FÍRGOAS 3. NO INSTITUTO.
Marcos Valcárcel
Curso 1974-1975. Pasei ó Instituto Masculino, o da Ponte, no curso 1974-1975 para facer o COU de Letras. Un ano decisivo na miña vida, cando tiña eu dezaseis: quizais o meu periplo vital fose diferente sen as experiencias e os amigos daquela hora. Había seis ou sete grupos de COU, pero aquel foi especial. Coincidimos na aula futuros escritores, historiadores, sindicalistas e políticos. Entre eles, Bieito Iglesias, Benito Alonso, Xoán Guerra, Carballude, Francisco García, Manuel Guede, etc. Tamén Manuel Prado, hoxe alcalde de Beariz, que se movía noutras coordenadas. Foi un curso polémico porque a mobilización cidadá, nos estertores do franquismo, xa estaba na rúa, sobre todo contra os proxectos de celulosas no Miño ourensán, tema do que nos falaba tamén o profesor de xeografía, Albino Núñez. Houbo moitas manifestacións aquel ano, contra a celulosa e por outros motivos (unha delas diante do Pazo Episcopal polos sucesos do atraco a unha ferretería, coa morte dun alumno do Instituto) , e os alumnos do Masulino eramos sempre os primeiros en saír á rúa.
Celulosa. Ademais, Otero Pedrayo escribía en LA REGIÓN, no seu estilo lírico e melancólico, contra a proxectada celulosa. Había un núcleo de ERGA moi activo e os estudantes nacionalistas distribuían o seu voceiro Lume, e de paso o Terra e Tempo, da UPG. Outros motivos de conflito eran as protestas contra a selectividade (que por medo non fomos quen de boicotear) e as medidas de apoio ó exprofesor do centro, Francisco Rodríguez, xa desterrado en Cádiz: eu mesmo redactei a carta de solidariedade co dirixente nacionalista que logo circulou polo Instituto e outros lugares. Ademais desenvolvemos un activo labor cultural, por exemplo vendendo libros galegos no 17 de Maio: fomos Bieito, Guede e eu pedirlle permiso ó director e non foi doado obtelo. Ata unha iniciativa tan moderada era entón vista con receo por algunhas persoas.
A profesora Usoz. O nivel do profesorado era bastante bo e as clases en xeral proveitosas, se deixamos fóra as do crego de Relixión e as do fascista que nos daba FEN, De Blas Escolante. Con Bieito Iglesias fixen un traballo de grupo cualificado como Notable sobre “O marxismo e a relixión”, moi ben documentado pero coas conclusións que xa esperaba o profesor, claro.
Mención á marxe merece a profesora de Historia, a señorita Usoz, unha leonesa saída pouco antes da Facultade que daba unhas magníficas clases e, sobre todo, nos deixaba debater na clase, nun clima de plena democracia, arredor dos Irmandiños, Castelao e o galeguismo e temas semellantes. Varios alumnos daquela promoción que a priori íamos camiño da Filoloxía (“o país necesita sociolingüistas”, dicíanos o xa citado líder nacionalista), acabamos na Facultade de Historia seducidos polos xeitos e a elegancia democrática da profesora Usoz. Un saúdo agarimoso para ela se lle chegasen, dalgún xeito, estas liñas.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días