22 feb 2008

En Vieiros: entrevista a Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural
"Non hai variñas máxicas, daremos un salto cualitativo en dez anos"
"Non é concebíbel o futuro de Galiza sen un medio rural ben dimensionado", explica para Vieiros o conselleiro. (Ramón Vilar / Roberto Noguerol / Vídeo: Lucía Iglesias - VIEIROS. 21/02/2008

Falamos aquí varias veces do labor do conselleiro Suárez Canal e da Consellería de Medio Rural. Houbo intervencións diversas e moitas delas en positivo ó respecto dos seus plans. Collo prestada esta entrevista de VIEIROS por se alguén quere comentala con máis detalle.

Podemos ser optimistas? Eu creo que si. Pero sendo conscientes da realidade das cousas. Falamos de máis de dous millóns de hectáreas xestionadas deficitariamente até o de agora. Cando por exemplo alguén protesta porque a autoestrada non se limpou toda, pois pode ter razón, pero é que levaba trinta anos sen limparse. Diante do traballo por realizar non hai que ser inxenuos e pensar que hai variñas máxicas coas que cambiar as cousas da noite para a mañán.O que hai é que iniciar unha tendencia que nos poña na senda adecuada para conseguir un panorama paisaxístico e de ordenación do monte moi diferente nun prazo de dez ou doce anos.
(...) Hai un programa de goberno que se está a cumprir. No ámbito das políticas transversais creo que se deron saltos importantísimos en todo o que é os servizos complementarios. En canto ás tecnoloxías da comunicación está a haber un esforzo importantísimo da Consellaría de Industria e iso terá que ir notándose pouco a pouco. Un aspecto moi relevante no medio rural é dotar ese ámbito de servizos que poidan facilitar a vida, tanto dos pequenos como da terceira idade porque efectivamente é unha das dificultades á hora de xestionar unha pirámide de poboación complicada. Eu creo que aí se están a dar pasos moi importantes na atención, cun concepto novo na atención á terceira idade. Creo que tamén se deron pasos no ámbito do transporte, non só do transporte adaptado para os maiores, senón tamén incluso para que o mocidade poida ter determinadas coberturas de servizo durante as fins de semana. Penso que hai unha actuación transversal do Goberno que vai cubrindo necesidades que existen no medio rural. Probablemente, como en todas as cousas, os ritmos e os tempos teñen distintas percepcións por parte da xente. Pero é moi importante que se saiba cal é a situación de partida, en pirámides de poboación, en estado de xestión de territorio, en canto aos servizos existían no medio rural. Que ao final da lexislatura se compare de onde partiamos e a onde chegamos. Os recursos son moi limitados pero vai ser un cambio que modifica unha inercia e unha rutina que creo que é o máis importante.

Brincadeira (vía AVMF)
Para que logo non digan que non nos metemos con Zapatero (de cando en vez...).


Álvaro Mutis, Mía Couto, Joan Margarit e Jon Kortazar, premiados polo PEN Clube
No 171 aniversario da poeta Rosalía de Castro

(Na foto, o moçambicano Mia Couto, autor a quen sempre admirei e do que creo que xa escribín tamén nesta solaina)

Así informa do premio o xornal Galicia Hoxe


Eleccións e valores (3).
Pan por Pan venres 22 febreiro

Para facer política real, nos anos 30, o Partido Galeguista tivo que aliarse coa Fronte Popular e sacar adiante así o Estatuto de Autonomía. Hoxe o único partido nacionalista con presenza parlamentaria goberna nunha coalición de esquerda, pero as mensaxes da súa campaña non inciden nesa dirección: prefiren subliñar a súa fasquía de forza galega e unha posible capacidade de decisión en Madrid, se fosen necesarios. Discurso que non anda moi lonxe dos mellores tempos do “Fagámonos respectar” de Coalición Galega. O partido que se quere herdeiro de Castelao xoga a diluír os seus sinais ideolóxicos e algúns dos seus votantes non o entenden: velaí os berros da manifestación “Galiza non se vende”. A incógnita é saber se unha estratexia de apelación identitaria é abondo para manter un digno nivel de votación nun contexto de máxima confrontación e bipolarización.