12 may 2006


Galeguismo e vidas truncadas
(Andoliña venres 12 maio)
‘Vidas cruzadas’ é un excelente volume de contos de Raymond Carver que logo levou ao cine Robert Altman: aí está un magnífico relato no que un matrimonio que acaba de perder o seu fillo recibe estrañas chamadas telefónicas. Pero eu estaba hoxe a pensar non nas vidas cruzadas, senón nas vidas cortadas, truncadas polo fado: dende os gregos, un xeito de definir aquilo que non coñecemos. Na historia da nosa cultura e do galeguismo non foron poucas, por certo.
En 1918, con 29 anos, morría Luis Porteiro Garea, un dos meirandes valores das Irmandades da Fala, doutor en Dereito e profesor da Universidade de Santiago. El mesmo pronunciara o discurso de inauguración da Irmandade nesa cidade. Castelao despídeo emocionado dende ‘A Nosa Terra’: "unha mala fada caiu enriba de Galicia". Durante varios anos o semanario nacionalista dedícalle fondas lembranzas. Cal sería o futuro do galeguismo sen esa morte temperá?
E qué dicir do futuro tamén fanado (ningún deles chegou aos 30 anos) das grandes voces dun Manuel Antonio ou dun Amado Carballo? Sería diferente a nosa poesía das vangardas sen a súa morte prematura? Que camiño poético tomarían logo da guerra incivil?

" TERRA CEIBE!"
(Pan por Pan venres 12 maio)
En maio de 1931 dous mozos, Manuel Antonio e Xavier Soto, distribúen en Vigo un panfleto co título “Terra Ceibe!”. Criticaban nese texto aos concelleiros desa cidade por negarse a poñer a bandeira galega nos actos oficiais, ao carón da española. Hoxe nin sequera os nacionalistas coñecen ese texto: cousas da desmemoria. Texto ben radical, por certo. Velaí: “O noxo e a vergoña chegan a nós en rafaxes fondamente carraxosas, que nos obrigan a non poder calar a nosa protesta. A única Patria que recoñecemos, Galicia, ten a sua fala e a sua Bandeira, Bandeira que nós ollamos como insinia da nosa raza, a raza céltiga, forte e domiñadora, que si vai decaíndo é a forza da intrusión española que nos vai enchendo de sangue sin coor e sin vida, sangue escravo. Isto é o que nós temos por españoes; e certamente que tal herdo non merez outra defensa que a dos profesionaes do patriotismo trasnoitado”.