10 jun 2010

ROSEBUD 2ª PARTE
Marcos Valcárcel

En Compostela todos os soños eran posibles. Había tempo para todo: para a esmorga e para a loita política, e para as aulas e para a formación cultural.
Cheguei alí dous meses despois da morte do ditador, compartindo pensión con Bieito Iglesias e Bieito AlonsoO Roi”.
O curso 75-76 foi moi axitado. Os peches de Fonseca, as manifestacións, asembleas de distrito, as pintadas con Sarille detrás da estación de autobuses, etc.
Comandos de cinco estudantes saltabamos de súpeto nas rúas, atravesando os coches a man, e faciamos manifestacións por sorpresa,sen que aparecesen os grises.
Tamén levamos os nosos paos. En Carballo tivemos que coller a Bieito Iglesias do chan coas muletas. Noutra ocasión caín en Praterías cunha montaña de xente por riba miña e rompín o pantalón e perdín un zapato: esta historia cóntaa Bieito Iglesias nunha novela.
Desde aquela cheiraba os grises a dous quilómetros de distancia, a miña moza lucense daquela época Pilar Meilán dicía sentirse segura cando a collía da man diante dos grises.
Militei durante 30 anos no nacionalismo de esquerda. Primeiro en ERGA, ANPG e UPG. En ERGA reforzamos o núcleo inicial con Xulio GaiosoO Lobito”, Xosé Manuel Sarille e Xulio Cuba; en pouco tempo eramos vinte ERGAS na Facultade de Historia.
Na ANPG estiven na direción local, con Cuqui Fraguela e o avogado Pedro Trepat. E traballei coa Fronte Cultural.
Os Sábados había unhas xuntanzas do F.C. onde acudían Manuel María, Felipe Senén, Cesáreo Iglesias, Xosé Lois Vázquez. Eran uns encontros pouco operativos pero deliciosos: o barbas de Monforte contaba historias marabillosas e o Felipe Senén puña o carro de diapositivas e dábanos leccións maxistrais sobre arte e patrimonio.
Na UPG estiven na célula cultural con Margarita Ledo, Pepe Barro e varios xornalistas hoxe profesores na Facultade de Xornalismo.
Deixei a UPG tres anos despois “por motivos persoais”: en realidade cando lin a Lenin descubrín que non era leninista e ademais nunca entendín iso do centralismo democrático. Para algúns era un militante “culturalista” e isto era despectivo para eles. Tamén tivemos unha xornada, un día e unha noite, gratuíta no calabozo de Raxoi, por vender “Terra e Tempo”, voceiro da UPG aínda ilegal en 1977.