Memoria de Xaime como neno de Ourantes (de Xosé Luís Méndez Ferrín, en Faro de Vigo 4-1-08)
Agardada semblanza de Xaime Quessada polo seu amigo da infancia, Méndez Ferrín: xa teño dito que o escritor ourensán é tamén un mestre no rexistro elexíaco, mesmo nos obituarios, que constitúen todo un subxénero na súa obra.
No Ourantes (Ourense, na narrativa de Xaime Quesada) que ten como centro Santa Eufemia destacaba sobre 1943 ou sexa nos días de Stalingrado un neno con tirabuzóns loiros, fillo de Teresita Porto que era viuva nova e parecía unha artista de cine. Non tardaron en desaparecer tirabuzóns, e aquel neno da Rúa Nova ou do Instituto ou de Lamas Carbajal convertiuse en suxeito activo e de palabra veloz, con dotes de lider. Tiñamos como punto de reunión a parte alta dos Jardinillos, nun banco ao que lle faltaba o asento e no que nos exercitabamos en números de trapecio vistos no Circo Feijóo. Revelounos alí Xaime Quesada ser o sobriño ou primo do Veiras (non Beiras): un artista respectado e popular que deseñaba incribeis iluminacións nas festas e de cuxo estudio acabada de saír o trazado dos novísimos xardíns da Burga cuxos mirtos e empedradiño á portuguesa aínda permanecen. O día no que apareceu pola nosa xuntanza aquel rapaz maior cunhas antefixas de Catedral talladas en tizas escolares. Xaime aproveitou para nos revelar que el tamén era artista. En canto ao rapaz das tizas, este perdeuse en silencio pola zona do Orfeón e del saberiamos, anos despois, que era un escultor que se chamaba Arturo Baltar. O noso amigo Arturo Baltar.Certo, entre a incitación do Veiras, a suxestión do taller de Prego de Oliver e o apoio dos seus irmaos maiores artistas, Xaime Quesada converteuse en debuxante precoz. A "Profe", Mercedes de Gracia, tiña unha escoliña na Rúa da Paz na que liamos Corazón, na que nunca se rezaba e na que se atuaba as profesoras, incluso a Directora, a cal debía de pesar uns cen quilos. A esta escola privada e vagamente institucionista asistín con Xaime. Durante as aborrecidas horas invernais de estudio, el concentrábase para debuxar clandestinamente de memoria as paisaxes urbanas de Ourense, digo Ourantes. Alí estaba Heriberto e non sei se Antonio, amigos.Así que participei con Xaime dunha extraña infancia artística e liberal aínda que marcada por constantes procisións intercaladas de representacións e veladas no Principal e seguidas de incursións á Barbaña ou ao Monte Alegre en procura de calquera aventura en convivencia coas bandas dos suburbios en cuxas fazañas gostabamos de participar, sempre lonxe do Parque de San Lázaro. Logo, sobre os dez anos de idade, a vida separounos a Xaime e a min aínda que, moito tempo despois, eu voltaría visitar aquela súa casa de Lamas Carbajal en cuxos interiores estaban as monecas antigas, o piano de Teresita, raros instrumentos médicos, a libraría acristalada, e por cuxas fiestras entraba a luz escasa, pro única e peneirada, da que dora xudaría da nosa cidade.Xaime completou en Madrid estudos superiores e medrou, ano tras ano, en sabedoría e determinación plástica, e logo tamén literaria. Coido que nunca deixou de ser o meniño argallante e locuaz co que xoguei no Ourense, ou no Ourantes, dos distantes anos cuarenta.Aquel mesmo fogo, mesma imaxinación, mesma inquedanza, eran características dun artista maduro que só a morte sería capaz de deter no proceso infinito de xeración de formas e de representación. Foi antifeixista, gloriosamente.Eu agora choro e me doo porque a morte cruel nos deixou sen Xaime Quesada Porto para sempre.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días