TODOS ELES ERAN INOCENTES
(La Región 29 maio)
Hai un par de semanas participei nun debate en Telemiño sobre a guerra civil e o franquismo. Dende aquela ata hoxe foron moitas as persoas que me pararon na rúa ou me chamaron por teléfono, algunhas delas fillas das vítimas directas e todas indignadas polas opinións dalgúns contertulios que na práctica xustificaban aquela barbarie, ás veces faltando á verdade ou utilizando a persoas mortas (que non se poden defender) como o republicano
Alberto Vilanova ou o comunista
Clemente. Creo que estas persoas se merecen estas liñas.
As vítimas defendían a democracia lexítima: os golpistas foron os conspiradores. En Galiza non houbo guerra civil, só matanzas desapiadadas, fusilados no Campo de Aragón e sacas para “ir ás claudias”. A represión chegou a todos os demócratas e está ben documentada hoxe grazas aos estudos de
Xulio Prada. Houbo moitas voces que calaron para sempre. No propio concello da capital, as de
Gonzalo Martín March, gobernador civil, e
Manuel Suárez Castro, alcalde socialista da cidade. Ou as de moitos republicanos de esquerda como o avogado Eduardo París Villar (IR), Aníbal Lamas Cid (UR); Marcial García Barros (IR), tenente de Asalto; Marcelino Otaduy, axente de Vixilancia; José Salgado “Peste”, conserxe de Artes e Oficios (UR); o industrial Celso Pereira Rego (IR). Ou as de comunistas como
Benigno Álvarez,
Manuel Gómez del Valle, Manuel Docampo Pousa e Ramón Lafuente Rodríguez (responsábeis da Casa do Pobo), Modesto López Teijeiro (do Sindicato da Banca); Enrique Nanín Ansias; Silvio Torres Díaz, e un longo etcétera. Na lista fatal están tamén moitos socialistas como o xa citado alcalde Suárez Castro, Fernando Cordón; Luiz Izquierdo Balbuena, de Correos; Ramón Fuentes Canal, avogado, os seus irmáns Manuel e Emilio, e Antonio Taboada Nóvoa, das Xuventudes Socialistas; Severino Nóvoa Gutiérrez, director de “
Espartaco”; José Fernández Pérez, “Pepe da Botica”; Herminio Docabo de la Iglesia; Amador Cobas Fernández; etc.
E mestres de todas as ideoloxías, como Eligio Núñez (radical socialista), Rafael Alonso, A. Caneda, Gumersindo Núñez,
Eduardo Villot Canal (comunista), Eulogio Vázquez Gómez (presidente da Escola Laica), entre outros. E escritores como o xornalista e poeta en galego
Roberto Blanco Torres (que fora gobernador civil republicano en Cuenca) ou o xornalista Jacinto Santiago. E soldados como Amaro López Basante, Claudio Rodríguez Díaz, Ramón Regueiro Barreiro, entre outros. Ou paisanos como Manuel Nogueira García, secretario xudicial; Ángel Quintas Barreal; Antonio Ledo Rivero; Emilio Moure Carcacía; Ramón Pérez Anglade; Secundino Alfonso Fernández; Enrique Santiago Nóvoa Arce; Francisco Figueiras Gómez; Francisco Paradela Núñez (da casa Ford);
María del Valle Lozano (nai dos irmáns Gómez del Valle) ou Salud Torres Díaz. Son só algúns nomes para simbolizar a masacre: a relación completa de vítimas ocuparía varias páxinas. Todos eles tiñan algo en común: todos eran inocentes. (Imaxe: Ferrol, 1938, foto anónima. Do arquivo da familia Escrigas).