10 sept. 2009





Virtual, meu amor. Pensar, amar e sufrir nos tempos das novas tecnoloxías

Ana Bande Bande

Quen de entre nós non querería disfrutar da vida en parella conservando todas as vantaxes que dá a vida en solitario? A web social (Facebook, MySpace, Second Life, etc.) ven ofrecernos exactamente isto. Sentírmonos próximos e —o que é máis importante— seren recoñecidos sen perder o noso sentimento de independencia. Eu podo comprometerme ou liberarme cun sinxelo clic, encontrar doadamente novos interlocutores e ata resucitar os mortos. Mália todo, as novas tecnoloxías non nos procuran acougo. Porque se por unha banda agochan as pexas da separación física, pola outra fánnos dubidar da dispoñibilidade dos nosos interlocutores. Por iso seguimos reclamando as mesmas respostas unha e outra vez: Onde estás, que fas, estás só/a? Do mesmo modo que o faciamos co teléfono. Con este tipo de observacións tan sinxelas, Serge Tisseron fai un repaso á incidencia das NTICs no xeito de nos relacionar (Virtuel, mon amour. Penser, aimer, souffrir, à la l´ère des nouvelles technologies, París, Albin Michel, 2008).

A súa lectura non achega moita novidade a quen estea afeito a un emprego crítico das redes sociais, mais trátase dunha reflexión imprescindible para comprender un cambio tan drástico na sociedade coma calquera dos que obrigaron a procurar un novo nome para designar unha etapa histórica diferente. O autor, pola súa condición de terapeuta, pode partillar unha morea de casos reais que ilustran situacións nas que, cun mínimo de humildade, podemos ollármonos a nós mesmos, ou veren representadas situacións relacionadas con esta "explosión do virtual" que se repiten ao noso redor. Non se trata dunha visión pesimista, todo o contrario, o autor defende o uso positivo dos espazos virtuais para enriquecer as nosas relacións reais.

Non podemos negar que a comunidade virtual é, para moitos, tanto ou máis importante que a familia ou os colegas de traballo ou do instituto, e algúns ata “casan virtualmente” sen necesidade de se ver nin de se tocar, pois o corpo físico deixa de ser a referencia para o reencontro. Os psicólogos atenden casos de depresión por abandonos “virtuais” e hai numerosos síntomas do perdidos que podemos sentírmonos neste contraditoria realidade virtual que nos arrastra. Lembrades aquela curiosa noticia dunha muller que pedira o divorcio ao descubrir a relación do seu home cunha guapa avatar de Second Life e que, ademais, contrarara un avogado na propia plataforma virtual?