Pelerinaxes
Un contertulio desta casa pregúntame por que Galaxia non ten publicadas as obras de Otero Pedrayo, Pelerinaxes e Do San Lucas ao San Xoán (Sazóns de Compostela). Polo que respecta á primeira podo informarlle que Ediciós do Castro reproduciu en 1993, en edición fascsimilar, o orixinal de 1929, cunha breve nota previa de Marta González.
Aproveito a ocasión para rescatar unha vella Andoliña (17.9.04), na que falaba deste libro:
PELERINAXES, DON RAMÓN E O XAMÓN
A sección de Efemérides dun xornal galego lembra que se cumpren nestes días os 75 anos da aparición de “Pelerinaxes”, de don Ramón Otero Pedrayo, publicado pola Editorial Nós na Coruña en setembro de 1929 (hai unha reedición facsimilar de Ediciós do Castro en 1993). Foi aquela a crónica da viaxe que en sete xornadas fixeran, desde o 7 de xullo de 1927, don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e “Ben-Cho-Shey” desde Ourense a San Andrés de Teixido, cruzando a Galiza central. En total 233 km. dos que fixeron a pé 146, porque don Ramón mancouse nun pé e para o resto acudiron ao coche e ao cabalo.
O libro é unha pequena xoia da nosa literatura de viaxes, cun interesante limiar de Vicente Risco e uns deliciosos debuxos da súa man. Pervive toda a forza das mellores prosas oterianas, que reflexiona sobre a filosofía do camiño e a necesidade de “sentir o decorrer, o devenir, o “elan”, os grados de perfeizón, etc., é propio das filosofías ceibes, imaxinativas, sentimentás. Nelas a fixeza somentes representa un caso fuxitivo nun istante de tempo. Camiñando rexurden tódolos momentos hourizontes novos. Unha serra vibra como un ser vivente na su pele; sentimos pasar un río coma unha forza, non como unha cousa que corre. N´hai un paisaxe feito definitivo e formado”.
Este podería ser un dos nosos grandes roteiros culturais. Cando se faga, hai que poñer unha placa en Monterroso que lembre a “cea feudal” dos camiñantes e os versos de don Ramón: “Groria do porco, frol da invernía,/ Sona da casa, lapa da carne./ Xamón”.