ANDOLIÑA martes 11 novembro
FESTA DO LUME
Dende bastante cedo, soben os mozos coas súas mochilas polos montes dos arredores. Luciu o sol onte en Auria, día de festa, coma hoxe, polos magostos. E velaí tedes un modelo de encontro ben enxebre, que en case nada variou dende os días remotos da nosa infancia: castañas, viño, chourizos, etc. Si, quizais hoxe a variación de bebidas alcohólicas sexa moito maior, pegada dos botellóns xuvenís. A cantos magostos iría eu dende neno? Sería difícil calculalo: no Montealegre, no Ervedelo dos avós, na Derrasa cando xa había algún coche para desprazarse, en lugares que xa nin podo lembrar.
Festa do lume: todas as culturas teñen mitos e ritos fillos desta tradición. Dende o Prometeo clásico que rouba o lume ós deuses ata a Ave Fénix que arde cada cen anos e renace das súas cinzas, símbolo da resurrección e a inmortalidade. En medio do lume represéntase tamén o deus hindú Agni, cabalgando un carneiro, e o corpo dos vellos xefes viquingos era cremado nunha lancha: seica entendían que o fume que se erguía simbolizaba o retorno do espírito ó sol, o dador da vida. Os nenos esculcan fascinados as lapas antes de se apagaren: quizais ata sexan quen de ver todo isto na súa fogueira.