3 abr 2008


Facendo memoria...
(Foto Pepe Trebolle)

Facendo memoria, reconstrúo os nomes dos que colaboraron na xénese do Roteiro A Esmorga de Blanco Amor, a mediados dos 90 (excusas se esquecín a alguén, aínda se pode corrixir).
A minihistoria do Roteiro xa está na Ourensanía, na súa imaxe e entrada 120. Concello de Ourense e Deputación colaboraron tamén nesa andaina.

Delitos e faltas, de Bieito Iglesias (ECG 2-4-08) (Imaxe: por qué esta portada? Porque Bieito fala ó remate da novela negra e porque lle teño moito agarimo a esa novela de Chester Himes e a esa vella colección de Bruguera).

Un estarrecente suceso destes días (a morte dunha nena a mans dun depredador sexual) suscita comentarios de toda orde, encamiñados os máis deles a escurecer un dato fundamental: existen suxeitos ruíns como a sarna, parvos insurrectos contra a dor de vivir que expanden os seus desexos ata invadir o espazo dos demais, sadistas que matan sen dó con tal de realizar os seus soños perversos. As actualidades impoñen o individuo insular, irresponsablemente infantilizado. Ninguén ten culpa de nada intramuros da citania occidental, desde nenos somos descargados dese peso que antes achombaba aos humanos como a burros baixo a fardica. Os viciosos son exonerados co expediente de declaralos doentes e o mal ocúltase baixo o espectro exculpatorio do sistema. Certo que no caso que nos ocupa fallou o sistema xudiciario, no entanto, aínda que funcionase como un reloxo, quedaría en pé a pregunta: unha pena de catro anos por abusar da propia filla chega para disuadir a un criminal ogresco?
Viaxemos por un momento ao futuro (aos EEUU que anticipan o que nós seremos de aquí a pouco) para mergullarnos nunha sociedade cunha enorme poboación reclusa, con pasquíns delatores á porta dos pedófilos, con pena de morte en varios estados e un auténtico estado policíaco virtual (televisado). Paga a pena examinar a evolución da novela policial, do thriller cinematográfico e dos telefilmes do xénero negro: pasouse do gánster heroico e do detective que loitaba contra a corrupción social e policial da época clásica (anos 30), á enxurrada actual de polis e forenses infalibles, presentados como único dique da civilización fronte a psicópatas perpetradores de asasinatos a cada paso máis bizarros.
Por parte das vítimas concretas de uxoricidas, pederastas ou pistoleiros que desaloxan colexios a bala limpa, tamén morre o optimismo antropolóxico. Corremos o risco de que a xente asustada se sitúe á esquerda ou á dereita da policía.

Democracias.
Pan por Pan xoves 3 abril. Foto de Tatiana Cardeal.
Escoito o final dunha tertulia na radio sobre a democracia nos países de América Latina. Un dos participantes alude a un estudo (nalgures lin eu iso mesmo) que sostén que é case imposible que exista un sistema democrático nun país onde os seus cidadáns non cheguen a unha renda per cápita de catro mil dólares. Outro contertulio intervén afirmando que ese dato, de ser certo, sería moi cínico: non tería sentido falar de democracia se antes non hai desenvolvemento económico. O dato será cínico, pero non por iso falso. En España tivo moito que ver o crecemento económico dos anos 60 coa caída do franquismo, xa insoportable para unhas clases medias modernas. Pasará iso en China e noutros países dentro duns anos? Chegarán á democracia dende a creación da riqueza? Tamén existe o polo negativo: a crise económica dos 30 foi funesta para a democracia republicana española.