

Xavier Costa Clavell
(Andoliña mércores 10 maio)
Falei con el hai unhas semanas, pero non tiven a sorte de coñecelo en persoa. Chameino para pedirlle datos para o catálogo de autores de O Correo Galego e Galicia Hoxe, onde asinaba dende hai 13 anos. Alegrouse moito de que alguén se acordase do seu xornalismo en galego e díxome que estaba moi orgulloso de atesourar en toda a súa vida sobre todo libros e viaxes: percorrera medio mundo facendo guías de viaxe e volumes de arte. Daquela suxerinlle ao director do noso xornal que sería elegante facerlle unha pequena homenaxe: ao cabo era, con don Paco del Riego, o decano dos columnistas galegos.
Fillo de José Costa Figueiras, escritor agrarista-republicano, Costa Clavell poeta, narrador, xornalista, crítico literario e tradutor. Escribiu en todos os xornais galegos e en moitos cataláns. Co seu volume Las dos caras de Galicia bajo el franquismo (Cambio 16, 1977), foi un dos primeiros en deitar luz sobre a memoria desa etapa negada da nosa historia. Coa mesma ilusión escribía sobre o bandoleirismo galego ou sobre a nosa gastronomía, que tan ben coñecía. E sempre cun mesmo fío condutor, co que titulou un dos seus últimos traballos: Sempre Galicia no meu corazón (1992).
Na rede pódese consultar o limiar que lle preparou Manuel Vázquez Montalbán ao seu libro sobre a cociña galega.