18 may 2009

HISTORIA DUNHA GUITARRA CON ANTONIO VEGA AO FONDO

por Xoán da Cova
Almas en pena.Vázquez Ribada.
No bar de Santiago Rodríguez en Cartelle.

Eu tiña hai anos unha guitarra española, normaliña, das de toda a vida. Xa tiña acumuladas algunhas historias ela mesma, pero non as detallarei. Limitarei a historia a outras que tiven despois, como consecuencia de sucesivos cambios.

Estaba tocando con esa guitarra na compaña de un rapaz que tiña nas mans outra, tamén tipo española, de cordas de nylon, pero moito mellor: Electrificada, con entradas de jack e balanceada, con "cutaway", cunha caixa máis grosa do habitual. Compráranlla seus pais, emigrantes en Suiza, quen lle mandaban tamén desde alá cartos cada mes para vivir.

Varias persoas xa me dixeran que ese rapaz tiña problemas coas drogas, aínda que o seu aspecto non o daba a entender. Propúxome que as cambiaramos. Que eu quedara coa súa e el coa miña. Cando lle dixen que a súa era moito mellor, contestou que non lle importaba, que o feito de que a miña guitarra fose miña tiña para el moito valor. Aínda hoxe non sei como interpretar ese comentario. O caso é que as cambiamos. Desde logo, saín gañando eu. Existen varias fotos de prensa nas que esa guitarra aparece tocada por diferentes persoas ás que lla emprestei en diferentes actuacións en diversos locais d´Ourense.

Un amigo, posuídor de unha tenda de instrumentos, cando ma viu díxo que tiña un cliente que andaba buscando unha coma esa, e que ma cambiaba por outra calquera das que tiña na tenda até unha marxe de precio. Eu non tiña especial interés, mais engadiu que podía seleccionar tamén libros de música até certo prezo, e engadilos coa oferta. O caso é que saín da tenda cunha "Jasmine" de Takamine e con unha chea de libros de partituras. Tamén esa guitarra saiu fotografada en diversas ocasións na prensa ourensá, aínda que case nunca tocada por mín.

Un día visitoume o pintor ourensán P***, e preguntoume se lle podía prestar unha guitarra a un amigo seu madrileño, que estaba en Ourense por unha tempada e non trouxera ningunha canda el. Ao parecer, era un rapaz ao que lle gustaba moito tocar, e tiña "mono" de guitarra. Eu amoseille tres ou catro que descansaban nos seus respectivos soportes, dicíndolle que escollerse unha. Quedou uns intres mirando para elas e, non sabendo por cal decidirse, dixo que volvería máis tarde con ese amigo para que él mesmo a escollese.

Apareceu ás poucas horas co tal. O chaval era máis baixo ca min e agachaba a cabeza como avergoñándose de algo. Non ía moi ben vestido. A súa longa melena ocultáballe o rostro. Naquelo, o meu amigo P*** díxome: - "Preséntoche a Antonio Vega".

Eu non estaba moi seguro de estar desperto, observando como Antonio Vega probaba as guitarras unha por unha. abrazándoas como se as amase, como se fosen a táboa á que se aferra un náufrago para non se afogar. Ao final decidiuse pola "Jasmine". P*** xa marchara, non lembro por que causa, e acompañei a Antonio Vega polas xa case solitarias rúas de Ourense até o lugar no que dixo que ía durmir aquela noite, moi pertiño de onde naceu Alexandre Bóveda.

Non conto máis cousas de Antonio, porque as protagonistas desta historia son as guitarras. Debeu ser por aquela época cando lin no periódico unha triste noticia. Un rapaz aparecera morto, con todos os indicios de se ter suicidado na sua vivenda, pola zona da estrada vella de Celanova. As iniciais e o enderezo coincidían coas do rapaz que tanto valorara unha guitarra polo simple feito de ter sido miña.
Penso agora que vidas internas tan similares poderían ter vivido un músico famoso e un anónimo afeccionado, ambos mortos moito antes do momento que a natureza lles tiña asignado, e como unha historia de guitarras ligou as súas vidas dun xeito que até agora só eu coñecía.

A Jasmine seguíu despois a dar tumbos polo mundo. Se non mudou de dono, anda agora por Madrid nas mans dun músico de orixe colombiana. Pero esa é xa outra historia.
Como tiveramos algunha charla interesante, Antonio Vega deixárame o seu número de telemóbel. Apunteino coidadosamente nunha axenda e non acordei del durante un tempo.

Un día, ao abrir esa axenda, vin o seu número, loxicamente escrito na páxina da letra "A", a primeira. Decidín chamalo para lle preguntar como lle ía a vida. Non debía lembrar que lle tivese dado o número a ninguén e, ao ver na pantalla o prefixo 988 de Ourense, debeu de pensar que era a súa moza quen o chamaba. Descolgou susurrándome fermosas palabras de amor, sen me dar tempo a que eu lle dixese nada. Cando, totalmente azorado, lle dixen que non era quen pensaba, quedou tan cortado que, improvisando unha desculpa, colgou. Loxicamente, nunca máis o volvín chamar.

(Non é literatura: Foi totalmente certo).

Na contraportada de El Correo Gallego.es , Xurxo Fernández da conta de que MARCOS recibe do PEN CLUBE o IV Premio PEN/Voz de Liberdade 2008 o Venres no Hostal dos Reis Católicos as 19 horas.

PREMER xml>

MANUEL RIVAS 11/07/2008:

O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú

(De: MANUEL RIVAS en Luces “A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick”)