4 ene 2010



Análise crítica do “Decreto do Plurilingüismo”
UNHA ANÁLISE URXENTE DO BORRADOR DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO
Carlos Amoedo e Filipe Diez, xaneiro 2010

Este é un documento de uso libre baixo licenza Copyleft/GNU-GPL(calquera copia ou modificación deberá ser distribuída libremente)


Ofrecemos a seguir a análise realizada por Carlos Amoedo e Filipe Diez a respecto do "Decreto do Plurilingüismo" anunciado pola Xunta ao remate do Consello da Xunta celebrado o pasado 30 de decembro. Trátase dun argumentario que pretendemos que sexa ao mesmo tempo sintético e abranxente, no cal se introducen consideracións xurídicas e pedagóxicas, mais sobre todo políticas.

Antes de entrar en cheo na análise, queremos salientar varias cuestións centrais:
Feijoo prometeu “desideoloxizar o ensino” e transladar ás aulas a “cordialidade lingüística das rúas”. En vez diso, o que fai é implantar a súa ideoloxía e socializar un conflito lingüístico fabricado exclusivamente polo Partido Popular para gañar votos, transladando ás escolas e institutos a responsabilidade última das decisións e, con iso, a tensión lingüística.
Como xa ocorrera coa reforma da Lei da Función Pública de Galicia nesta lexislatura, non se aborda a mellora da calidade do servizo ofrecido á poboación: a única novidade é a redución na presenza do galego, mais non se toman nin se anuncian medidas para mellorar a calidade do ensino nin para enfrontar os serios problemas estruturais que debe superar para satisfacer as necesidades dunha sociedade avanzada do século XXI. De feito, non se pensa nas necesidades dos alumnos e alumnas, senón unicamente en dar cobertura ideolóxica –a través da consulta aos pais e nais– ao programa político do partido que hoxe goberna (con menos votos que a oposición parlamentar, é bo lembralo).
O novo decreto supón un ataque sen precedentes á liberdade e á igualdade.
Ataca a liberdade, porque non garante a adquisición de competencias lingüísticas en galego e castelán, e sen coñecer polo menos dúas linguas é imposible exercer unha liberdade real de escolla. O que o decreto pretende é consagrar que os fillos e fillas dunha pequena minoría (os pais galegófobos) poidan vivir como os seus proxenitores: ou sexa, cun contacto mínimo, e anecdótico, co galego.
Atenta contra a igualdade e dignidade das linguas, porque non lle garante ao galego a promoción compensatoria necesaria para poder sobrevivir nunha sociedade cun predominio brutal do castelán (imprensa, radio, televisión, internet, cinema, economía, publicidade, relixión...).
E atenta contra a liberdade e a igualdade conxuntamente, porque só garante os dereitos das maiorías, mais négallos ás minorías: se aceptamos –como indican o sentidiño e o ordenamento xurídico- que os dereitos son das persoas e non das linguas, o seu recoñecemento debe ser universal; se as minorías –non importa cal sexa a súa opción de lingua en cada centro escolar– son privadas de dereitos, quebrántase o respecto pola igualdade entre os cidadáns e impédese o exercicio da súa liberdade de escolla, abríndose o camiño á verdadeira imposición lingüística.
Ábrense as portas á segregación lingüística nas clases, fundamentalmente no ensino infantil, dado que a escolla de lingua se realiza no momento da preinscrición, polo tanto antes da distribución dos alumnos por grupos.
A pesar do longo tempo de xestación, o decreto adoece dun altísimo grao de improvisación: de feito, o rascuño presentado ten por título “Modelo B”, o que indica sen marxe de dúbida que existían polo menos dous textos; de feito, cónstanos que a decisión final sobre o que sería presentado á imprensa foi adoptada persoalmente por Feijoo a noite do 29 de decembro. Ao longo da análise, iremos debullando as lagoas derivadas da falta de previsión.
I. Un decreto plagado de cinismo
O cinismo e a hipocrisía dos autores do decreto fica patente xa no preámbulo, cuxo contido é claramente diverxente –e, na maior parte dos casos, antagónico– a respecto das disposicións contidas no articulado:
Afírmase que “A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión dunha comunidade”, sen que iso sexa óbice para neglixenciar a promoción do galego como sinal de identidade cultural nin para establecer, implicitamente, a existencia de dúas comunidades lingüísticas diferentes, nun ataque frontal á proclamada cohesión.
Lémbrase o precepto constitucional de “especial respecto e protección” ás linguas do Estado, ben como o mandato estatutario no sentido de que “os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”. Porén, das disposicións do decreto non emanan nin respecto nin moito menos protección ao galego; e desde logo, non se potencia nin sequera se garante o coñecemento do galego.
Alúdese tamén á Lei de Normalización Lingüística, norma que “garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia”. Porén, co novo decreto fica enterrada a filosofía da igualdade xurídica entre as dúas linguas, que era a inspiradora do anterior decreto –o famoso 124/2007, aprobado polo goberno do Presidente Emilio P. Touriño (PSdeG), con Laura S. Piñón (PSdeG) como Conselleira de Educación e Marisol López (PSdeG) como Secretaria Xeral de Política Lingüística.
No colmo da desfachatez, tráense a tona a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas, ratificada polo Reino de España en 2001, e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado consensuada e unanimemente por todos os grupos do Parlamento Galego en 2004, con Feijoo como deputado e Vicepresidente da Xunta. E dicimos que se trata dunha desfachatez porque ambos documentos propoñen unha política de recuperación do galego que colide abertamente coa deseñada no novo decreto (léanse as páxinas 94 ss. do Plan Xeral para ter unha idea do abismo entre a realidade alí proxectada e a agora decretada). Quen rompe o consenso político arredor da política lingüística é, claramente, o Partido Popular de Feijoo.
Enúnciase como obxectivo principal do uso do galego “erradicar especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos”, aspiración tan loable como secundaria para unha lingua que perde falantes a pasos largos, e que equivale a facerlle a manicura a un paciente que está na UVI.
Critícase o decreto vixente (o 124/2007) co argumento de que “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía cara a un modelo de inmersión”. Sen entrar na cuestión de que os modelos de inmersión son plenamente legais e son os recomendados polos especialistas en sociolingüística e en pedagoxía de linguas, a afirmación é radicalmente falsa: por un lado, porque no novo decreto se abandona o modelo de conxunción de linguas en favor da consideración da existencia de dúas comunidades lingüísticas diferenciadas, ás cales non se lles recoñecen dereitos iguais, pois só a maioritaria poderá acceder ao seu exercicio; por outra banda, porque o problema do decreto 124/2007, como recoñeceu a inefable Gloria Lago, non era o seu contido, senón a vontade de facelo cumprir, ao contrario do ocorrido co decreto 247/1995 (despois modificado polo 66/1997), cuxo nivel de cumprimento foi moi irregular –o que propiciou que un 20% dos estudantes que conclúen a ESO declaren ser incapaces de falar en galego–. Co novo borrador, como veremos, o goberno do PPdeG volta á súa tradicional política do “obedézase mais non se cumpra”.
Mais a maior mostra de cinismo é tentar manter unha hipócrita apariencia de equidistancia entre os supostos extremos representados por Galicia Bilingüe e por Queremos Galego. Os primeiros –incapaces de xuntar máis de 2.000 persoas mesmo fletando autobuses desde o País Basco, Cataluña, Madrid e Andalucía– critican o borrador do decreto unicamente como estratexia para contribuír a lexitimalo. Os segundos –que convocaron e organizaron as dúas manifestacións mási multitudinarias desde o Prestige– rexeitan o contido de decreto por principios coincidentes cos expostos no presente artigo.
E non deixa de ser igualmente cínico que se pretenda impoñer o dereito de elección da lingua vehicular do ensino pouco máis dun mes despois de que o Tribunal Supremo declarase a inexistencia de tal dereito, como comentaremos máis abaixo.
II. A falacia do plurilingüismo como obxectivo educativo básico
O novo decreto salienta desde o propio título como obxectivo dotar o sistema educativo galego dunha caracterización plurilingüe, coa incorporación do inglés e eventualmente doutras linguas estranxeiras como idiomas vehiculares dun terzo das horas lectivas.
A adquisición de competencias en linguas estranxeiras é un obxectivo fixado con carácter básico pola Lei Orgánica 2/2006, de Educación no seu artigo 2.1, epígrafe f: o sistema educativo español orientarase á consecución dos seguintes fins (...) “La capacitación para la comunicación en la lengua oficial y cooficial, si la hubiere, y en una o más lenguas extranjeras”. Pretendendo situarse na vangarda española en materia de ensino de linguas, o novo decreto ampárase na propia potestade autoorganizatoria da Comunidade Autónoma para o establecemento do inglés como lingua vehicular nun 33% das materias.
Porén, este alarde de pretensa modernidade é puramente formal, pois é de imposíbel cumprimento. É innegable –e así o recoñeceu o propio Conselleiro de Educación durante a presentación do texto– que non existe profesorado capacitado para cubrir o 33% da docencia en linguas estranxeiras. Ademais, chama a atención que non se inclúa o portugués, unha das promesas de Feijoo, ao contrario do que fan con enorme éxito as comunidades autónomas de Extremadura e –máis recentemente– de Castilla y León. Tampouco se fai mención ao francés ou ao italiano, que xa dispoñen de seccións bilingües en diversos centros de Secundaria e Bacharelato do país.
Ademais, é discutible que a capacitación na lingua ou linguas estranxeiras teña como única medida, ou medida preferente, a súa utilización vehicular no ensino básico; e máis discutible é que esa capacitación leve a que, por decreto, se reduza a presenza vehicular das linguas cooficiais minorizadas como a galega. Isto é xuridicamente incorrecto, pois malia ser certo que non hai un dereito fundamental a reclamar a utilización das linguas cooficiais, tampouco pode esquecerse que a lingua vehicular do ensino aparece condicionada por normas con rango superior, que obrigan a desenvolver medidas específicas de protección das linguas minorizadas (Constitución Española, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Tratados Internacionais ratificados polo Reino de España como a Carta Europea de Linguas Minoritarias de 1992). O inglés non ten a condición de lingua cooficial; nin ten tampouco, obviamente, un status de lingua minorizada en España, polo simples feito de que a única lingua cooficial de Galiza que ten o rango xurídico interno e internacional de lingua minorizada é o galego (así o declarou o propio Reino de España ao ratificar a Carta Europea de 1992). Isto descalabra, obviamente, o mundo ao revés de Galicia Bilingüe e o argumentario PPopular da “imposición do galego” e do exterminio do castelán.
Na realidade, o inglés introdúcese como pretexto e como parapeto, sen previsión de medidas tendentes á súa efectiva incorporación; unicamente para rebaixar, coa escusa dunha suposta modernidade, a porcentaxe do galego até os niveis do decreto –nunca cumprido– de 1995. E con dúas nefastas consecuencias colaterais: (i) abrir un frente de conflito na distribución da carga horaria por parte de cada centro escolar, por causa da imposibilidade de ofertar un terzo de inglés; e (ii) promover a idea de que os pais escollen a lingua vehicular do ensino, pero sen ofrecerlles a posibilidade de decidir as materias a seren impartidas en lingua estranxeira, reducindo o leque de elección a galego vs. castelán e semeando polo tanto a idea de que unha lingua exclúe a outra, cando o certo é que as linguas suman e que o coñecemento de máis dunha lingua nos fai máis cultos e máis libres. No final das contas, as únicas materias impartidas en linguas estranxeiras –ademais das especificamente lingüísticas– seguirán a ser as que hoxe xa existen grazas ás seccións bilingües; todo o demais é un discurso hipócrita para restarlle ao galego horas de presenza no ensino, fundamentalmente nas materias troncais e como lingua vehicular dos primeiros anos de ensino.
III. A lingua vehicular na educación infantil
Feijoo e os seus saben que o futuro do galego pasa por formar xeracións que se eduquen con normalidade na lingua propia do país, e por iso o seu obxectivo básico é atacar a presenza do galego tanto na educación preescolar (Galescolas reconvertidas en Galiñas Azuis) como no tramo da educación infantil. En consonancia co obxectivo de impedir que a escola compense parcialmente o abafante dominio do castelán na sociedade, o novo decreto establece medidas regresivas e antipedagóxicas, como as que analisaremos a seguir.
Antes, permitide que lembremos que a política de Feijoo vai directamente contra o previsto na Carta Europea citada no apartado anterior. Conforme ao artigo 8 da Carta, o Reino de España (e a Comunidade Autónoma correspondente, como parte del) está obrigado a adoptar, no ámbito preescolar, algunha destas medidas: “i) prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou ii) prever que unha parte substancial da educación preescolar se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou iii) aplicar unha das medidas ás que se referen os puntos i) e ii) anteriores, polo menos, para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente”.
Como pode observarse, no ámbito europeo o modelo de segregación por aula aparece vinculado á efectividade do dereito á educación na lingua minorizada, que non se garante nin na rede preescolar nin –a partir da aplicación do novo decreto– na educación infantil. Pola contra, e como a continuación veremos, para Feijóo, o dereito de opción paterna tradúcese nunha sorte de segregación á inversa, deseñada para que a lingua maioritaria se impoña á minoritaria.
III.1. Utilización obrigatoria da lingua vehicular que “predomine” entre o alumnado da correspondente aula.
Como se determina a lingua predominante na aula? “Preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán durante o proceso de preinscrición”.
O borrador recorre ao concepto de “lingua materna”, que a sociolingüística moderna desbota exactamente porque a transmisión lingüística é un fenómeno complexo que ultrapasa amplamente o espazo familiar: de feito, se a transmisión familiar funcionase, a “lingua materna” do 92% da poboación galega sería a lingua propia do país, xa que só o 8% dos residentes en Galiza teñen orixe foránea.
Esquécese que unha parte importante da poboación galega ten dúas linguas primeiras, polo que a redución a unha escolla unívoca distorsiona de entrada a realidade.
Ignórase que en moitos países europeos o ensino é bilingüe ou mesmo trilingüe desde a educación infantil, polo que non hai necesidade de excluír como lingua vehicular a escollida pola minoría.
Confúndese groseira e interesadamente o verdadeiro obxectivo do sistema escolar, que debe partir do uso non para consagralo socialmente, senón para posibilitar a adquisición de competencias lingüísticas, aspecto especialmente importante nunha sociedade con dúas linguas en contacto.
Pero o máis grave é que, a pouco que se repare, se verá que a forma de determinación do “predominio” non se produce unha vez xuntados os nenos e nenas “na aula”, senón no proceso de preinscrición, antes de formarse os grupos. O cal permitirá identificar a lingua “predominante” por centro (non por aula), que supoñemos (pois a cousa non se concreta adrede) será a do 51% dos matriculados e matriculadas. E a partir de aí, nada impede que os centros ou a autoridade educativa poidan segregar aos cativos en aulas distintas por razón de lingua, colocando en aulas diferentes os que marcaron a opción de castelán ou de galego.
III.2. “Atención” á adquisición do coñecemento oral e escrito da lingua oficial minoritaria, ben como ao alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula.
O atentado perpetrado contra o sentido común adquire tintes dramáticos á medida que se avanza na lectura do decreto. No caso da educación infantil, non se garanten os mínimos de competencia nas dúas linguas cooficiais, senón que somente se establece o seguinte:
Que os da lingua maioritaria adquiran coñecemento oral e escrito da lingua oficial minoritaria. O proxecto educativo do centro determinará as actividades para mellor prover o aprendizado da lingua minoritaria: dado que non será lingua vehicular, porque así o establece o decreto, a adquisición dese coñecemento oral e escrito pode perfectamente consistir en cancións, poemas e panxoliñas, elementos obviamente insuficientes para que un cativo de 6 anos se incorpore á Educación Primaria cun coñecemento básico da lingua na que recibirá polo menos o 33% das clases.
Que os da lingua minoritaria se incorporen á lingua maioritaria, nun perverso mecanismo de negación da identidade lingüística –moito máis perverso nas idades en que se aplicará– que nos retrotrae aos piores momentos da Longa Noite de Pedra.
IV. A lingua vehicular nos tramos do ensino básico e Bacharelato
Avanzamos na lectura do decreto e, con iso, na sensación de esperpento. Vexamos as barbaridades previstas para os tramos do ensino básico (Primaria e ESO) e do Bacharelato.
IV.1. Cada lingua cooficial terá reservado obrigatoriamente un 33% das materias curriculares en cómputo semanal.
Ademais desa previsión xeral, o borrador do decreto estipula que, en Primaria, das materias Coñecemento do medio natural, social e cultural e Matemáticas, unha impartirase en galego e a outra en castelán segundo a opinión das familias, que será vinculante.
O que non se aclara é o que pasa cando as familias sinalan a “casilla castellano” para ambas materias: cal é a que se dá en galego? ningunha? decide a Dirección do centro a cara ou cruz? En calquera caso, se –como é lóxico– a opinión dos pais é a mesma para ambas, o carácter vinculante da consulta ficará en papel mollado.
Canto á ESO, as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Matemáticas e Ciencias Sociais, opinión que será vinculante. Isto permite voltar aos tempos en que “lo importante” se imparte en castellano, para evitarlles aos rapaces a desgraza de dicer “cinco ao caldeiro” ou “copeito de xis”, en vez de “cinco al cubo” e “coseno de equis”. En Madrid, por fin, descansarán tranquilos.
Polo demais, cada centro educativo, a través do seu Consello Escolar, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias, establecendo un equilibrio nas horas semanais ofertadas en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s). Deste xeito, será habitual encontrarnos con centros nos que o galego se vexa relegado a Educación Plástica e Visual, Educación Física, Educación para a Cidadanía ou Obradoiro de Iniciativas emprendedoras, fronte á presenza do castelán en Matemáticas, Ciencias Sociais e Física e Química. A isto chámanlle equilibrio.
A consulta aos pais adoece, a maiores dos xa sinalados, dun defecto de partida: non se pode tratar de maneira igual realidades e magnitudes desiguais. O galego está na mesma situación que un púxil a quen, antes dun combate decisivo, se lle propina unha zurra de varias horas, se lle priva de alimento e de coidados médicos, e se lle somete a unha campaña para minar a súa autoconfianza nas posibilidades de vitoria; despois de todo iso, pedéselle que suba ao ring e combata "en igualdade de condicións" co seu oponente.
Tras séculos de arrinconamento, desprezo, deturpación e denigración; tras décadas de machacona insistencia no carácter inútil do galego para a vida moderna, o que van votar os pais, mesmo aqueles que aman o seu idioma? Arriscaranse a “imporlles” aos seus fillos unha lingua “inútil”, “fracasada” e “fóra de época”, que pexe definitivamente o seu éxito social?
Non, amigos: isto non é liberdade. Isto é un tongo como a Catedral de Santiago. E tampouco é igualdade. É un xogo con cartas marcadas.
IV.2. Para lograr o plurilingüismo, introdúcese o inglés como lingua vehicular do ensino básico (primaria e ESO) e Bacharelato, como máximo no 33 % das materias curriculares. O que denominaremos “terzo de Flandres”.
A introdución do inglés como lingua vehicular é dobremente potestativa:
O inglés pode ser sustituído por outra ou mesmo outras linguas estranxeiras –aínda que en ningures se di como se determinan estas opcións nin se fai mención expresa a outras linguas estranxeiras.
O terzo de Flandres “pódese” impartir en lingua(s) estranxeira(s), co límite do 33%, mais de feito será impartido nas dúas linguas cooficiais na inmensa maioría dos centros escolares. Prevese un mecanismo excepcional para que se poidan impartir en lingua estranxeira materias troncais como Matemáticas ou Coñecemento do medio.
Este é un dos aspectos máis criticables e irreais do borrador, pois é sabido que o profesorado galego non está en condicións de impartir aulas en inglés, e a previsión desta formación obrigará a un cambio sustancial das RPTs ou, cando menos, das retribucións do profesorado, ben como un enorme investimento público na “formación de formadores”. Aspecto este que deberá ser cuantificado e plasmado, dito sexa de paso, na memoria económica que acompañe a versión final do Decreto que suba ao Consello da Xunta, co informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos. Unha de dúas: ou menten e din que o Decreto ten custo cero, ou deberán concretar as partidas económicas das que saia o correspondente gasto público para financiar o impacto económico.
É legal, polo demáis, esta introdución do inglés como lingua vehicular das materias do currículo xeral? A cuestión é máis que dubidosa. Os aspectos básicos dos currículos son establecidos polo goberno estatal, en desenvolvemento da Lei Orgánica 2/2006, de Educación. É certo, no entanto, que a disposición adicional terceira do Real Decreto 1631/2006, de 29 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas mínimas da ESO, prevé que as Administracións Educativas poidan autorizar que unha parte das materias do currículo se impartan en Linguas Estranxeiras sen que iso supoña modificación dos aspectos básicos do currículo. Así se recolle na disposición adicional quinta do Decreto 133/2007, polo que se regula o currículo da ESO en Galiza, e na disposición adicional segunda do Decreto 126/2008, polo que se regulan os contidos mínimos do Bacharelato.
Porén, debe terse en conta que esa introdución, cando é xeneralizada para unha materia ou conxunto de materias, e non por centros que así o queiran, pode vulnerar a avaliación básica das materias curriculares.
A Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Valencia 1097/2009 de 24 xullo (RJCA 2009\656), estimou o recurso contencioso-administrativo interposto pola Confederación Sindical de CCOO-PV contra a Orde de 10 de xuño de 2008 da Consellería de Educación daquela comunidade autónoma, pola que se establecían formas de organización pedagóxica para impartir a materia “Educación para a Cidadanía” na ESO, concretamente mediante o inglés, con base neste argumento. Reteñamos os argumentos do Tribunal Superior valenciano:
“(…) la evaluación de cualquier materia se llevará a cabo de acuerdo con los criterios de evaluación contemplados en la Legislación básica y en el currículo aprobado por la Comunitat Autónoma para esta materia. El currículo de educación para ciudadanía no recoge criterios de evaluación relacionados con la competencia en inglés. Por lo que resulta contrario tanto al RD 1631/06, de 29 de diciembre, como al Decreto 112/2007, de 20 de julio, del Consell, la doble evaluación de la asignatura de educación para la ciudadanía, una referida a la materia contenida en el currículo y la otra vinculada a la adquisición de destrezas lingüísticas de un idioma no oficial (art. 3 de la
CE ( RCL 1978, 2836) y art. 6 de EA ( RCL 1982, 1821) pudiendo suceder que si el alumno no progresa en sus conocimientos en inglés no pueda superar la asignatura de ciudadanía, suponiendo esta doble evaluación una clara interferencia en el proceso racional de adquisición de los conocimientos insitos en la asignatura Principal – Educación para la ciudadanía. Por ello dicho párrafo debería ser igualmente declarado nulo aun cuando la asignatura se impartiera en inglés”.
Por outra parte, o Tribunal Supremo español lembrou recentemente que non existe o dereito a escoller a lingua vehicular do ensino. A sentenza, de 18 de novembro de 2009, di textualmente: “La circunstancia de coexistir dos lenguas en la Comunidad Autónoma no sólo autoriza, sino que exige su conjunto tratamiento y exigencia de la gallega en los niveles de estudios no universitarios. (...) La discriminación se produciría precisamente en el caso de que la Administración autorizase lo pretendido por el recurrente [isto é, o ensino monolingüe, como o que se pretende incorporar ao ensino infantil]” E engade que o dereito do pais a escoller o tipo de educación dos seus fillos “no autoriza el diseño del currículo educativo de los hijos a conveniencia de los padres”. Dito noutras palabras: non existe o dereito a non aprender o galego, que é o obxectivo último inspirador da campaña político-mediática deseñada pola FAES e culminada –por agora– polo borrador do novo decreto.
En definitiva: estamos ante un decreto de dubidosa legalidade e de inviable execución, xa que pasarán moitos anos antes de que se poida impartir o 33% das materias en inglés –probablemente máis anos que os que terá de vixencia o novo decreto.
E mentras tanto, que pasará co resto dese terzo, isto é, coa reserva de tempo que non se vai impartir en inglés? Pois o Consello Escolar deberá decidir, garantindo unha distribución horaria cuantitativamente igual entre galego e castelán, mais sen ningunha garantía dunha mínima equidade no aspecto cualitativo. Por certo, a decisión será tomada por uns Consellos Escolares cuxos membros non presentaron un programa de actuación sobre este asunto, polo simple motivo de que non existía o conflito que agora o novo decreto crea, botando gasolina para dicir que había fogo e deslocando a responsabilidade á sociedade (dirección dos centros, profesores, nais e pais, e mesmo representantes dos propios alumnos).
Ao final, o previsible é que acabemos chegando ao mesmo resultado que co Decreto de 1995: o terzo de galego non se cumprirá e as autoridades educativas non velarán polo seu cumprimento, e en conclusión, o castelán seguirá sendo –como nos últimos douscentos anos– abrumadoramente maioritario como lingua vehicular do ensino en Galiza.
V. Flancos abertos.
Cando os mediocres fan normas, nin sequera se pode esperar calidade técnica do produto resultante, mesmo en fase de borrador. Se ademais improvisan, é inevitable que se produzan innúmeras lagoas, imprevisións e omisións. Sen ánimo de exhaustividade, velaquí algunhas das que detectamos nunha primeira lectura do rascuño do novo decreto:
Disposición 2ª.No punto 1, faise referencia explícita ao respecto dos dereitos lingüísticos do persoal docente, dereitos que non están establecidos legalmente e cuxo alcance non se especifica no decreto. Ademais, non se alude aos dereitos do persoal non docente, o cal constitúe unha evidente mostra de discriminación.No punto 2, dise que as programacións das materias de lingua serán redactadas na lingua correspondente. Desa redacción inférese que as programacións didácticas das linguas estranxeiras deberán estar redactadas en inglés, francés... Dado que eses documentos son de acceso público e constitúen a base para as reclamacións de notas, esíxelle implicitamente aos cidadáns o coñecemento de linguas que a lexislación (Constitución e Estatuto) non prevé, so pena de non poderen exercer os seus dereitos. Tendo en conta que eses documentos son obxecto de análise pola Inspección Educativa, ese mesmo coñecemento esíxeselle ao corpo de inspectores, a pesar de que accederon ao posto sen tal requisito.
Disposición 5ª. Na Formación Profesional e nas ensinanzas artísticas e deportivas, non se establecen cuotas nin mecanismos de consulta, limitándose a dar mandato aos centros para que “o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas oficiais”. Ou sexa: neste caso confíase no bo facer dos centros e apélase a criterios pedagóxicos, mentres que nos restantes se establecen complexos mecanismos de imposible cumprimento e se colocan as necesidades educativas por debaixo dos intereses políticos.
Disposición 8ª. Establece que os libros de texto adoptados estarán redactados na mesma lingua na cal se imparta a materia e di que “A Administración educativa promoverá a elaboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeira(s)”, nun lapsus evidente. Explicámonos: o lexislador parte do convencemento de que a escolla será idéntica en todos os centros, pois do contrario non afirmaría que promoverá a edición de materias “na outra lingua oficial”, xa que eses materiais deberían existir necesariamente para aquela parte dos centros escolares nos cales tivese sido votada maioritariamente. Unha vez máis, constátase que a Xunta xoga coas cartas marcadas e que fai o decreto para dar cobertura legal ao seu proxecto ideolóxico.
Disposición 9ª, apartado 1, epígrafe d. Obrígase os centros educativos a improvisar medidas de capacitación dos alumnos para o seu aproveitamento nas materias cuxa lingua vehicular descoñezan. Ou sexa: se se decide que unha determinada materia sexa impartida en inglés e unha parte do alumnado non ten nivel para seguir as clases, o centro terá que obrar o milagre.
Disposición 10ª. Pásase do apartado 4 ao 6, nunha proba elocuente de que un texto redactado en galego é incompatible cos máis elementares coñecementos matemáticos.
Disposición 13ª. Alúdese ao CELGA a efectos de concurso de traslados. Curiosamente, o lexislador esqueceuse dun detalle moi relevante sobre o CELGA: aquel alumno que cursou o ensino infantil en galego e que tivo a docencia das materias troncais nesa lingua durante Primaria, ESO e Bacharelato; e aqueloutro que só cursou –con sorte– o terzo legalmente previsto en galego; alumnos que, obviamente, terán unha competencia en galego moi diferente, terán dereito ao mesmo certificado CELGA? A resposta é afirmativa: o cal incide unha vez máis na idea do galego como lingua ritual e cuxo coñecemento é unha mera esixencia legal e burocrática, sen efectos prácticos sobre o seu uso.
Disposición adicional 4ª. Dise literalmente: “Para a adquisición de competencias nas linguas estranxeiras entre o profesorado, a Administración educativa valorará a adquisición da dita formación no desenvolvemento da carreira docente”. Isto provoca necesariamente unha desigualdade: ou ben o profesorado de linguas se ve excluído da posibilidade de acceder a ese mérito, co conseguinte prexuízo en termos de desenvolvemento da súa carreira; ou ben se lle concede automaticamente, do que resultaría un agravo comparativo a respecto do profesorado das restantes áreas.
Conclusión.
O novo decreto cuxo rascuño foi dado a coñecer hai catro días representa un atentado contra a liberdade individual, contra a igualdade de dereitos, contra o mandato estatutario de garantir o coñecemento do galego e contra a convivencia lingüística nos centros escolares. E, por todo iso, contra o sentido común.
O decreto de Alberto Núñez Feijoo, de Jesús Vázquez e de Anxo Lorenzo representa a socialización dun conflito partidario e partidista creado polo PPdeG a instancias da FAES e coa colaboración dos brazos mediáticos da dereita máis antigalega e reaccionaria, sectores que están moi lonxe de representar as opinións da maioría da sociedade galega.
Supón, ademais, a consagración da existencia de dúas comunidades lingüísticas separadas e non dunha única comunidade social caracterizada polo bilingüismo, chegando ao extremo de abrir as portas á segregación lingüística nas aulas, elemento que pode ser opreludio dun apartheid social máis xeneralizado e que constitúe unha semente de fractura social inadmisible para aqueles que desexamos unha sociedade integrada e integradora, tolerante e respectuosa coas diferenzas.
Por se todo o anterior fose pouco, fica evidente que o presente decreto non responde a unha vontade de gobernar, senón ao revanchismo dificilmente aceptable no clima dunha campaña electoral e totalmente deleznable como guía da acción dun goberno serio e responsable. De aí que non se aborden os problemas do ensino nin se fagan propostas para solucionalos, focando a atención da opinión pública exclusivamente sobre a cuestión lingüística mentres se precariza o ensino público con reducións orzamentarias insólitas na historia da autonomía ao tempo que se incrementan as subvencións aos centros que segregan os alumnos por sexo.
Mais aínda estamos a tempo de parar esta insania. Os galegos e galegas debemos reaccionar: realizando alegacións na fase de elaboración do Decreto, que acaba de comezar; e mobilizándonos por terra, mar e aire.