11 abr. 2008


Antón Pulido


Paga a pena pasar polo Simeón para ver a exposición de Antón Pulido, o artista de Bóveda de Amoeiro, que se inaugurou onte. Por certo, cun éxito abrumador de público, de Ourense e de Vigo (veu un autobús con máis de 60 amigos, que logo foron cear as anguías a Alongos).
Pulido tivo un presentador de luxo, pois Bieito Ledo estivo brillante enfiando un discurso con humor e lembranzas dos ditos do seu avó, dos que logo facía aboiar algunhas reflexións vitais e artíticas. Un deles: "Para aprender, andar ou ler", tal eran as expectativas da nosa xente noutro tempo. Hoxe pódese sumar, engadiu Bieito Ledo: andar e ler.
Na súa intervención, o amigo Antón Pulido agradeceu a acollida e lembrou as súas terras natais de Amoeiro (estaban presentes alcalde e concelleira de cultura do lugar, que o farán Fillo Predilecto). Tamén houbo palabras de lembranza para Otero Pedrayo con quen subiu unha vez ata o Alto do Piñeiro e alí don Ramón lle describiu os cinco arciprestados que dende alí se enxergan, de Galicia a Portugal.
Fondo colorismo e expresividade: a min gústanme sobre todo os homes en soedade, de costas, retirándose por un camiño...
Mandela.
Pan por Pan venres 11 abril
Hoxe ía escribir sobre o goberno Chávez que obriga á TV venezolana a botar fóra do horario infantil os Simpson: seica son subversivos e dan un modelo de familia negativo, así que o cambian por “Los vigilantes de la playa”. Mellor excitar hormonas que discursos quizais críticos. Pero tamén quero contarlles, porque levo días falando aquí da negritude, que Nelson Mandela, o líder contra o apartheid sudafricano, e o seu partido (Congreso Nacional Africano), seguen na lista de terroristas dos Estados Unidos. As cousas da diplomacia van moi de vagar, xa ven, e a propia Condolezza Ricce, tamén de color, define a situación como “embarazosa”. Mandela foi elixido presidente do seu país en 1994 e premio Nobel da Paz: a cousa terá arranxo logo. Na foto poden ver ó líder negro ó carón dun cartel coa súa man e o número do cárcere que levou cando estaba preso: 27 anos, nada menos.
Un incendio no horizonte...
O escritor que foi cazar leóns a Escocia (Manuel Rivas, El País, 11 abril)

Esoutro día alguén colgou aquí o artigo de Caneiro en LVG sobre a iniciativa de Bieito Lobeira e a galeguización do comercio: xa se falou dese tema, nun fío co artigo de Sarille sobre o mesmo tema, máis abaixo.
O artigo de Rivas de hoxe é puro lume e vai provocar algún incendio (verbal sequera). Cólgoo porque sei que os contertulios quererán opinar: fágano, se é posible, de forma seria, argumentada e respectuosa cos dous (Rivas e Caneiro).
Eu, se mo permiten, case me vou abster de participar: os dous son amigos e prefiro manter esa amizade, se é posible.

entrevista de X. M. del Caño (3ª e última parte)
Conseguiu un grande impacto co seu estudio sobre a prensa ourensá.
- A prensa en Ourense e a súa provincia (1987) é a miña tesiña de carreira, que dirixiu Ramón Villares. Ese traballo reflicte o meu interese pola historia de Galicia, que eu quería investigar, e a inclinación que sempre mostrei pola prensa. Selecciono recortes de xornais, suplementos e coleccións dende os 14 anos. Na actualidade teño tres ou catro habitacións da casa cheas de papeis. Polo tanto, fixen unha catalogación de toda a prensa de Ourense nos séculos XIX e XX.
- Moita xente recoñeceu que ese libro foi unha fonte valiosa, como traballo de apoio á investigación.
- Xente que tivo que estudar temas de historia, de arte e literatura, utiliza ese estudio como fonte primaria de información.
-¿A que fondos recorreu?
- Consultei arquivos públicos e privados de toda Galicia, como a Biblioteca Penzol, o Museo de Pontevedra, a Academia Galega e a biblioteca do Mosteiro de Poio. Tamén encontrei algunhas cousas na Biblioteca Municipal de Madrid. Tiven que ir alí varias veces. Consultei o Arquivo Histórico de Ourense e o do Concello, que tamén ten fondos interesantes, ademais de arquivos privados. Tiven a oportunidade de traballar cos orixinais de La Zarpa, cando aínda estaban na casa das sobriñas-netas de Basulio Álvarez, que vivían ó lado do Parque Infantil. Esa biblioteca comprouna a Deputación. La Zarpa deunos unha visión diferente da historia de Ourense, que era un medio republicano, fronte a La Región, que era un medio católico de dereitas, da república aceda. La Zarpa foi sempre a voz dos republicanos, dos galeguistas, dos socialistas e dos movementos obreiros. Un ano despois fixen a tese doutoral, dirixida tamén por Ramón Villares, sobre a II República en Ourense, que non chegou a saír nun volume, pero publicáronse de corenta ou cincuenta artigos sobre o tema. Esa tese case sería imposible de facer sen La Zarpa.
- Achegouse ó patriarca das letras galegas.
- Ramón Otero Pedrayo, vida, obra e pensamento (1988), escribino en colaboración con Xosé Ramón Quintana. Ese libro demostrou que Otero foi un líder galeguista, de pensamento nacionalista, moi consciente e moi radical en moitos aspectos, e ó mesmo tempo tiña unha visión do mundo conservador e católico. Esta foi a principal achega do libro. Foi polémico, porque algunhas persoas non entenderon que utilizaramos o adxectivo conservador aplicado a Otero, que non era incompatible co adxectivo nacionalista. Otero era conservador, ó mesmo tempo liberal, un home ilustrado, moi intelixente e que tiña unha idea de Galicia moi clara, pero unha idea de Galicia sustentada na visión católica do mundo, sen ningunha dúbida.
- Fixo biografías de Eladio Rodríguez González, Xoaquín Lourenzo e Ferro Couselo.
- Eladio Rodríguez é o gran poeta do Ribeiro, un home moi vencellado á terra, á natureza, que fai unha poesía telúrica, nunha procura, nunha especie de misticismo ou de busca da sacralidade da natureza. Xaquín Lourenzo é o gran estudoso da etnografía. Foi un discípulo dos grandes, de Otero e de Risco, e un mestre dos que seguen o camiño que el abriu no estudio da cultura popular. Ferro Couselo foi o grande investigador da memoria de Ourense e un home moi comprometido.
- Vostede colaborou na Historia de Galicia de Faro de Vigo.
- Convidoume Ramón Villares, para que fixera un fascículo sobre a República, que era o tema no que estaba traballando naquel momento, na tese doutoral. Daquela empezábase a estudar un pouco en serio a República e a Guerra.
- Logo vencellouse coa historia cultural, con A cidade da Xeración Nós (1996) e Pé das Burgas. Estudios de historia, Xornalismo e literatura (1998).
- Dende aquela ata hoxe fixen estudios onde intento interrelacionar aspectos diversos da historia cultural. E sigo nesa liña, na actualidade, con As uvas na solaina, e cos contidos que recolle Galicia hoxe todos os domingos baixo o título Cen anos de historia cultural, que sairá en libro proximamente en Edicións Xerais. A serie é un paseo pola historia de Galicia, dende 1906, o ano no que se fundou a Academia Galega, ó 2005, onde fago cada semana un resumo do máis importante que pasou cada ano, a nivel de efemérides, no campo da literatura, das artes plásticas, na música, no mundo editorial, grandes feitos culturais... Fai unha historia cultural de conxunto.
- Está a punto de publicar unha obra nova.
- Edicións Xerais vai sacar unha pequena historia de Ourense ilustrada, con destino ó mundo do ensino, tanto para a ESO coma o bacharelato. Hai moitos estudios sobre historia, pero non hai un traballo breve, de síntese, onde un estudante poida ir mirar unha época: que pasou no século XVIII o XIX en Ourense, que foi O Volter ou qué pasou na II República.