17 may. 2008

Álvarez Blázquez – A Academia en Vigo (notas telegráficas)

Bastante ben os actos do 17-M en Vigo. Moi ben os tres discursos sobre o homenaxeado: Vítor Freixanes (centrouse no editor), Darío Xohán Cabana (no poeta e investigador), X.L. Méndez Ferrín (nas súas esculcas sobre Vigo e no seu papel anovador publicando-descubrindo textos de Gonzalo Morullo ou de Anxo Rey Ballesteros). Barreiro, o presidente, rematou cunha contundente intervención sobre a necesidade de salvagardar a memoria histórica e facer xustiza ás vítimas, que rematou cunha cita moi axeitada de Juan Gelman. O local, o Auditorio do Concello, quizais pouco axeitado, pouco cálido. Algúns académicos botaron en falta maior mobilización da xente de Vigo: tamén dicían que o acto estaba mal anunciado polo Concello (mal polo Concello, prefiro non precisar, pero moi mal: só saír na foto e nada máis).
Si estivo case toda a saga-familia: os Álvarez, Álvarez Cáccamo, Álvarez Gándara, Xosé Lois Bóveda, etc. Faltou Xosé, o irmán maior, enfermo estes días e encamado: houbo moitas lembranzas para el, mesmo do presidente da RAG. E foi Afonso Álvarez Cáccamo o protagonista doutra nota de color. Tocouse o himno galego, con Ferreirós á gaita, e dende a mesa pediuse que a xente tamén cantase. Ferreirós rematou na primeira parte. Desconcerto. Alfonso A.C. e a fila da familia seguiu cantando e seguimos todos, e as autoridades sumáronse, qué remedio. Ferreirós incorporouse de novo coa gaita, aínda que todo un pouco mal acompasado.
Un dos momentos máis emocionantes: o aplauso entusiasta de todos/as á viúva de Xosé María, ó remate do xantar no Museo de Castrelos.
Logo, inauguración da placa en Travesas, co alcalde, e intervencións de Afonso A.C. e da poeta Luz Pozo.
A Academia estaba case en pleno, case todos os numerarios e uns cinco correspondentes. Ademais dos académicos, andaban por alí e puidemos falar con todos eles, M.Bragado, X. G. Palmeiro, M. Vidal Villaverde, Anxo Angueira, e outros que esquecerei sen querer.
Do resto tiven ocasión de saudar, despois de case 30 anos, a Xesús López Carrera, que agora é o concelleiro de cultura en Vigo (do BNG) e ó vello amigo o Chicho do Carballiño (sobre todo, amigo do meu irmán maior), que alá está instalado e mandou lembranzas para min (e para todos) de Lula Fortune, que traballa con el.
Tamén moitos comentarios sobre a falta de sintonía BNG-PSdG vigueses mesmo nunha data como esta: se non hai un mínimo de unión sequera no plano cultural... (Do PPG creo que non había ninguén: cando menos que eu recoñecese...).
Arroz con chícharos, de Bieito Iglesias (ECG 15.5.08)

A carestía de certos alimentos ameaza con matar de fame aos pobres da Terra. Tanta é a falta de vexetais comestibles que os biocarburos (antes vistos como unha alternativa plausible ao petróleo) son equiparados a crimes contra a humanidade. Primeiro cómpre comer e despois andar en popó. Pero por que escasean eses frutos? Porque os acaparan os especuladores? Porque non hai cousa que chegue á hora de nutrir incontables chineses e indianos ata antonte sometidos a xaxún de máximo traspaso? Porque non existen labregos dabondo que traballen os montes a ermo e procuren trigo, millo, soia ou arroz? Se cadra por causa de todos estes factores xuntos.
O concepto de suficiencia alimentar depende de que alguén foce nos sucos, con maquinaria se a hai e, se non, con arado mosquito, aixada, petola, rodo ou sacho. Mais o campo e os camponeses andan desde moito tempo atrás desprestixiados, no primeiro mundo compoñen xa un residual parque temático e, no terceiro, a poboación amoréase en megápoles de millóns de formigas ou foxe cara as metrópoles de Europa e América do Norte. Os urbanitas esfameados non saberían arrincar alimento dos torróns aínda que volvesen ao agro, vai desaparecendo o labrador autosuficiente capaz de lograr colleitas para si propio e para os paxaros (as aves granívoras extínguense canda o paisano e regresa o bosque coa fauna medieval de xabaríns e esquíos).
"A cidade faravos libres", reza un célebre dito, aínda que está por ver se nos dará mantido. Como non é previsible un retorno masivo ás endeitas agrícolas, a saída que se vislumbra no horizonte futurista apunta á comida sintética, independente dos ciclos naturais e comprimida en pastillas.
Países populosos que viven do arroz temen quedar falidos coa langrina. A min non me presta o arroz, pero o repolo e as patacas novas que non falten.






Literauria (2): Inauguración.
As fotos son de Trebolle, que era o cabaleiro que andaba a sacar fotos (ademais dos xornalistas), alguén preguntaba por aí embaixo.
Nas imaxes, ensinándolle o moito "peso" das Poesías Completas do Manuel María á concelleira; unha vista dos asistentes e foto fixa da miña intervención. Polo medio, Xavier Toga, un dos armadanzas de todo este tinglado: tamén estaban Xosé Lois Vázquez "Che", da Difusora, e Alfonso Prada, de Duendebux (non vin a Manolo Ramos, de Linteo). Tamén estaban os responsables das librarías Tanco e Eixo (ademais de Torga), as concelleiras Marga Martín e Marta Arribas e o delegado de cultura, X.C. Sierra.