28 jul. 2006


GALIZA, TÓPICOS E ESTEREOTIPOS

(Remexendo no arquivo, encontrei esta Andoliña de hai un ano, pouco despois das eleccións autonómicas do cambio. Pensei que o que dicía alí dos tópicos e estereotipos podía ter interese pendurado aquí).

Como era de esperar, de Galiza escribiron nas últimas semanas moitos escritores e xornalistas non galegos: Antonio Gala, Francisco Umbral, Haro Tecglen, Quim Monzó, etc. Como subliñaba o autor de “El porqué de las cosas” abundaron os tópicos de sempre: un país de brétemas e morriñas, o poder dos ausentes, a suposta Galiza matriarcal, e moitos outros lugares comúns que veñen de moi lonxe na literatura xornalística sobre o noso país. Anque o certo é que os resultados finais semellaban querer darlle un novo pulo ao tópico: “Galicia es así. Nunca dice que sí ni que no. O dice que sí y que no al mismo tiempo”, comezaba un dos seus artigos Francisco Umbral.
Pero os tópicos enganan. Como as enquisas. Sabíao xa Blanco White cando reflexionaba nas súas “Cartas de España” (1822) arredor do chamado “carácter nacional”: o poder de observación do home non pode ser a un tempo tan preciso e tan extenso, tan xeral e minucioso, como para permitirlle incorporar os riscos particulares de millóns de seres nun só ser abstracto que conteña os de todos eles”. E nós, tralo cambio político, seguiremos sendo noticia? E serán quen de vernos como somos, un pobo de xentes diversas, por riba dos tópicos.
(Imaxe: para reflexionar sobre o carácter nacional, que mellor que unha das imaxes sempre interpeladoras do malogrado Jean-Michel Basquiat?).

Ecoloxistas de boca.
(Pan por Pan venres 28 xullo)

Somos todos moi ecoloxistas pero de boca, non de conduta. Iso é o que di un estudo realizado en toda España pola Fundación BBVA. Os españois temos unha nidia conciencia medioambiental, estamos preocupados pola contaminación das augas e polos incendios forestais e valoramos positivamente a biodiversidade. Pero, pola contra, temos escasa información ecolóxica (a metade non saben que cousa é o Protocolo de Kioto) e rexeitamos aumentar os impostos para protexer o medio ambiente: só o 27 por cento apoiaría limitar o uso do coche para reducir a contaminación. Sabemos que a auga é un ben escaso, pero non queremos que sexa caro. A maioría coida o seu consumo de auga e electricidade e un 61 por cento recicla os diferentes tipos de lixo. En suma, este modelo social é desastroso para o medioambiente e sabémolo, pero agardamos que non nos pille a catástrofe.
(Imaxe: detalle de "Tetis implorando a Zeus", de Ingres, Museo de Aix-en-Provence).
DE INSULTOS, ÑOQUIS E BOLUDOS
(Andoliña venres 28 xullo)

Faleilles esoutro día da difícil arte dos insultos, a propósito do “Diccionario de la injuria”, de Buffano e Perednik. Dende Buenos Aires chégame un correo co significado exacto de “ñoqui”: así chaman alí aos empregados públicos que cobran o seu salario sen traballar. O alcume inspírase nos ñoquis, unhas pastas que se comen o día 29 de cada mes, o mesmo que os funcionarios que só van ao despacho ese día a cobrar. A miña correspondente arxentina é Débora Campos, descendente de galegos, galeguista de corazón;
aproveito para recomendarlles o seu blog (fíosinvisibles.blogspot.com), excelente. Na súa carta engade que os mozos abusan de “boludo” en formas coma esta: “Che, boludo, vamos a la de Juan, que el boludo tiene unos DVDs bárbaros que le copió un boludo del colegio".
Se queren curiosear, na rede hai múltiples achegas de internautas sobre os xeitos de insultar en Sudamérica. Por exemplo, en México dinlle “comer arroz con popete (sorbete)” a un varón homosexual. Na Arxentina “perro” é alguén malo ou un mal xogador de fútbol e en Perú alguén a quen lle cheiran os pés. “Pendejo”, di outro, é ser moi avispado en Lima, pero en México é ser un imbécil.
(Imaxe: detalle de "Palas doma ao centauro", de Botticelli, 1482-83, Florencia, Galleria degli Uffizi).