26 may 2007


A SORTE ESTÁ BOTADA
Andoliña 26 maio (Imaxe: La pudizia velata, Nápoles)

Remata o barullo electoral, os ruídos abusivos na rúa e a retórica dos carteis. As caixas do correo poderán repousar por fin despois dos excesos alimenticios destes días. Chega a hora da reflexión e nunhas horas de pouco valerán as enquisas, nin as fotos de impacto, nin os sorrisos enchoupados nas paredes. Nestas alturas, o único soberano é o electorado é un misterio saber o que pensa este señor.
Que decide o voto da xente? A ideoloxía dos partidos ou o carisma dos candidatos? A estratexia atinada ou non das campañas ou a opinión pública e publicada dende os medios de comunicación? Ou o poder do peto do pantalón? Ninguén o sabe realmente. Presentáronos múltiples modelos de cidades ideais, ó gusto de cadaquén, pero iso tampouco garante ningún éxito: houbo promesas semellantes xa noutras campañas anteriores. Supoño que o quid da cuestión está na palabra credibilidade: oxalá puidésemos esculcar no fondo dos ollos de cada candidato e descubrir así a súa máis auténtica personalidade.
Pero non pasa nada. O mundo segue. Como dicía onte o amigo Monxardín, o luns todos gañarán, todos terán algún argumento para demostrar que as cousas non lles foron tan mal. Todos contentos.