Nostalxia.
Un cento de persoas comeron xuntas onte nun restaurante de Allariz. Convocadas polo “Roi” (Bieito Alonso), alí acudimos moitos/as que, espallados por diversos lugares e ocupacións, temos algo en común: militamos na histórica Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) entre 1974 e 1982. Moitas cousas cambiaron dende aquela: militantes clandestinos onte, algúns están hoxe nos despachos do goberno. Por alí andaban os vellos xefes (Alfredo Suárez Canal, Xaquín Méndez Anta “O Rubio”) ; algúns nomes do mundo cultural (Chus Pato, Lois Paradelo, Xosé Lois “O Carrabouxo”, Carlos Méixome, Xerardo das Airas) e unha chea de xentes que puxeron as raíces e moito máis do sindicalismo nacionalista, obreiro e labrego. Ata houbo tempo para repasar as vellas cancións de combate: “
E se eres perseguido, torturado, masacrado, compañeiro, non te esquezas do teu deber máis sagrado”.
Á chegada, recibían ós que ían chegando o Roi e a súa compañeira Sara. Caras que non se vían hai 30 anos. Algúns abondo cambiados; outros, os menos, coma sempre. Vaise xuntando a xente diante do restaurante Porta da Vila, por alí Tino Fandiño tamén recibindo e organizando. Chega a prensa e saca as fotos de grupo de rigor: desorganización total, para sacar a foto, dez minutos. Pouco obedientes estes militantes.
O máis atractivo foi encontrarse con esas xentes case esquecidas, sobre todo cos que non viven en Ourense. Por exemplo, Carlos e Delfina, que foron mestres no País Vasco, moitos lembrarán á loira Delfina de actriz en
“Retorno a Tagen Ata” co Anxo vestido de crego. Ou a Moncho Boán, da UTEG histórica. Ou Cali (Hixinio Mtez.) e Bea, que tampouco se deixan ver moito por Ourense. Por alí andaban os xefes, os que mandaban nos 70, sobre todo Alfredo Suárez Canal e “O Rubio” (Xaquín Méndez Anta), moitos nos lembramos tamén de Fernando Pérez, Fernando “de Sarria” xa desaparecido (e do Quintela, e da Genucha, e do Manuel María, etc.) . Estaba presente boa parte da CIG Ourense e das antigas Comisións Labregas, con Etelvino Blanco á fronte (Eduardo Míllara, Antolín, Moncho do Santander, etc.). E nomes da primeira hora como Berto Tabarés, Milagros Freán, Luísa Escudero (de Ribadavia).
Na mesa de máis ambiente, cómo non, Xosé Lois O Carrabouxo e a súa dona Xoana: a mesa que se converteu tamén en masa coral: Grandola Vila Morena, Se eres perseguido..., ata a Internacional. Eu xantei con Lois Paradelo e Xosé Luís de Prado (Pepe Luís) e un grupo da CIGA. De memoria, podería citar aínda a Manuel Amil, Conchiña, Corral e Consolo, Xela, Xavier de Vilar de Barrio, o director de Montes, Xoán Alfonso do Carballiño, Secundino de Correos, Celso de Maceda, Anxo Rúas (do que falamos esoutro día e que xa nos visitou no blog), etc. Anxo Quintana chegou case ó remate a saudar e volveu marchar. Non houbo discursos: non se trataba diso.