23 mar 2007




Poesía e primavera
No seu artigo de hoxe en El Correo Gallego (ver artigo completo) Helena Villar relembra os poetas que cantaron a primavera. Velaí un anaco:

Que ten poder para convocar as belidas: "Bailemos nós xa todas tres, ai amigas,/ só aquestas abelaneiras frolidas;/ e quen for belida, como nós belidas,/ se amigo amar,/ só aquestas abelaneiras frolidas verrá bailar" (Xoán Airas).
Que propicia a aparición do amor erótico: "Empeza a primavera no teu seo/ xentil e miudiña coma o pulo/ dun outeiro que nace de repente" (Avilés de Taramancos).
Que é capaz de tornar lírico o aire: "No niño novo do vento/ hai unha pomba dourada/ (Meu amigo, / quen puidera namorala!/ Canta ó luar e ó mencer/ en frauta de verde olivo./ ¡Quen puidera namorala,/ meu amigo!" (Cunqueiro).
Que conduce ata o silencio aos desacougados: "E por eso ó mirar cal nos campos/ de novo abrochan as rosas/ dixen: "¿En onde, Dios mío/ irei esconderme agora?"/ E ó bosque de San Lourenzo/ me encamiñei silenciosa" (Rosalía).
Que se fai solidaria cos oprimidos: "Aquí ven o maio/ de flores cuberto.../ Puxéronse á porta/ cantándome os nenos;/ e os puchos furados/ pra min extendendo,/ pedíronme crocas/ dos meus castiñeiros..." (Curros).
E sobre todo, que "A poesía é o gran milagre do mundo" (Pimentel).

Cultura ou tortura da muller?
Andoliña 23 marzo

Está o debate de novo nos xornais e tamén nalgúns blogs: que facer ante a aparición do burka nos centros comerciais das nosas cidades ou do niqab nas escolas occidentais. O burka, vestimenta tradicional para a muller en lugares como Afganistán, é un símbolo de ignominia e desprezo para a muller, ademais dunha tortura constante: oculta completamente o corpo femenino (como se fose indigno), cunha breve rella á altura dos ollos que permite que a muller vexa sen ser vista. O niqab cobre ata os xeonllos e só deixa libres os ollos.
Hai diferentes lexislacións sobre o tema en Europa : Francia prohibe o veo e todo tipo de símbolos relixiosos nas escolas. Italia e Bélxica non permiten ocultar o rostro. Os mestres necesitan ver a cara dos alumnos para saber se seguen atentos as clases. Permitiríase que a xente andase polas rúas con pasamontañas estilo comando militar ou cunha media de atracador de bancos? O goberno Blair deixou nas mans das escolas a decisión de vetar o niqab, pero o sentido común chama a non ceder nisto. Sei que algúns me chamarán eurocentrista e cousas peores, pero iso é o que penso: non podemos retroceder un só paso na defensa dos Dereitos Humanos. Nin sequera para lograr que acouguen os fanáticos.