio: eu ía de sustituto daquela), unha das máximas autoridades neste campo de estudo e investigación, e esperamos aprender moito das súas páxinas: comentarémolo aquí en canto lle metamos o dente.
Os nabis e os escultores españoles das vangardas

Este solto vai dirixido sobre todo ós lectores/as non ourensáns (e tamén os ourensáns se aínda non as viron) : porque vou recomendarlles dúas magníficas exposicións que temos en Ourense estes días e que quizais ata se animen a facernos unha visita na ponte para vir velas.

A primeira delas inaugurouse antonte e leva como título LOS NABIS. PROFETAS DE LA MODERNIDAD: está no local de Caixanova, en plena Praza Maior, e creo que xa estivo antes en Ourense. Ten pezas de Paul Gauguin (na foto, "A filla do patrón"), Emile Bernard, Edouard Vuillard, Paul Sérusier e Georges Lacombe, entre outros, procedentes todas de museos franceses.

E no Centro Simeón segue EL VOLUMEN APROPIADO, unha colectiva de escultores españoles do tempo das vangardas: Pablo Gargallo (na foto un seu debuxo: "Retrato dunha moza na praia", 1933); Pablo Serrano; Honorio García Condoy e Ramón Acín, este último militante republicano fusilado no inicio da guerra (deseñou un monumento a Galán e García Hernández en Jaca que non se chegou a facer, na mostra están os bocetos). Esta é unha mostra patrocinada por Ibercaja que tampouco ten desperdicio.
Nos dous casos editáronse dous catálogos excepcionais que tamén paga a pena gardar.
Os nabis.
Pan por Pan 2 maio
Dende hai uns días pódese ver, nos locais da Praza Maior da Fundación Caixa Galicia, unha exposicións imprescindible: Os Nabis. Profetas da Modernidade. Con ese nome se designa a un grupo de artistas franceses, que seguiu a pegada de Paul Gauguin nos doce últimos anos do século XIX: Paul Sérusier, Paul Ranson, Pierre Bonnard, Felix Vallotón, Xavier Roussel, Georges Lacombe e Edouard Vuillard. As súas pezas, como esas mulleres bretoas xogando coas augas bailantes de vizosa decoración modernista, falan dun mundo cheo de espiritualidade, crítico cos xeitos mecanicistas e materialistas da nova civilización urbana e industrial. Do tempo dos poetas simbolistas, os nabis reivindican o misterio e os soños, as lendas e as alegorías, a color como expresión dos estados da alma: a arte como nova relixión, unha arela que segue sendo válida para os artistas de hoxe.









TELEXENIA
(Pan por Pan 26 abril. Imaxe de Bud Fisher)

Chegou a hora da telexenia. Dos programadores de imaxe. ¿Firmeza ou naturalidade? ¿Modernidade ou determinación? ¿Frescura ou seguridade? Non se preocupen: todo está previsto, todo pensado. Para iso están os asesores de imaxe: non haberá candidatos do PP con polo, porque iso seica é demasiado informal. Os socialistas van amosarse relaxados, sorrindo e mirando de lado a cámara. A liberdade individual non conta: e el non será todo isto outra mostra de homes e mulleres obxecto? Porque, nos tempos da corrección política, os candidatos están máis predeseñados que as misses das pasarelas.
Por certo, sorprende esa foto de Francisco Rodríguez nalgúns carteis (candidato socialista en Ourense), cos brazos e as mans abertas á vista: coa mesma iconografía dun Cristo na Santa Cea ou dicindo aquilo de “que os nenos veñan canda min”. Pero supoño que quere dicir “deixade que os votos veñan canda min”.
Zeca Afonso: moi ben pola TVG

Na noitiña do mércores fomos todos á cama entoando para nós o Venham máis cinco e Verdes son os campos...: velaí o milagre da televisión. Moi ben pola TVG, pola gravación da gala de homenaxe ó Zeca Afonso, Sempre 25 abril, en Pontevedra. Non é doado axuntar tal cantidade de grandes figuras da música galega e portuguesa, ata 22 cantores e grupos: só contemplar nun mesmo espectáculo a Uxía Senlle e Dulce Pontes xa é un agasallo irrepetible.
Para os que rondamos os 50, o espectáculo, mesmo visto por televisión, foi tamén un doce remoer da memoria. Ensarillados na nosa saudade, vimos pasar diante nosa os ecos dunha parte notable da nosa mocidade: Xosé Afonso, Miro Casabella, Sergio Godinho, Fausto (este só nunha entrevista), etc. E descubrimos outros grandes artistas da música portuguesa máis recente que seguen o ronsel de tan egrexios mestres. Houbo tempo, por suposto, para a apelación ó combate: ese Franco asasino na voz de Antón Reixa e os vivas ó Poder Popular.
Zeca Afonso segue vivo na súa música para nós, sen dúbida. Pero que pensarán os mozos de hoxe, que non viviron aquelas vedrañas emocións, aquel alento ergueito que estaba na raíz das súas cantigas?

25 abr. 2007


CASA DE CITAS
O alento étnico
"... O canteiro ó decorar unha parede aldeá, ou o labrego ó deseñar coa súa navalla un mundo ornamental na madeira dun xugo de bois, non obedecen a capricho individual. responden ó impulso étnico que non saberían nunca explicar"
RAMÓN OTERO PEDRAYO
(Imaxe: Espiral, de Menchu Lamas, obra presente na exposición de homenaxe a Méndez Ferrín)

O EQUILIBRIO ELECTORAL EN FRANCIA

Andoliña 25 abril

Europeos coma nós, os franceses non son moi diferentes de nós mesmos: seguen as mesmas series televisivas, aman o seu cine (máis que en España), andan a loitar contra o tabaco e gustan tamén das humoradas do guiñol. Teñen máis fillos que os españois, iso si, e máis inmigración e uns valores laicos asentados, aquí máis minoritarios. En cambio, o seu sistema de partidos actual ten diferencias notables co dos seus veciños do sur. Velaí a ausencia electoral de partidos nacionalistas ou a forza relativa, na primeira volta, da estrema esquerda, moi dividida pero que supón case un 10 por cento dos votos (máis de tres millóns de votos). Teñen tamén unha estrema dereita racista e xenófoba, autónoma na súa organización, con Le Pen e mesmo Philippe de Villiers, cun 13 por cento electoral, con catro millóns e medio de votos.
Polo demáis, o peso electoral de esquerda e dereita semella equilibrado en dous bloques arredor do 30 por cento (con ventaxa do conservador Sarkozy sobre a socialista Ségolène) e un amplo colchón de voto centrista, perto do 20 por cento (desaparecido en España dende a disolución da UCD). Serán os electores do centrista F.Bayrou os que decidan ó final: solución que algúns mesmo envexan dende España.

24 abr. 2007

Do voto emigrante e dun país que desaparece...

En casa allea, encontramos hoxe dúas entregas que merecen ser aquí recollidas e supoño que comentadas. Por exemplo, o que opina en Galicia Hoxe Afonso Monxardín sobre O disputado voto do señor emigrante:

Os emigrantes debían ser os primeiros en se manifestaren contra o seu dereito a voto nas eleccións españolas. Porque cun dereito vén un deber. E non podemos obrigalos a ser partícipes das nosas liortas, nin a ser sabedores, polo miúdo, do que acontece nestas terras. E aínda é peor a división artificial que se produce alá. Galicia -e España- débense ocupar dos seus emigrantes en América por pura xustiza, non por un puñado de votos. Eles sacáronnos a fame, por activa, ao enviárennos cartos nos anos da posguerra, e por pasiva, ao restaren bocas dunha España famenta. Agora tócanos a nós. Así, a emigración -e a inmigración-, deben ser cuestións de Estado, afastadas no posible do debate político.

E esta reflexión de Xosé M. Sarille sobre a caída demográfica e a escasa atracción de poboación inmigrante por parte do noso país: Galicia é un barco sen luces, xogando o autor coa metáfora pimenteliana:
Segundo o organismo estatístico da UE, Galiza perderá trescentos mil habitantes nos próximos vinte anos. Ficará con dous millóns catrocentos mil, dos cales a terceira parte serán vellos con máis de sesenta e cinco anos. Esta noticia, recollida por EL CORREO GALLEGO e Galicia Hoxe, é extraordinariamente importante porque a poboación é unha riqueza básica, sen a cal non se pode construír ningún país que queira chamarse país, e xa non digo nación.
Galiza non ten capacidade para atraer inmigrantes, un factor fundamental para o desenvolvemento e a saúde social, e ademais perde peso demográfico no conxunto do Estado español. Talvez para esa data sexamos máis ricos que hoxe, por estarmos aínda máis subvencionados, pero teremos menos que dicir socialmente. Politicamente seremos un país residual e apenas teremos futuro.

DÍA DO LIBRO. PAN POR PAN martes 24 abril
(A imaxe é do debuxante de BD italiano Giardino. En comentarios adxuntarei o listado de textos lidos e de alumnos/as participantes)

Celebramos onte no Instituto da Carballeira o Día do Libro. En mancomún varios departamentos organizamos un recital poético no que un amplo grupo de mozos e mozas recitaron máis de 60 poemas en diversos idiomas: en galego e en castelán, tamén en inglés, en francés, en latín e en grego. Un power point de retratos de escritores e imaxes de artistas foi o único decorado necesario para os versos de Lorca e de Alberti, de Pedro Salinas e de Miguel Hernández, de Paul Éluard e de Shakespeare, de Emily Dickinson e de Neruda, de Celso Emilio e de Antón Tovar, de Ferrín e de Manuel Luís Acuña, de Olga Novo e de María do Cebreiro, de Catulo e de Ovidio, entre outros. Foi un acto sinxelo, si, pero conseguimos que durante case dúas horas un cento de rapaces escoitasen poesía en silencio, ese xénero que algúns queren dar por morto. Pero a poesía aínda pode facer moitos milagres neste mundo.

23 abr. 2007

PERIGO DE HIPERSATURACIÓN
La Región 23 abril
(Imaxe de "Salammbó", do debuxante de BD francés Philippe Druillet.

A campaña interminable. Levamos xa moitos meses de campaña electoral interminable, porque isto non é precampaña, é campaña pura e dura: cada día temos visitas de ministros, conselleiros, altos cargos políticos, con maletas cargadas de promesas. Xa temos no mercado, só na cidade de Ourense, unha cidade termal, catro mil vivendas protexidas (se sumamos as ofrecidas por partidos diferentes), un Palacio de Congresos, por suposto o AVE, non sei cantas residencias para maiores e unha autopista sen peaxe ata Dozón. (Ademais, do Banco de España para usos culturais, que non nos esquecemos do tema). Todo iso está moi ben: se logo se mantén despois do mes de maio.
As axendas dos candidatos botan fume e van precisar de moita xelea real e horas de ximnasio para resistir incólumes ata dentro dun mes. Pero ás veces me pregunto se os estrategos dos grandes partidos (existe tal cousa?) non terán pensado na posibilidade do efecto contrario: non pode ser que tal hipersaturación da campaña produza aburrimento e mesmo desengano entre as xentes e mesmo moitas se absteñan de ir logo votar. Entendo que o reto de mobilización do voto afecta sobre todo á esquerda, porque o electorado de dereita é máis disciplinado e obediente e non faltará á cita. Pero na esquerda é preciso algo máis: algo que leve mesmo ó elector desencantado a molestarse en acudir ó colexio electoral. Ese algo pode ser a sensación de sentirse estafado como sucedeu no 14-M ou a protesta contra a guerra de Iraq ou o desgoberno no Prestige. Agora ofrécese xestión, promesas electorais a esgalla, o eterno sorriso do candidato: chegará con iso?

22 abr. 2007




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1963

Primeiro Día das Letras Galegas
Nace a revista Grial
Nacen Castrelos e Ed. Do Castro
Historia da Literatura Galega Contemporánea (Carballo Calero)
O segredo do humor (Celestino Fernández de la Vega)
Poemarios de Pura Vázquez, María Mariño, Díaz Jácome, Guerra da Cal, Anxel Sevillano, Delgado Gurriarán, Emilio Pita, etc.
Raíz e Tempo, radio en galego, por Xoana Torres.
Nace a AC. O Facho.
Cen Anos de Literatura Galega, exposición en Lugo, da man de Alonso Montero.
Vicente Risco na cultura galega, de Ramón Lugrís

Ánxel Fole e A. Cunqueiro na RAG
Nace o Partido Socialista Galego (PSG) cunha forte presenza de intelectuais galegos.
Moren Vicente Risco, Gonzalo López Aberte, Antón Valcárcel, Manuel Gómez Román, Vidales Tomé, Xosé Rubinos, María Dolores Díaz Baliño, etc. E nacen ...

Cafés e salarios.
Pan por Pan 22 abril (Imaxe: Carta amorosa, de F. Clouet, s.XVI)

A min non me parece relevante que Zapatero ou Rajoy saiban o que vale un café nunha cafetería da rúa: é obvio que poucos cafés pagarán eles e de seguro teñen cousas máis importantes nas que pensar. Hai grandes problemas no país ós que deben atender con prioridade e xa terán asesores e xestores para estas miudezas que, ó cabo, son determinadas polo mercado. Tampouco me preocupa saber o qué gaña cada político, sempre que o faga ben no seu posto: pero quizais Rajoy foi un pouco covarde ó eludir o tema e declarar que “miro mi cuenta a final de mes porque lo necesito, y muchísimo”. Outro pobre de solemnidade como Esperanza Aguirre. Pero isto non é certo e pode ser un insulto ós millóns e millóns de persoas que non vemos nin en soños os nove mil ou doce mil euros ó mes que din que gaña Rajoy. Non somos ricos, xa o sabemos, pero tampouco parvos.


Galicia Hoxe, as portadas máis ousadas
Sen ningunha dúbida, o xornal Galicia Hoxe merece o título de medio galego máis ousado nas súas portadas, a xuzgar polo ofrecido nos últimos meses. Vexan esta imaxe de Kate Moss que se publicaba, en gran formato, o pasado 18 de abril. No interior ofrecíanse outras imaxes máis, entre elas un excepcional retrato que lle fixera Chuck Close no 2003.
E pechemos aquí o pé de foto antes de ser alcuñados de machistas intolerantes.

Os parabéns da semana
(Imaxe de Peter Zokosy)
A Agustín Fernández Paz, por eses 65.000 exemplares de Cartas de inverno (nova comentada en Brétemas).
Ás forzas de seguridade por explicitar o seu compromiso coa lingua galega na xuntanza do pasado venres: En galego, con toda seguridade, campaña promovida pola Asociacións de Funcionarios de Normalización Lingüística.
A Méndez Ferrín e a Manuel Rivas, por reivindicar a memoria de Casares Quiroga e reclamar que se anule a impudicia do nome falanxista dun hospital coruñés (nova comentada en Arumes). A Manuel Rivas, ademais, por conseguir o merecido premio dos Libreiros de Madrid do ano 2006 pola súa novela Os libros arden mal.
Ó concello da Coruña que inaugurará nesa cidade, o próximo día 27, un Parque co nome do escritor Carlos Casares.
Ó poeta Darío Xohán Cabana, por ofrecernos un poemario tan auténtico, tan no seu estilo, como Cabalgada na brétema (Galaxia).
A Francisco Xosé Fernández Naval, gañador, segundo conta a prensa hoxe, do Premio Cidade de Ourense de Poesía, co seu poemario Miño.
E a Xavier Puente Docampo , grazas cinéfilas (xa sabe el por qué).
Poden engadir vostedes, se o desexan e lles parece pertinente, máis parabéns.

21 abr. 2007

Escribía Ramón Piñeiro
(Fragmento dun artigo de prensa. O artigo enteiro vai colocado como primeiro comentario)
Asistimos ó nacemento da revista “Grial”, emulando o modelo da “Cruz y Raya” de Bergamín, e comprobamos a plena consciencia que tiña o grupo Galaxia do significado no seu tempo da tradución ó galego de Heidegger: “para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros segundo a cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”. Mesmo Piñeiro rexeita con acerto, xa en 1954, unha crítica que anos despois lle sería dirixida, o seu suposto “culturalismo”: “o meu orgullo galeguista cifrábase en ter incorporado á lingoa galega dous nomes de primeirísima calidade: Ánxel Fole e Luís Pimentel. Eu penso que a incorporación dun bo poeta ou dun bo prosista é máis importante para o porvir histórico de Galicia que a posible incorporación dun ministro ao Goberno de Madrid. Na etapa actual da vida galega pódese dicir que os verdadeiros ministros de Galicia son mesmamente os seus poetas e mailos seus escritores e artistas”.
Arredor do blog

Estes días tiven múltiples problemas informáticos, dos que vostedes non se enteraron, pero por iso escribín menos (colgando textos dende o Instituto). Unha treboada averiounos ascensor, tv e conexión a Internet: telefónica foi rápida e cambiei a conexión un día despois, pero logo empezou a fallar o portátil. Bloqueábase case ó empezar. Revisado por amigos (Antonio, da Casa da Xuventude) quizais o motivo sexa que o aparello se quenta con facilidade: o técnico de Inforcom (Manuel Expósito) onde fun hoxe limpou a fondo o ventilador, a ver se agora vai ben...
E a noitiña do sábado tiven unha longa entrevista coa xornalista Belén Regueira e co amigo Manuel Bragado (Belén tamén estivo en Ourense, cun fotógrafo, e charlamos moi de vagar). A Belén sorpréndelle sobre todo que dous "carrozas", arredor case dos 50, sexamos tan fieis no asunto este (moitos outros pinchan) e ademais teñamos un coro de seguidores tan entusiastas: no diálogo intentamos explicar as causas diso e niso teñen vostedes moito que ver. (Pola nosa-miña banda, o principal mérito quizais sexa a constancia e dispor dunha vida abondo organizada e rutinaria -agás cando fallan os aparellos-: hai uns meses falaba eu disto con Antón Costa, que me coñece de vello, e dicía el: "ti, si; ti, sendo como es, poderás manter un blog no tempo...").
A entrevista vai destinada a unha reportaxe sobre o mundo dos blogs que seica estará na páxina do Consello da Cultura Galega, no Culturgal e na rede en xeral. Falamos con toda a vivacidade e liberdade co trebello ese do Messenger que nunca usará, pero confeso que é divertido. Agora sei por que entrampan os rapaces co tema. Falamos de moitas cousas das que temos falado aquí (xa lles avisarei cando se publiquen os resultados da charla) e mesmo dei tres ou catro enderezos de contertulios que máis trato, porque creo que tamén lles queren preguntar algo ó respecto (así que, se os chaman, non se asusten, será por isto). Máis nada, seguiremos fedellando...





CARLOS GIMÉNEZ E A MEMORIA
Carlos Giménez é un dos nomes máis relevantes do que en tempos se chamaban tebeos e a modernidade deu en chamar comic ou banda deseñada. Os lectores da miña quinta lembrarán as súas series en medios como “El Papus”, “Totem” ou “Muchas Gracias”. Neles e tamén en albumes independentes popularizou historias como “Paracuellos”, que relata, nun clima lóbrego e gris, a infancia de moitos nenos da posguerra española no “Auxilio Social” franquista. Moi logo soubemos que o propio Giménez pasou boa parte da súa infancia nun orfanato franquista. Nos anos 70 devoramos as historias de Giménez, singularmente aquelas tan tinguidas de sátira e denuncia, que levaban os títulos de “España una”, “España Grande” e “España Libre”.
Leo agora unhas súas declaracións nas que afirma que foi un adiantado en reivindicar a memoria histórica. E dende logo non lle falta razón. Poucos retratos tan duros da España franquista e miserenta trala guerra civil como as historias deste gran debuxante e guionista. Agora que os lexisladores discuten como restaurar a dignidade das víctimas da ditadura, recoñezamos que ese labor xa se fixo, con toda humildade pero tamén co rigor necesario, dende aqueles tebeos memorables.

20 abr. 2007


Lembranza de Bonifacio Borreiros

Andoliña 20 abril

Chégame o volume Bonifacio Borreiros na memoria de Galicia, no que ademais teño a honra de colaborar. Editado polo Concello de Ferrol e Biblos e coordinado por Pedro X. Blanco Llano, o libro é a homenaxe dos amigos a este home, falecido hai só uns meses con 51 anos e sempre comprometido co galeguismo e o socialismo. Militou no Partido Socialista Galego nos 70, cando era estudante de Medicina, e logo no PSdeG-PSOE. Era un home moi querido no Ferrol, onde foi concelleiro de cultura, e desempeñou a Dirección Xeral de Cultura no goberno Laxe. Como profesor traballou tamén en Ourense, no Instituto da Carballeira, onde compartimos arelas e soños no labor cotián.
Este libro de homenaxe é unha auténtica regalía: nesta evocación colaboran máis de oitenta autores, entre eles Xosé R. Barreiro, Ramón Villares, Justo Beramendi, Damián Villalaín, F. X. Fernández Naval, Salvador García Bodaño, Isaac Díaz Pardo, González Laxe, Ánxela Bugallo, Caetano Díaz e Emilio Pérez Touriño. Ademais o libro pode lerse como unha ampla escolma de grandes poetas, presentes aquí cos seus versos: Celso Emilio, Lorca, Goytisolo, Neruda, Juan Ramón Jiménez, Ferrín, Benedetti, Octavio Paz. Os poetas da nosa xeración.

19 abr. 2007






Que facer co actual Bacharelato?
Andoliña 19 abril

(Na imaxe, Carreño Miranda, "A monstra espida", peza que estivo exposta hai uns meses en Compostela)

Coñezo a obra de Mercedes Cabrera como historiadora e nesa perspectiva respéctoa e admíroa: sei da súa valía intelectual. Pero con iso no casan as novas que chegan sobre a proposta de reforma do Bacharelato, que tería lugar dende o curso 2009-2010. Non discuto as súas posibles boas intencións, pero sospeito o drama das súas consecuencias: facer ese chamado curso ponte entre 1º e 2º de Bacharelato e permitir pasar de primeiro con case a metade de materias suspensas é un autén-tico disparate. E a sociedade (os profesores, os primeiros) vaino ler como máis deterioración do ensino e aparcamento dos alumnos/as á marxe dos niveis de aprendizaxe.
Dise que esa proposta de reforma vén motivada porque case un trinta por cento de mozos abandona a escola tralo ensino obrigatorio. Pero hai que buscar outras solucións. Eu creo que 2º de Bacharelato, coa presión da selectividade, é un curso hipersaturado de materias e coñecementos. A única alternativa lóxica sería ir a un Bacharelato de tres cursos, ben necesario, e repartir así con xeito contidos e materias troncais e optativas. Pero nunca a conta de rebaixar aínda máis a calidade do ensino: sería irresponsable e suicida para esta sociedade.l

18 abr. 2007

As mulleres na cultura galega
Andoliña 18 abril

Con este título comezou a semana pasada un ciclo da Sección de Literatura do Liceo ourensán que pretende, como é obvio, subliñar a presenza feminina na nosa cultura, tantas veces ocultada ou invisible, como se di agora. Abriu o lume Encarna Otero falando da tan singular Sofía Casanova, personaxe extraordinario por todo o que sabemos dela (hai traballos na rede de Lois Leira e da mesma Encarna), pero tamén polo moito que albiscamos que queda por coñecer: habería que estudar a fondo todos os seus libros e os papeis que se gardan en Madrid. E menos sabemos aínda de Felicia Auber, xornalista do século XIX que Rosa Aneiros rescatou dos arquivos: colaborou acotío na prensa cubana e en Galicia. Revista universal deste reino. Tiña a necesaria ousadía intelectual, mesmo discutindo a obra dos filósofos clásicos, para deixar unha forte pegada na nosa historia cultural.Grazas a estas autoras e a especialistas como Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Carme Vidal e Aurora Marco, entre moitas outras, comezamos a desvelar a verdadeira achega feminina destas mulleres esquecidas: velaí o magnífico Álbum de Mulleres da web do Consello da Cultura Galega. Neste campo, sospeito, seguirá habendo sorpresas.l

17 abr. 2007

Sempre o idioma
Só o Vicepresidente Anxo Quintana dixo algo novo. Para el a realidade do estudo é tal como a pintan, só que a culpa é do vello goberno. Eu creo sinceramente que fan menos e peor que os anteriores. O decreto do PP de ensino era de primeira, copiado de Cataluña, mentres que o novo está copiado de Baleares, unha comunidade de segunda. E até a campaña de Fernández Albor titulada Fálalle Galego era superior a esta que agora se puxo en marcha. No demais, antes era a nada e agora a nada é.

Resulta doado constatar que historicamente as relacións do estamento policial co idioma galego non teñen sido amables nin neutrais, o mesmo que acontece, aínda hoxe, coa Administración de Xustiza. Non é indiferente nin casual que estas Administracións optasen, xunto con outras institucións de exercicio do poder, polo uso case exclusivo do castelán nas súas relacións e actuacións oficiais. De aí a importancia de superar esta fronteira invisible que non permite a fluidez nin a naturalidade lingüística cando se trata da interacción cos estamentos do poder público e que actúa a modo de barreira psicolóxica facendo que o noso idioma non funcione espontaneamente no diálogo policía-sociedade. Malia todo existen aspectos positivos e exemplares pola súa constancia como é o caso da brigada da Policía Científica de Vigo, que dende hai varios anos leva emitindo en galego os seus informes dactiloscópicos que posteriormente son incorporados aos procedementos xudiciais.

(A imaxe é un "Retrato de muller" de Ghirlandaio: como non está este artistazo entre os grandes recoñecidos do Renacemento italiano?).

16 abr. 2007


A mala máis mala da historia do cine
Debe facer cando menos uns 30 anos que non vía esta película. Só relembraba algunhas escenas soltas: Que foi de Baby Jane?, de Robert Aldrich (1963). Maxistral Bette Davis, pero non menor a miña tan admirada Joan Crawford. Revisiteina na tardiña do domingo e comprobei que non perdeu nada da súa forza expresiva. Pareceume unha historia tan actual como calquera das que saen todos os días nos xornais. Ó mellor é que me estou facendo vello e sinto certa empatía por unha persoa impedida como o personaxe de Blanche na película.

Literatura de viaxes
(Nas
imaxes Julio Camba e Claudio Magris)
Atendendo varias suxerencias do post sobre Turismo (que está a punto de caer de páxina, con máis de 50 entradas), abrimos aquí un novo para proseguir o rico e gorentoso debate que alí se estaba a dar. Propóñolles, ademais, abrir unha nova xanela no tema abordando a Literatura de Viaxes. Que pensan ó respecto? Que libros estiman máis neste xénero? Que pensan da Literatura de Viaxes en galego?
E tócame abrir lume, así que alí vou. Así de memoria, en castelán, estimo eu moito os clásicos como o Viaje a la alcarria de Cela; toda literatura viaxeira de Julio Camba (Aventuras de una peseta; La rana viajera, e os seus grandes retratos de ingleses, franceses, italianos, alemáns, suízos, portugueses, ianquis, xudeus, etc.) e as entregas nesta liña do mestre Josep Pla (Un viaje frustrado, Cartas de Italia...).
E habería que facerlle un oco ós viaxeiros románticos e liberais, de Jorgito Borrow a Hemingway, pasando por Richard Ford, Aubrey Fritz Gerald Bell, Charles de Davillier, Nina Epton, etc., que todos eles pasaron tamén por Galicia e dela escribiron.
Da literatura viaxeira nas letras galegas, creo que o máis destacable son algunhas obras de Otero Pedrayo (Pelerinaxes; Por os vieiros da saudade), que pouco viaxou, e as polémicas viaxes de Risco (Mitteleuropa) e esa marabilla que é o Diario 1921 de Castelao. Aínda poderiamos engadir nomes como Plácido Castro e algúns máis. Ou o magnífico volume Galicia (Ed. Destino) de don Álvaro Cunqueiro. Nas letras recentes hai clásicos novos como Xavier Alcalá, Alfredo Conde ou Víctor Freixanes que entran nas letras viaxeiras, cando enmarcan as súas novelas en paisaxes arredadas, dende Sudamérica á Italia do Renacemento. En Caderno de Viaxe, Xerais quíxolle dar un pulo ó xénero, que non foi moito máis alá: escribían daquela Xavier Alcalá, Vicente Araguas, Fdez. Naval, Ramiro Fonte, Margarita Ledo, Manuel María, Martínez Oca e Suso de Toro.
Das letras contemporáneas, entre os meus preferidos estarían o Danubio, de Claudio Magris, e La costa de los mosquitos, de Paul Theroux. En coleccións de Bibliotecas Viaxeiras, teño libros como Boomerang. Viaje al corazón de Australia, de Xavier Moret (que me encantou no seu día) e outros que teño lidos a medias ou por anacos, como John Steinbeck, Viajes con Charley. En busca de América; Olivier Rolin, Sete ciudades (Evocaciones literarias de Buenos Aires, Trieste, Lisboa, Alejandría, Leningrado, Praga y Valparaíso); ou Joe Kane, El descenso del amazonas. La primera travesía completa por el río más salvaje del mundo.

15 abr. 2007

As Uvas hai un ano

Abrín esta bitácora hai pouco máis dun ano, reproducindo unha Andoliña do 10 de marzo de 2006 sobre os “Columbarios nas igrexas e nos estadios”. De que falamos naqueles primeiros días de marzo. Pois pode ter interese relembralo. Andabamos os do Liceo a recitar contos para os nenos do Hospital Infantil e nestas Uvas falábase destes temas: Do Lacisimo na escola. Da funcionalidade educativa dos relatos de Blanco Amor. Do comunicado de tregua de ETA. Da misoxinia na literatura. Do xornalismo literario e de Antón Villar Ponte. De Nani Moretti e de Xurxo Sierra Veloso. Da Bienal da Caricatura.
Do Honoris Causa de Franco. Do apoio popular de Franco.
De Xoaquín Lorenzo e Cuevillas. De Xosé Luís Parente.
Da conferencia de Santiago Carrillo en Ourense. Da demisión de Ánxeles Cuña.
De Francisco Ayala. De Beiras, “Galego Egrexio”.
Dos inicios da Autonomía Galega e de Francisco Vázquez falando en galego.
De “grazas” ou “graciñas”. Do epistolario de Carballo Calero. Dos refráns sobre a muller de M. Schipper. Pois xa pasou un ano, pero moitos destes temas seguen ben vivos aínda. Non cren?

Un mundo de avós.

Pan por Pan 15 abril. Imaxe: Avó e neto, de Ghirlandaio.


Segundo un informe da ONU, dentro de 35 anos España será o país máis envellecido de Europa, seguido de Italia. O número de maiores de 60 anos será daquela o 32 por cento da poboación mundial e por vez primeira na historia superará ó número de cativos. Daquela mudarán moitas cousas, é de supoñer. Será un cambio dramático e non sei se o mundo estará preparado para iso. Porque, haberá moitos outros retos dramáticos que atender: cambio climático, esgotamento de fontes de enerxía, persistencia do fanatismo terrorista e guerras polos recursos, etc. Que pasará, por exemplo, co cine? Haberá máis películas para os maiores, hoxe escasas (pero algunhas excelentes como No estanque dourado)? Entrarán en crise as americanadas de mozos aparvados? Vaise triplicar a poboación de maiores de 60 anos no mundo: se descenden os nenos, a quen lle van contar as súas batalliñas?


Primo Levi (Pan por Pan 13 abril)

Cumpríronse 20 anos da morte de Primo Levi, vítima do nazismo, testemuña indeleble do alegato contra o Holocausto. Na súa lembranza, estes seus versos:
Se isto é un home/ os que vivides seguros / nas vosas casas caldeadas/ os que vos topades, ao volver pola tarde,/ o xantar quente e os rostros amigos: / considerade se é un home/ quen traballa na lama/ quen non coñece a paz/ quen loita pola metade dun panciño/ quen morre por un si ou por un non. / Considerade se é unha muller/ quen non ten cabelos nin nome/ nin forzas para lembralo/ baleira a mirada e frío o colo/ como unha ra invernal. / Pensade que isto aconteceu: / Encoméndovos estas palabras. / Gravádeas nos vosos corazóns/ ó estar na casa, ó ir pola rúa,/ ó deitarvos, ao erguervos;/ repetídeas aos vosos fillos. / Ou que a vosa casa se derrube,/ a enfermidade vos imposibilite,/ os vosos descendentes vos volvan o rostro.

14 abr. 2007


Homenaxe a Anxo Guerreiro
Andoliña 17 abril
O sábado, na simbólica data do 14 de abril, rendéuselle ­unha homenaxe a Ánxel Guerreiro Carreiras, Xeluco no mundo político. Non puiden estar alí e aproveito este recuncho para mandar a miña adhesión a este acto que convocaba a Fundación 10 de Marzo. Seica o encontro foi un éxito e alégrome polo homenaxeado: merecíao, polo seu papel como deputado autonómico en dúas lexislaturas (1981-1985 e 1997-2001), como única voz do PCG na Cámara, e polo seu labor nos debates do actual Estatuto de Autonomía e aínda arredor do proxecto da Comisión dos 16; por alí andaba tamén, no debate estatutario, Xosé Luís Barreiro, no seu caso en nome do Partido Popular de Galicia.
Só tratei a Xeluco ocasionalmente, na campaña conxunta que fixeran Esquerda Unida e Esquerda Galega. Por iso podo falar con liberdade. E daquela pareceume unha persoa afable e traballadora, tamén comprometida coa causa da esquerda. É certo que a andaina do PCG e de EU nestes anos estivo chea de crises, pero o mesmo sucedeu en Cataluña e noutras zonas. E sería inxusto querer facer responsable de todo iso a Xeluco: foron moitos máis os que deixaron ese barco, con toda lexitimidade, ademais. Uns cantos deles están gobernándonos hoxe.

V Ciclo de Conferencias Visións de Galicia: As mulleres na cultura galega
Comezou onte no Liceo o V Ciclo Visións de Galicia, neste ano monográfico arredor da presenza das mulleres na cultura galega.
Inaugurou as charlas Encarna Otero Cepeda, cunha moi interesante conferencia sobre Sofía Casanova (na foto). A gravación desta charla está xa na páxina do Liceo.
Ademais poden consultar artigos sobre esta escritora galega n0 Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, cun traballo da propia Encarna Otero, e na páxina da CIG-Galiza, con outro de Lois Pérez Leira.
As próximas citas do ciclo son:
Luns, 16. FELICIA AUBER, por Rosa Aneiros.
Mércores 18, MARUJA MALLO, por María Luísa Sobrino Manzanares.
Luns 23. CONCEPCIÓN ARENAL, por Pilar Allegue.
e Venres 27, MARIA MARIÑO, por Carme Blanco.





























A REPÚBLICA POLO CHAN
(Afonso Vázquez-Monxardín. La Región, 13 abril. Fotos do autor do artigo: clicando nelas vense ben ampliadas)

Non teñan medo que lles empece a falar dos ataques á II República como a “sanjurjada”, a crise de 33, ou o levantamento de Asturias do 34. Non hai caso de que lles conte tampouco a sublevación do irmán do aviador, que tanta guerra deu, nin do traslado da capital a Valencia. Nin sequera da marabillosa operación de pór a salvo os cadros do Museo do Prado na que traballou o noso Ferro Couselo, e que debeu ser a única operación da guerra que acabou en éxito absoluto, pois non se perdeu nin o primeiro. Nin sequera lles mentarei a nosa actual “res pública” na que o enfrontamento que proxectan os políticos fai que medre non o desacougo pero si o escepticismo respecto de tan precisa como interesante actividade súa. Nada tan diso neste fermoso abril de agua e sol.
Vou arrastrar –e espero que vostedes comigo- a vista polo chan nas rúas de Ourense... Pero imos ao conto. Sonlle afeccionado a algo que nin nome ten. Se a numismática é o estudo das moedas e medallas, se a filatelia é a afección aos selos de correos... ¿como lle podemos chamar ao estudo das tampas dos sumidoiros, por palabra árabe-castelá, al-cantarillas? ¿Que lles parece, por exemplo, “tampoloxía”. A disciplina que estuda as tampas dos rexistros urbanos. Sen máis boato, e co permiso das súas caras, queda inaugurada a palabra. Sigamos.
¿Que que teñen de interesante as tampas? Moito máis do que cren. En xeral, a través delas, igual que nas moedas e selos, podemos ir vendo a evolución da historia e das ideas estéticas dominantes. Antes, por exemplo, só había as do Concello e Fenosa... Pero miren ben, algunhas das grandes cadradas, aínda levan o nome da empresa precedente, Sociedad Gallega de Electricidad –anteriores pois a 1943-. Agora hai tamén rexistros de Jazztel, de R, dos semáforos, das calefaccions... Pero e a República?
Pois en Ourense, por sorte, as tampas dos sumidoiros públicos e chaves de paso levaban o escudo da cidade e a data. Foi isto desde 1929 ata unha desgraciada decisión do Concello nos anos finais do século XX que preferiron unhas amorfas e non identificadas, sen escudo nin data, que nos han confundir no futuro. Dese ano 1929, podemos ver algunhas aínda pola rúa do Paseo. Claro que en propiedade, non debemos falar de escudo, senón dos escudos... porque foron cambiando... Nas tampas máis antigas, un estilizado con aires modernistas, fala da estética dos anos vinte... do mesmo xeito que as referencias a Malingre ou Pereira dos Santos, nos lembran a chegada a Ourense dos industriais belgas ou portugueses. E na República, o vello escudo tóucase coa coroa do castelo propia da nova era. Así a vemos nas poucas que hai das fundicións Marín de Gijón, de 1934. (Onda a Deputación, na rúa da Paz, algunha na Avenida de Buenos Aires). E o que é máis interesante de todo... unha curiosidade “tampolóxica” rarísima: as colocadas nos primeiros anos da guerra seguen levando a coroa republicana. Sabemos que, de partida, xogouse á ambigüidade: non deixaban claro se era un movemento pola rexeneración da república ou un atentado contra a mesma, como foi. Ao longo de Santo Domingo, enfronte da Igrexa e na confluencia con Cardeal Quiroga, hai varias. O cambio prodúcese na Praza do Ferro. Alí xa conviven tampas de 1938 co escudo republicano e outras co vello monárquico recuperado. Por sorte o varrido de símbolos non chegou a eliminar estas tampas que ben merecían unha homenaxe pola súa impasibilidade, modestia, discreción e aguante. Por traernos algo cotián da república aínda en activo. E por moitos anos.
Así pois, xa saben; se queren ler unha historia que pisamos todos os días sen reparar nela, unha historia de monarquía, república, ditadura, e democracia recuperada, dean unha volta por estas rúas do centro mirando ao chan. Pero procuren non tropezar.

Un inédito de María Mariño

Andoliña 14 abril (Imaxe de Xosé Vizoso)

O 19 de maio de 1967 falecía María Mariño, con 59 anos, vítima dunha leucemia. Consérvase algunha foto do seu cortexo fúnebre en Seoane do Courel: imaxe propia da estética neorrealista da Europa da época. Fole escribía a súa necrolóxica en El Progreso e Fole recibira, dous anos antes, un libro inédito da autora, para facerlle un limiar que o autor de Terra brava nunca chegou a escribir. Agora, ese libro, conservado por Juan Soto, cobra vida na editorial Alvarellos e co título que a propia poeta pensou no seu día: Más allá del tiempo.


Haberá que ler de vagar e con atención este volume nas próximas semanas que serán de homenaxe a María Mariño. Permitirá resolver algunhas incógnitas pendentes arredor da autora. Unha poeta que escribía, soa, di dela Helena González no rigoroso estudo que introduce Más allá del tiempo. Unha autora "que tiña vontade de publicar mesmo sen o prace do seu principal interlocutor, Uxío Novoneyra. E que quería tamén ser narradora". Os seus relatos retratan un mundo sombrío, o da posguerra española: Mi viaje y el niño, por exemplo, di moito, dende unha viaxe de ferrocarril, da tristura e o desengano daqueles tempos de nenos tristes e Movimiento Nacional.

13 abr. 2007


Sesenta aniversario do mítico programa en galego da BBC, o primeiro na historia da radio

Este 14 de abril cúmprense sesenta anos dunha das máis marabillosas aventuras da nosa lingua: o ourensán Alexandre Reimúndez iniciaba o programa en galego da BBC, en Londres
Afonso Monxardín rememora en Galicia Hoxe este acontecemento cultural, 60 anos despois

Cartas dende o pasado (V). Ramón Piñeiro, Seoane, Celso Emilio e o social-realismo.
No seu traballo, útil e ben atinado, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Alonso Montero recupera a carta que Ramón Piñeiro escribiu en xaneiro de 1958 a Seoane, a propósito da súa obra de teatro La soldadera. Piñeiro amósase alí crítico coa liña socialrealista que defendía o seu interlocutor en Buenos Aires e sostén que seguir unha liña socialrevolucionaria nas artes é arriscado e dá resultados estéticos tremendamente febles: "Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –ti sábelo mellor ca min– da arte verdadeira". O ensaísta toma posición contra a literatura revolucionaria, coherente coas claves que el mesmo definiu esenciais nas nosas letras: lirismo, humorismo e sentimento da paisaxe.
Catro anos despois, Piñeiro escríbelle a Celso Emilio Ferreiro con nidias gabanzas do seu libro Longa noite de pedra, destacando explicitamente que aposta pola poesía social e que é necesario rescatar ese fío comprometido nas letras galegas. Gaba o libro pola expresión do seu sentir humano máis sincero e agarda que, no seu contido cívico, sexa unha chamada ós novos poetas, "que no dejarán de escucharla".
O SORRISO DA DESILUSIÓN
La Región 9 abril 2007

A través do cine e os debuxos animados, recuperouse hai uns anos a lembranza de Wenceslao Fernández Flórez, o creador de “O bosque animado” : hai traducción desta novela ó galego, en versión de Xela Arias, en Xerais, na coleccción Xabarín, 1987. Foi un personaxe curioso don Wenceslao, como suliñou Haro Tecglen: cronista parlamentario e home de dereitas, monárquico de “ABC” e, ademais, antimilitarista e partidario do amor libre. E un dos mellores escritores de humor en castelán de todos os tempos, relegado hoxe quizais por estar fóra das modas a literatura de humor e polo pouso do seu conservadurismo, mesmo escribiu –el, que sempre foi alcumado como señorito- unha dura sátira contra a República “de señoritos” (“Aventuras del caballero Rogelio de Amaral”, 1933). Pese a iso, Haro Tecglen, nas antípodas ideolóxicas do escritor, comentaba unha vez a sorte que tiñan os xoves que se achegasen por primeira vez ás súas novelas e relatos, porque así poderían descubrir aínda un auténtico tesouro literario.
Noutros tempos o cine deulle os éxitos merecidos e colaborou coa nova arte facendo diálogos e guións adicionais das súas propias novelas. Desa xeira sairon películas de Rafael Gil, de Antonio Román, de Edgar Neville, Nieves Conde, etc., que marcan toda unha época do cine español: “El malvado Carabel”, “El hombre que se quiso matar”, “Intriga”, “Huella de luz”, “Ha entrado un ladrón”, etc. Da presencia de Fernández Flórez no cine hai un amplo estudio coordenado por José Luis Castro de Paz e Jaime Pena (Festival de Cine Independente de Ourense 1998). Antonio Simón co seu “Fendetestas” e José Luís Cuerda con “El bosque animado” tamén contribuiron a facer medrar ese universo.
Pero quero compartir hoxe con vostedes a miña divertida relectura de “El hombre que compró un automóvil”, novela de 1932, unha visión alucinante do mundo moderno onde o narrador coruñés xoga con todos os rexistros posibles do humor, a ironía, a caricatura, o absurdo, o sarcasmo e a parodia: velaí a crónica do suicidio dun caracol, o episodio contra as urbanizacións de chalés adosados fóra das cidades, a imaxinación desbordante dunha viaxe en tren (por certo, de vacacións á casa dunhas tías en Nogueira de Ramuín), en fin, humor de primeira. Humor como o “sorriso da desilusión”, tal como teorizaba o propio Wenceslao e como lembra nun estudio J.C. Mainer: “O humorista ten que ser a compresión un pouco bondadosa da alma humana, con todo o que hai nela de dor e de pracer, de virtude e malicia. Hai unha frase, que me parece acertadísima, que chama ao humorismo o sorriso dunha desilusión”. A cita de Fernández Flórez non está moi lonxe daquela de Mark Twain que tanto citou Castelao: “Debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor; por iso no ceo non hai humoristas”. Aínda que, na obra que citamos, con quen máis dialoga o escritor coruñés é co humor desde o sarcasmo tal como o entendera o Vicente Risco de “O porco de pé” (1928) e “Os europeos en Abrantes” (1927): sería doado facer paralelismos entre o ourensán e Fernández Flórez e fixar múltiples coincidencias ideolóxicas na súa peculiar visión do mundo. Remata a noveliña de don Wenceslao cun apéndice, “Colofón fantástico”, en clave de ciencia-ficción (Verne, H.G.Wells), que mesmo anticipa as novelas e películas de máquinas asasiñas: “O asasiño invisible” (E.Silverstein, 1978); “O díaño sobre rodas” (S.Spielberg, 1972); “Christine” (J.Carpenter, 1983), etc., ata productos televisivos menos violentos como “O coche fantástico”. Si, paga a pena recuperar para os lectores de hoxe a Fernández Flórez.

12 abr. 2007








Manuel Suárez Castro.
(Na imaxe un cartel deMax Pechstein)

O pasado luns celebrouse en Ourense un xusto e necesario acto de homenaxe a Manuel Suárez Castro, organizado polo Seminario de Estudios Socialistas, unha entidade creada hai uns meses co obxectivo de preservar a memoria do que foi alcalde da cidade co Partido Socialista e coa Fronte Popular e vicepresidente da Deputación cando estoupou a guerra civil. Como ben explicou Xulio Prada alí, nunha exacta biografía, Suárez Castro foi home moderado, prietista nas liñas do PSOE, mesmo criticado ás veces polo socialismo máis radical. Mestre de obras e canteiro, liderou tamén a UGT e o mundo obreiro local na cidade dende os anos 20 ata a Segunda República. De pouco lle valeu o seu carácter moderado e apostar pola calma naqueles días de xullo do 36: detido e xulgado en marzo do 37, na madrugada do 28 de xullo sería fusilado con outros catro militantes republicanos.



Cartas dende o pasado (IV)

Andoliña 12 abril. Na imaxe, unha peza de Luís Seoane.

Na relación epistolar, hoxe escasa, algunhas xentes amosaron a súa faciana máis sincera. Cando menos así o facía Blanco Amor nas súas cartas dende América, tal como se reflicte no volume Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires, que publicara Ediciós do Castro da man de Xosé Neira Vilas (1995). Nese libro están algunhas das cartas máis amargas que escribiu o creador de A esmorga, entre elas as que amosan a súa fonda frustración por non gañar con Xente ao lonxe o premio de novela do Centro Galego de Buenos Aires en 1970.
En carta a Díaz Pardo (1956), laiábase o ourensán do pouco apoio que lle prestaban os galeguistas para publicar A esmorga: "Como me fun da obediencia entonces deixei de ter condiciós literarias. Pra os galeguistas o talento é o de menos. Se eres da obediencia, entonces protéxenche; e si non, non". No 69 dicíalle a Seoane que quería irse para Vigo ou A Coruña "y rescatarme de la mediocridad orensana, donde me iré disolviendo con pena y sin gloria; mediocridad y probablemente en el futuro, hostilidad, ya que los reaccionarios no me perdonan y consideran un grito de soberbia que haya rehusado la presidencia del Ateneo. "¡Que se cree ese rojo!" y esas cosas".