Vigo derrota á OTAN
Miguel-Anxo Murado
Hai que felicitar á Policía Local de Vigo por esa vitoria militar que conseguiu contra a OTAN. Como saben, a coalición multinacional, que ten unha flotilla de barcos de guerra na ría mal aparcados, quería establecer unha cabeza de praia, literalmente, en Samil, posiblemente coa intención de apoderarse da cidade olívica. Pero os municipais rexeitáronos combatendo ferozmente entre as sombrillas e os balóns de Nivea. Bravo, pois, polos axentes, que se suman así á longa lista de pequenas organizacións de baixo presuposto que conseguiron poñer en fuga á OTAN, ese organismo que naceu para defendernos dun ataque da URSS en Europa e que por iso, loxicamente, está despregado no Congo.
A OTAN pediu desculpas polo sucedido (aínda que eu non quedo convencido de que non o volvan intentar) e o alcalde Caballero, obsesionado con xustificar o seu apelido, viña dicir que se un conduce borracho a toda velocidade e logo se desculpa, xa vale e non pasa nada. Ben está sabelo. Tomen nota os vigueses desta xenerosidade edilicia. Pero eu penso que a OTAN, ademais de desculparse, faría ben en aproveitar este novo fracaso para revisar as súas tácticas e obxectivos.
Primeiro: a OTAN debería ser máis modesta e non medirse con forzas superiores en experiencia e motivación, como os talibáns afgáns e a policía local viguesa. Segundo: a OTAN tería que valorar o grao de apoio que teñen esas forzas entre a poboación civil. Por exemplo, debería saber que en Samil, no verán, hai miles de bañistas inocentes que, aínda que polo xeral desconfían da policía local a causa das multas, póñense da súa parte tan axiña como algún neno resulta ferido por unha zodiac. Terceiro: hai que revisar os procedementos operacionais. Por exemplo, agora xa sabemos que ir bébedo como un can non mellora a eficacia de combate das tropas. E cuarto e último: a OTAN ten que ter claros os seus obxectivos políticos. A pregunta é: ¿pódese establecer unha democracia moderna pola forza en Afganistán e en Galicia? En Afganistán levan oito anos e aínda non o lograron. ¿Que lles fai pensar que en Galicia ía ser máis fácil? ¿Non sería mellor empezar por medidas pacíficas, como a reforma do voto emigrante? É unha idea que lanzo.
Polo que se refire a nós, celebremos este momento de triunfo, a primeira invasión por mar que Galicia repele con éxito desde María Pita. Repitan todos comigo: «Gloria e o honor aos heroes de Samil».
Miguel-Anxo Murado
La Voz de Galicia, 15/8/2009