8 mar 2007

CASARES NO BLOGOMILLO

Excelente acollida á homenaxe a Carlos Casares dende o blogomillo. Moitos colegas xa manifestaron o seu apoio.
E algúns xa publicaron os primeiros textos. Velaí:
Brétemas
Mendinho
Bouzafría

En Vieiros
En Chuza
Fíos invisibles

Modesto Fraga
Sobre filloas mel
Computodefantasmas

Enkadenados
Atoladomonte
Orballonalareira

Rei de copas
Galiza, por sempre, Galiza
De catro a catro

Trasalba
Dpaso
Astuasbalas
Arume dos piñeiros

Unha pomba en Nova York
Andre de Rabal
Ana Bande

Francisco Castro
Imaxes Faladeiras
Ningures

Ouriceira
Ourensalia
Apocalipse do porco

De catro a catro
Dias Estranhos
En outro lado

Xabier Docampo
Beliscos pequenos
Leoeoseus

Toxomar
Xornal aberto
Cabrafanada

Cartafol de silencios

O levantador de minas

Moralla

Abellonenia

Valdeorosa

Mencia

Silvio Falcón

Insomniorizar

Ademais, a Casa da Xuventude de Ourense abre hoxe a súa web cunha lembranza de Carlos Casares. Graciñas a todos/todas por colaborar con tanto entusiasmo.


Barreiros.

(Pan por Pan xoves 8 marzo)

De certo foi unha sorte que Mariluz Barreiros lograse convencer a Hugh Thomas, historiador de sona internacional, para que este abordase a biografía do seu pai, un nome fundamental na historia da empresa neste país. Un home saído dunha Galicia atrasada, case sen estudos, que tivo a suficiente fe nas súas ideas, unha gran intuición e unha forte tenacidade para erguer o seu soño industrial: tivo tamén un gran sentido da oportunidade, ofrecéndolle ó país que renacía da fame e da autarquía o que máis precisaba naquel momento: motores para automoción. Segundo dixo o propio Thomas antonte no Foro La Región, o franquismo tampouco lle deu demasiadas facilidades: os ministros económicos desconfiaban da empresa libre e do espírito independente do empresario. Unha parte da historia ourensá, das súas páxinas negras e das súas páxinas brancas, está neste libro de Thomas.

Casares no Liceo
(A foto que abre este comentario é de Eduardo Núñez. Foi tomada o 24 de maio de 1997 na homenaxe que o Clube Cultural Alexandre Bóveda lle fixo a Antón Risco. Nese momento tocábame falar a min; logo falaron Arturo Lezcano e Carlos Casares, saboreando o seu puro. Á beira de Carlos, está sentado Carlos Quesada).
Nota: Na web do Liceo (ó carón, na columna da dereita), no apartado Noticias, están colgadas algunhas fotos de Carlos Casres e tres pequenos documentos sonoros coa súa voz.

Conmemorando o quinto aniversario da morte de Carlos Casares, o próximo venres 9 de marzo, o Liceo ourensán, dende a Sección de Literatura, organizará unha serie de actos en Ourense, que consistirán nunha mesa redonda en sesión tertulia de tarde (17,30 h.) na que participarán Julio Alonso Losada, José Carlos Martínez Pedrayo, Javier Casares e Marcos Valcárcel.

Ás 19,30 no Salón Nobre haberá un novo acto no que serán algúns dos seus textos xornalísticos e no que participarán ata 60 persoas do mundo social e cultural de Ourense, entre elas moitos amigos e compañeiros que tiveron relación directa co escritor.
Ademais, se exhibirá un Power Point cun cento de imaxes de Carlos Casares en actos ourensáns ou realizados en toda Galicia. Todos estes actos contan coa colaboración da familia do escritor e da Fundación Carlos Casares.
(Os textos a ler, procedentes de "Á Marxe", foron seleccionados por Sexismundo Bobillo e MV. A documentación posible para as fotos foi achegada por Benito Losada (fotos do Clube Alexandre Bóveda, realizadas polo fotógrafo Eduardo Núñez), e outras proceden do meu arquivo privado e da familia Casares. Finalmente, a montaxe do Power Point será realizada por José Luís Troitiña).

"Cary e mais eu", de Anxo Tarrío Varela

(Galicia Hoxe, 8 marzo)

Conta estes días Marcos Valcárcel no seu civilizado blog As uvas na solaina, un episodio sucedido en Santiago de Compostela hai agora cincuenta anos. Antes de nada, quero felicitar o meu amigo por cumprir xa dous anos dende que decidiu comunicarse cos internautas dun xeito ameno, sabio, honrado, valente e culto. Dando a cara. Pero vamos ao conto. Efectivamente, un día indeterminado de 1957 (na memoria tíñao eu localizado un ano ou dous antes, no 55 ou 56), Santiago foi unha festa, polo menos para a xente miúda que nos tocou en sorte facer de extras na película de Stanley Kramer The Pride and the Passion, estreada en España co título de Orgullo y pasión. Entre outros astros, que non nomeo por modestia, Cary Grant, Sofía Loren e Frank Sinatra son as estrelas desta cinta que a min nunca acabou de gustarme, e xa direi o porqué.
A festa foi dobrada para os nenos que viviamos na Avenida de Raxoi, xusto a carón do sitio onde se rodou parte desta película, polo que andamos de brincadeira toda a xornada. Corría 1957 e un bo día tráennos a noticia de que o SEU, se a memoria non me falla, ou a Falange Española, que tanto monta, monta tanto, andaban a recrutar voluntarios para facer de extras nunha película que ía rodarse na Praza do Obradoiro (daquela chamabámola do Hospital e coido que aínda era terreira, como se ve na foto tirada da web da Ciberirmandade da Fala). A mobilización dos rapaces maiores da familia, xa mozotes, rondando os vinte anos, fixo que este que escribe poida contar agora aquilo con certo coñecemento de causa.
Aquel día suspendéranse as clases, polo menos no Instituto Xelmírez, o masculino, que antes estaba na praza de Mazarelos. Non sei se terían a mesma sorte as nenas do Rosalía de Castro, o feminino. Non o creo. E alá fomos, á Casa da Parra a nos vestir de época (principios do XIX), cuns farrapos vellos, e a cobrar as vinte e cinco pesetas que nos pagaron de salario. Unha fortuna. A Praza do Hospital estaba tamén vestida de época, con carros, cabalos, pacas de palla e herba seca, telderetes, estaribeis e xentes indo e vindo, como nunha gran feira.
A nosa misión consistía en correr detrás dunha carroza que facía a entrada na praza pola banda do pazo de San Xerome, actual Reitoría da Universidade. O director do filme colocárase no extremo norte da balconada do pazo de Raxoi e dende alí daba a orde de ¡acción! E veña a correr e a repetir a escena unhas cantas veces.
Dentro da carroza supúñase que ían Sofía Loren e Cary Grant ou algo así. O certo é que eu a ela non a vin, pero si a el, que ben o recordo nun momento do descanso, sentado nunha cadeira á porta do que deixara de ser Hospital Real para se converter en Hostal dos Reis Católicos. Eu estiven a dous metros del, mirándoo con ollos abraiados e con orgullo de traballarmos na mesma película. Colegas, ao fin e á cabo.
Recordo que nos fixeron unha fotografía na que estabamos, polo menos, dous irmáns meus, un curmán e mais eu. Non sei que será dela. Gustaríame volver a admirala. Mágoa non tela, pois sería o único testemuño fiel de que o que digo é certo. E ti lector ou lectora dirás: "pois se estás na película, ¡¿que mellor?!, alí poderás desmostrar a túa presenza". ¡Vaites, vaites! Aí está o asunto: na película cortaron a "miña" escena, por iso sempre aborrecín Orgullo e Paixón.

A poeta Luz Pozo xa ten unha rúa na Coruña

Segundo contaba onte El Correo Gallego, o concello coruñés homenaxeou o Día da Muller cun acto no que o alcalde, Javier Losada, descubriu a placa dunha rúa dedicada á poetisa galega Luz Pozo Garza. O rueiro da cidade herculina amplíase así para render homenaxe a outras mulleres egrexias, como Dolores Ibarruri, Victoria Kent, Federica Montseny e Clara Campoamor. Así, tamén na zona de Eirís, en A Regueira, hai unha rúa dedicada a Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outra á xurista malagueña Victoria Kent.
Dende aquí os meus parabéns para tan xusta e meritoria iniciativa e un saúdo moi cordial á autora de Códice Calixtino.