“O despoboamento do interior é o noso principal problema’’
EN 1750 Galicia tiña o 13 por cento da poboación de España e hoxe anda no 6%; tiña máis habitantes que Cataluña, e hoxe Cataluña ten case o triplo que Galicia
LUIS POUSA, Galicia Hoxe, 27.02.2010
Pegerto Saavedra Fernández (A Fonsagrada, parroquia do Freixo, 1951; casado: unha filla; catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; premio extraordinario de licenciatura en Historia e premio extraordinario de doutoramento) foi Premio da Crítica, na categoría de Ensaio, en 1993 polo libro A vida cotiá en Galicia, e en 1998, compartido cos outros autores, polo tomo I da Historia da Universidade de Santiago.
Por que se produce o cambio demográfico en Galicia?
En 1750 Galicia tiña o 13 por cento da poboación de España e hoxe anda no 6%; tiña máis habitantes que Cataluña, e hoxe Cataluña ten case o triplo que Galicia. Mentres a densidade de poboación dependeu fundamentalmente do sistema agrario, o peso demográfico de Galicia foi moi importante. Cando se acelerou a industrialización e a urbanización en España, Galicia quedou desfasada, empezou a emigración e, con iso, a perda de peso demográfico. Hoxe, se miramos a pirámide de poboación, a situación do que pode pasar no futuro case é dramática.
Por que?
O problema non é só a perda de peso demográfico, é a falta de dinamismo da poboación moi envellecida. No XVIII a poboación menor de 16 anos superaba a maior de 50 anos.
A taxa de fecundidade era moi alta?
Iso é un tópico. Na literatura do Século de Ouro e do XVIII, hai moitas opinións que din que as galegas eran dunha prodixiosa fecundidade. Porén, a fecundidade das parellas non era moi elevada, e había bastantes fillos fóra do matrimonio. O que ocorría é que as taxas de supervivencia eran superiores. Daquela, a mortalidade infantil ata os 7 anos era escandalosa en toda Europa e había sitios que era do 50 por cento, mentres que en Galicia era dun terzo.
Nesa época a que idade casaban as mulleres galegas?
A maioría, despois dos 25 anos. Eran matrimonios tardíos. Despois, entre un fillo e o seguinte transcorrían case dous anos, porque as mulleres traballaban moito. Todo iso facía que as parellas non fosen moi fecundas.
Por que Galicia tiña mellores tasas de supervivencia infantil?
Probablemente por razóns medioambientais e climáticas, e porque se ben era un país de campesiños pobres, esa pobreza, que non miseria, estaba bastante repartida. Era desigual, pero non tan desigual como noutros sitios, e iso permitíalle ter unha esperanza de vida ao nacer superior ás doutras zonas.
Que explica que no país houbera tantos fillos de solteira?
Se un mira os bautizos nos libros parroquiais, ve que hai unha proporción elevada de fillos de solteira. Un pouco antes do 1800 esa proporción aumenta. No 1850 o 15 % dos nacidos en Galicia eran fillos de solteira. Iso xa non é un fenómeno sociolóxico, é un fenómeno demográfico, pois en Galicia a evolución da poboación no se pode facer sen contar cos fillos de solteira. Na maioría dos casos, a solteira que tiña un fillo non casaba.
Cales son as razóns diso?
Nunha sociedade na que o matrimonio é tardío, a posibilidade de que haxa fillos de solteira é maior. Despois hai un elevado celibato masculino e feminino, pero sobre todo feminino. Cada vez hai máis mulleres que non casan, e unha das razóns que alegan para ter fillos de solteiras é garantir o amparo para a vellez. É dicir, hai casos nos que os fillos de solteira non son froito do desexo sexual e do desenvolvemento dunha mentalidade laica. Daquela non había Seguridade Social e nesas circunstancias a vellez sen fillos era especialmente grave para as mulleres. O Padre Sarmiento conta o chiste de que unha muller galega "que estaba en congreso cun home", é dicir, que estaba de palique, para que lle fixese un fillo, lle suplicaba que llo fixese coas pernas ben longas porque o quería para tecedor. Iso dá unha idea de que a sociedade admitía a muller con fillo de solteira, non a consideraba deshonesta, salvo que tivese moitos fillos con moitos homes.
No asentamento da poboación sobre o territorio está presente o concepto de comarca?
Na época moderna, a palabra que emprega a xente para referirse ao que hoxe sería comarca é a de país. País é aquel territorio que ten unhas características, unhas producións, un cultivos, unhas prácticas agrarias, un clima, etc., parecidos. Dentro de Galicia hai unha valoración distinta dun país a outro, que se fai tamén en termos de civilidade, así se di, os daquel país son máis brutos que nós. Pero non hai unha definición comarcal estrita. A comarca é contemporánea e prodúcese nunhas circunstancias mui cambiantes. No antigo réxime, o elemento que articulaba a poboación era a parroquia, a aldea. Galicia tiña 30.000 aldeas, e ese número modificouse pouco, o que modificou moito foi a poboación. A parroquia é naquel tempo o ámbito que mellor articula a poboación non só no aspecto relixioso, tamén no aspecto social, incluso o Estado tende a servirse da parroquia para efectos de información. Hoxe no interior de Galicia xa só quedan parroquias de mortos.
O interior vai esmorecendo?
O principal problema de Galicia é o despoboamento do interior. A costa está a medrar, e o interior despobóase e desertízase. Iso provoca desequilibrios intraterritoriais moi graves que afectan á conservación do territorio e á calidade de vidas das persoas.
Na idade moderna parte da produción agraria vai destinada ao mercado?
A idea de que había unha economía de autoconsumo e o campesiño non vendía nin compraba nada é bastante falsa. Producir o suficiente para non depender do mercado só está ao alcance dunha minoría. Nesa época, especialmente no XVIII, as familias cada vez teñen un maior contacto co mercado, porque necesitan comprar e vender. Ese contacto prodúcese non necesariamente cos produtos agrarios; prodúcese vendendo lenzos; prodúcese coa emigración estacional, na medida en que os milleiros de persoas que van a Castela e a Portugal a segar participan do mercado da man de obra; prodúcese cada vez máis coa venda de gando. A evidencia de que na Galicia do XVIII hai moito contacto co mercado a dá o feito de que se triplica o número de feiras. Estas feiras son rurais e se fan incluso en descampados. As fortunas dalgunhas cabezas de concellos actuais veñen desas feiras: Fonsagrada, Monterroso, Valadouro, A Estrada, O Carballiño. Por outra parte, as explotacións campesiñas estaban cargadas de rendas para pagar –foros, décimos e outras–, en teoría en especie, pero na práctica moito pagábase en diñeiro, o que mercantilizaba a economía campesiña.
E que pasa co viño galego?
O mercado máis especializado era o do viño, sobre todo nos vales do Miño, Sil e Arnoia. No XVIII vendíase moito viño para o Cantábrico, Inglaterra e Francia. Logo ese mercado é copado polo viño de Rioxa, e o mercado do viño galego queda reducido a Galicia. Hai unha gran polémica, e o cóengo compostelán Pedro Antonio Sánchez escribe unha memoria sobre a necesidade de facer navegable o viño co fin de abaratar o seu prezo.
Por que se produce a crise da industria téxtil galega?
En 1800, Galicia tiña catro sectores de transformación moi importantes. O téxtil, coa fabricación de lenzos para vender fóra, máis ben en Castela pero tamén en América; a pesca; os coiros, Santiago case era a capital de España dos coiros no XIX, estaba rodeada de fábricas , pero tamén está Noia, Ferrol, Allariz; e o ferro, cuxas fundicións están situadas na parte oriental de Galicia –O Courel, Quiroga, e algo en dirección a Suarna–. Deses catro sectores só superviviu a pesca, que se modernizou a finais do XIX coa salgadura, a conserva e a construción naval. Pero o téxtil, que daba moito emprego porque se traballaba nas casas campesiñas, desaparece cara a 1830-1840 como sector dedicado á exportación, ao non poder competir co algodón inglés nin co catalán. Iso analizouno moi ben Xan Carmona. É un sector moi espallado, non está coordinado nin protexido por ninguén que favorecese a súa homoxeneidade na produción e a súa competividade. E queda unha produción para o consumo doméstico.
Que interpretación cómpre darlle ó que sucedeu con Sargadelos e Raimundo Antonio Ibáñez?
Os problemas que tivo Sargadelos evidencian os conflitos que creaba unha fábrica tan grande nun contexto agrario. Esta industria, que se instalou con moita oposición do clero e de sectores rentistas, así como dos campesiños, provoca unha oposición interclasista. Os sectores privilexiados ven con malos ollos un tipo de actividade que quita a xente da labranza, paga salarios e supón unha forma de vida alternativa á do produtor de rendas. Tamén está o feito de que Ibáñez é un home poderoso, e o clero e a fidalguía non están afeitos a que lles fagan a competencia. A fábrica de Sargadelos funcionaba cunha serie de privilexios, algúns case de tipo militar, pois empezou fabricando municións. Eses privilexios incluían acoutar os montes, obrigar os labregos a facer carrexos de mineral, e prendelos se non os acataban. Iso provocou grandes tensións que acabaron explosionando no asalto ás fábricas o 30 de abril de 1798.
É tamén un conflito de intereses económicos?
Os ataques ás fábricas veñen tamén provocados polos trastornos que sofren miles de campesiños na súa vida cotiá. Para a economía dun campesiño, que lle rompa un carro ou que un boi rompa unha pata neses carrexos é algo dramático. Hai unha reacción por egoísmo dos grupos privilexiados, e unha reacción de supervivencia no caso dos campesiños. Probablemente, a morte de Ibáñez o 2 de febreiro de 1809 sexa o último episodio daquel motín. Pero eses ataques non provocaron alarma na Audiencia, pois estaba con quen movía os amotinados.
Que papel debe cumprir a Cidade da Cultura de Santiago?
A Cidade da Cultura ten que ser a cabeceira da infraestrutura cultural de Galicia que sirva para coordinar, centralizar e informar, así como manter servizos que non existan, non para duplicar os que xa existen. A Cidade da Cultura pode ter unha rendibilidade inmaterial para o país. Hai outras infraestruturas máis custosas en marcha que non sabemos o que depararán.