15 mar 2006


VIII Bienal da Caricatura
Hoxe inaugúrase en Auria, na Casa da Xuventude ás 19h. (logo no Museo Municipal e noutras salas) a VIII Bienal da Caricatura, cargada de cousas interesantes.
Unha cita imprescíndible desta Bienal, iniciada no seu día polo Clube Alexandre Bóveda e hoxe impulsada pola Casa da Xuventude ourensá, é o seu Catálogo (adxuntamos a portada), con traballos teóricos diversos e reproduccións dunha escolma do mellor dos artistas presentes. No deste ano 2006 o portugués Osvaldo Macedo de Sousa reflexiona sobre a arte da síntese e da integración de André Carrilho, que é o artista convidado. Siro López escribe sobre un caricaturista esquecido de Compostela, Lino González Rubido, que é o artista histórico desta edición e que se puido recuperar grazas ao labor do libreiro Xesús Couceiro. Macedo de Sousa tamén intervén cun texto sobre "A luta dos trabalhadores (pelo humor)", arredor da exposición internacional, con obras de Carlos Laranjeira, Zé Oliveira, Jugoslav Vlahovic, Haddad, Zlatkovsky, etc. Luís Martínez-Risco, da Fundación Risco, presenta as caricaturas sobre Vicente Risco de autores como Castelao, Conde Corbal, Huici, Laxeiro, Xurxo Fernández, Prego de Oliver e outros. Tamén hai unha mostra sobre nova caricatura (Matías), os premios deste ano do VIII Concurso galego de Caricaturistas Noveis, e a ampla mostra dos caricaturistas galegos habituais nos medios de comunicación: Abraldes, Aguilera, Calros Silvar, Dávila, Estévez, Fernando Quesada, Gogue, José Tomás, Kiko da Silva, Leandro, Miguelanxo Prado, Nachortas, Omar, Orballo, Pepe Carreiro, Pinto e Chinto, Santy, Siro, Tonivsaski, Valcárcel, Xaquín Marín e "Carrabouxo". Como todos os anos, correspóndeme a min o artigo respecto a esta última mostra ("Caricatura en tempos difíciles"), onde non deixo de facer os comentarios que eu estimo pertinentes sobre o estado do mundo hoxe e o barullo das caricaturas de Mahoma (Muhammad sería o correcto en galego, seica).


ANDOLIÑA
Autonomía: no faiado da memoria
Ademais de ver a Francisco Vázquez falando en galego en prol dun Estado federal, houbo máis imaxes sorprendentes na serie de TVE-2 sobre a historia da Autonomía galega. Velaí a Francisco González Amadiós, un dos líderes do PSOE galego naquela hora, defendendo o "Estatuto da aldraxe" da UCD cando se decidiu liquidar a proposta do Estatuto dos 16. Co tempo, o propio Panchulo, hoxe xa falecido, ingresaría no BNG e sería moi crítico coa estratexia socialista. Desapareceron da escena política outros nomes como Fernando Solla, do Partido do Traballo de España, ou mudaron de papel outros como Avelino Pousa Antelo, daquela (1978) na cabeza do Partido Galeguista.
O documental amosou tamén a indiferenza das bases sociais que se mobilizaron o 4 de decembro de 1977 pero desapareceron logo do escenario. Así, o Día Nacional de Galicia, no Obradoiro, 25 de xullo de 1978, apadriñado pola Xunta e case todos os partidos, foi un fracaso de asistencia (as imaxes non menten), mentres o BN-PG, oposto entón á autonomía, ateigaba a Quintana e vencía simbolicamente naquela loita de manifestantes. Que sucedería se fose adiante o Estatuto dos 16, que impulsaban o POG, PCG, PTE e PG? Iso xa nunca o saberemos...
(Cartel de Luís Seoane para a campaña do Estatuto de 1936. Castelao, Seoane e Camilo Díaz Baliño aportaron a súa arte á causa do galeguismo republicano, con deseños de gran excelencia e eficacia).