VINTECINCO ANOS DESPOIS (1982-2007)
Texto meu que se inclúe no Catálogo do XXV Outono Fotográfico. A foto, titulada Salto, é de Raquel Castro. Nota: ademais do indicado no fío de comentarios, este catálogo pode consultarse íntegro, en PDF, en www.outonofotografico.com, nos apartados Textos e Catálogo.
Vinte anos non é nada, rezaba un tango famoso. Nada na historia da Humanidade e menos aínda, imperceptible, na historia da Vida. O mesmo cabe dicir para un período de 25 anos. Pero 25anos son moitos nunha sinxela vida humana e bastantes na vida dun país que chega á democracia, e tamén abondo importantes nun mundo que cambia a unha velocidade quizais demasiado acelerada. Hai vintecinco anos estabamos a saír aínda dun golpe militar esperpéntico, pero non por iso menos sobrecolledor (o terror colle a cotío forma do esperpento), e abríase unha etapa de cambios, coa chegada do PSOE ó poder, outubro de 1982, que naquel momento víase por moitos como unha fundada esperanza dunha democracia máis completa e consolidada. Galicia, pola súa banda, estaba aínda nos inicios da súa autonomía (tralas primeiras eleccións do outono de 1981, o referendo do Estatuto fora en decembro de 1980, con taxas abraiantes de abstención: “nunca vin pobo como o galego que dimite do seu destino”, seica dixera Cunqueiro) e o nacionalismo iniciaba, naquel outono de 1982, un longo proceso de adaptación, lento pero eficaz, ante a nova situación política (o papel de Esquerda Galega, creada dous anos antes, e a fundación naqueles días do novo Bloque Nacionalista Galego, con Xosé Manuel Beiras á fronte). Todos sabemos ben qué pasou desde aquela, que cambios se produciron e cales outros (na provincia ourensá) non quixeron chegar aínda.
Lembran vostedes os anos 80, que na memoria xa están a converterse en mitoloxía do pasado? Despois do “tejerazo” España estaba a consolidar o seu sistema democrático e gobernaba Felipe González e os socialistas. España firmaba a súa adhesión á CEE, integrándose definitivamente en Europa, mira ti, 20 anos despois votaríamos a Constitución Europea (nonnata aínda). Era elixido Ardanza como lehendakari, Carrillo expulsado do PCE e despenalizado o aborto (o divorcio xa era legal desde 1981). ETA negociaba en Arxel co goberno socialista e aparecía afogado o etarra Mikel Zabaltza, detido pola garda civil. No mundo, un tal Gorbachov chegaba ao máximo liderado na URSS (aínda existía) e impulsaba a “perestroika”: algúns que antes non quixeran saber, xa non podían negar certas calamidades do “socialismo real”, abríanse os arquivos do KGB. En Galicia consolidábase a autonomía e os 80, sobre todo na súa segunda parte, marcan o momento de máximo esplendor de Coalición Galega, mentres o BNG e o PSG-EG libraban unha encabuxada disputa pola hexemonía no campo da esquerda nacionalista. A crise do goberno Albor, dous anos despois, traería un goberno tripartito, o goberno Laxe, cos socialistas, Coalición Galega e o PNG: está por facer aínda un xuízo obxectivo dos seus resultados e das súas eivas. Xosé Luis Barreiro Rivas pagou daquela todos os pratos rotos. Estreábase en Madrid “Eu saúdote, María” de Godard e o escándalo era axitado polo integrismo católico: en Ourense non se puido exhibir naquela ocasión, tentouno o Cineclube Padre Feijóo pero presións moi poderosas o impediron.
(Segue... O texto completo en Comentarios)