18 abr. 2008


Manuel de Dios

tamén falamos esoutro día aquí
do músico, poeta e compositor,
director da Coral de Ruada durante tantos anos,
Manuel de Dios.
Por iso recupero esta súa caricatura, feita por Carlos Quesada en 1995.
Velaí van tres dos seus poemas, todos tres incluídos na miña escolma "Ourense, craro río, verde val" (Concello Ourense, col. Auria, 2001)
O CRISTO

Nautilo da Fisterra. Bou doente
amargullado no peirao do pranto,
cobrir quero o teu corpo co meu manto
para che ripar os cravos do relente.

¿De ónde ves? ¿Quén é a tua xente?
¿Por qué mar de tristura e desencanto
viñeches acougar a este recanto
onde naufraga en tebra a luz do abrente?

Choran os sinos e salaia o vento.
Mentras se troca en pena e sentemento
o sono da cidade estrelecida,

eu vou pola noitiña acobardado,
sen che poder valer, Cristo mourado,
sen saber qué facer da miña vida.

AS BURGAS

Para seres fonte, tes o encantamento
dunha estrela dormida na ribeira.
Fonte da Burga. Fonte da Barreira.
Flor de fontes na pedra do moimento.

Din que pasas co paso medoñento
polo Cristo da negra cabeleira
e que levas, morniña e rezadeira,
un salaio de amor no teu alento.

O corazón de Ourense é unha fonte
que ceiba o latexar do Cristo á Ponte
nun rebrilo de prata e limoeiro.

Cando se poña o día tras da serra,
eu quero que me enterren nesta terra
na lentura da Burga, compañeiro.

A PONTE

Pente do vento. Xugo da saudade
que choran os teus ollos entre os montes.
Ponte de pedra, catedral das pontes,
espadela do pranto da cidade.

Ancorada no sono. Mocidade
brincadeira de ríos e de fontes.
Pomba devanadoira de horizontes
que voa dende o tempo a eternidade.

Cantas veces de neno eu perseguía
na ribeira do río a algarabía
dos vencellos no ar engaiolados.

Fuxiron os paxaros pola noite,
e non hai, ponte vella, quen escoite
os seus chíos no tempo sulagados.

Aimé Césaire

Citeino aquí esoutro día falando dos líderes da negritude. Agora temos que despedilo. Poeta e político da Martinica, autor do Discurso sobre o colonialismo (1950), militante comunista, fundou logo o Partido Progresista Martiniqués.

Quedan (en Comentarios) algúns dos seus poemas, accesibles na Rede.

para golosos e golosas,
cando veñades por Auria
(Fina Rei, rúa da Paz. Foto Trebolle)


Esoutro día leveille á muller uns anacos de chocolate de Allariz
e semella que aínda me saben no padal.
Italia e a Casta (andoliña 18 abril)

Seguimos a darlle voltas ó que pasou en Italia: esa vitoria abafante de Berlusconi. Eu lembrei onte un libro que seica foi número un en vendas en Italia durante meses: A casta: así chegaron a ser intocables os políticos italianos. Dedicoulle un moi interesante post no seu blog (Arumes) o amigo vigués que asina co seudónimo Arume dos Piñeiros, no que resumía así o contido do volume: "é un repertorio abraiante de como os políticos italianos constitúen un grupo apartado dos cidadáns, empeñados en gastar, de modo absolutamente indecente, os cartos públicos". Os autores, Sergio Rizzo e Gian Antonio Stella son xornalistas do Corriere della Sera, expertos en información económica, e poñen exemplos moi concretos deste dispendio espectacular: velaí, no último ano de Berlusconi gastáronse 180.000 euros diarios en voos de Estado, incluídos os días festivos. Quen viaxaba e a onde? Misterio insondable. Mira ti que son os cidadáns ben curiosos...
Moito me temo que algúns dos desesperados con esa clase política, nas zonas industriais do norte, votarían pola Liga e os seus aliados. Desaparecen do Parlamento a esquerda radical e os verdes. Consolídase a Casta. O futuro ten unha cara moi semellante ó pasado.

en poleiro alleo (18 abril)

Firmes! , de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 18 abril)

O acoso escolar é unha realidade, pero tende a magnificarse (Xesús R. Jarés en FV)