7 abr 2010

Calidade da democracia
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 07.04.2010

Dígame vostede que políticos de calidade temos e eu direille que democracia de calidade nos toca vivir. Ou dito doutro xeito: a calidade dos partidos políticos condiciona a calidade da democracia. ¿E cal é a opinión maioritaria que latexa na sociedade sobre a política e os políticos? Como di Leonardo Morlino, profesor no Instituto Italiano de Ciencias Humanas de Florencia, unha boa democracia é, antes de nada, un réxime amplamente lexitimado e, polo tanto, estábel, do cal os cidadáns -e isto é, aos efectos, de suma importancia- están plenamente satisfeitos. O filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio, opina que a calidade democrática española é moi baixa e que a axenda dos temas políticos é moi superficial, pois todo se resume, segundo o seu punto de vista, nunha especie de axitación arredor dun "antagonismo dramatizado". Vexamos a personaxe política Esperanza Aguirre, por exemplo, interpretando o seu papel no grande escenario político madrileño: a loita permanente polo poder, partenaires conflitivos, os sempre inimigos a bater, o embigo político propio oportunamente exhibido e un formidábel coro mediático que forma parte activa do espectáculo. A calidade democrática madrileña resúmese nun puro protagonismo e antagonismo dramatizados, e a política real e práctica brilla pola súa ausencia. ¿E en España no seu conxunto? Son moitos, e cada vez son máis, os analistas -lembremos, por exemplo, a campaña electoral das Xerais do ano 2008 e, entre nós, a última das nosas Autonómicas- que coinciden en afirmar que a calidade da democracia en España é pésima e que non se cumpren algúns dos requisitos básicos para que o sistema democrático exista plenamente e sexa recoñecido como tal. Se se levase a cabo un estudo serio, cousa que non se fai, sobre as calidades democráticas existentes no Estado español, o resultado, sen dúbida, sería decepcionante. E nunca se debería chegar a aquilo que, incrédulo, abesullaba Borges. ¿Democracia? "Una superstición muy difundida, un abuso de la estadística".