Unha carta de Otero Pedrayo a Manuel Beiras (2 abril 1936)No seu artigo dominical en Galicia Hoxe, Xosé Manuel Beiras reproduce unha interesante carta de Otero Pedrayo ó pai do asinante do artigo, isto é, o galeguista católico de Compostela, don Manuel Beiras García. Poden consultar o artigo enteiro aquí.Pero non me resisto a pubicar íntegra a carta de don Ramón que, entre outras cousas, asina o desconcerto do ourensán nesas horas e a súa extrema proximidade cos galeguistas católicos, moitos dos cales romperon co PG para crear a Dereita Galeguista. Otero mesmo debeu ter dúbidas sobre a posición a tomar ó respecto (véxase na carta: "
non penso que o meu nome puidera ser bandeira"), aínda que ó cabo, como é ben sabido, mantívose na lealdade e na disciplina do Partido Galeguista. Pero moi lonxe da Fronte Popular e da liña táctica nese momento do PG, como el amosaba nos seus artigos e como explicamos (Xosé Ramón Quintana e máis eu) no noso vello libro sobre Otero (Ir Indo, 1988). E quero repetilo porque en certos sectores culturais do país existe un intento de mixtificación que insiste en afirmar que Otero apoiou a campaña da Fronte Popular, o cal non é certo (non consta en ningún acto nin chamamento desas datas). A carta é clara por demáis. Xuzguen vostedes mesmos:
"Meu distinto e querido irmán: Tiña coñecemento das aitividás dos nazonalistas católicos composteláns. Consolo e espranza nas trubias horas amarguradas por que pasa unha parte do galeguismo. Dende a derradeira asambrea do Partido onde eispuxen a miña opinión loito en conversas e cartas pra o afastar da roita que leva. Están, como Vde ben dí, amparando unha (nova) figura do proceso de desgaleguización. Eles, por o menos unha minoria ben se decatan do feito, pro coidan atallalo despois de conquerir a autonomia, engadindo que grazas aos seus esforzos téñense coutado moitas cousas noxentas na Galiza. Isto é certo en alguns casos, mais non pode xustificar a sistemática aititude d"un partido. Eu teño sufrido moito. Entendo non ser home de aición. Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles. As consideracións de Vde refrexan fidelmente as miñas loitas interiores. Mais privado do esprito de orgaizazón, priguizoso e neboento ¿que podería eu faguer?. Non penso que o meu nome poidera ser bandeira. Pro cando chegue o momento tereime de arredar do Partido, e dada a maneira como se desenvolveu o debate na asambreia ise intre soio pode presentárese na proisima asambreia na que atacarei en conxunto toda a política do Partido. Quero obrar con completa craridade. Cecais estou contribuíndo a unha obra má ou pol"o menos imperfeita a pesares da miña constante oposición. Teño a espranza de traelos ao rego. Unha espranza raidosa que se desfai. Pol"o pronto mando artigos a Nosa Terra, e sigo afastado de toda intervención política. Desexo a asambrea e traballo pra que se faga logo. Despois témos que trazar unha nídia aición: a seguida por Vdes, a que foi propria do primeiro galeguismo. Namentres considéreme cinguido as aitividas dos nazonalistas católicos de Sant-Iago. Escribin "témos" mal escrito, debendo dicir "teño" con Vdes, mais non en posto direitivo para o que non teño fólego e cecais ben logo non terei nin saúde. ¿Que podo faguer pol"o pronto?. Agradezo moito a sua carta que non respondin porque foi a Trasalba e volveu eiqui tras de min, e prégolle a Vde e demais irmáns que me escriban moito. Esta noite sintome mais desacougado que nunca. Teño novas de Castelao e dóeme miralo en Madrid, perdendo persoalidá, desdibuxada na (?). Perdoe que as miñas palabras parezan dubidosas. En xeneral eu son oitimista. Mais paso por unha crisis que me non deixa. Namentras, e confiando en Deus e no inmorredoiro esprito da Terra, reciba unha aperta do seu agradecido irman na Galiza
R. Otero Pedraio"