Cen anos de historia cultural
1996: Filharmonía e Rock Bravú
(Imaxes: Carlos Alonso del Real; Olga Novo, autora dun estudo sobre a poesía erótica de Claudio Rodríguez Fer;
Figuras da nación, de R. Villares)
Ós escenarios chegaban daquela, da man do Centro Dramático, A esmorga, de Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña; Hostia, de Cotarelo Valledor, dirixida por Manuel Lourenzo; e Como en Irlanda, sobre textos de Antón Villar Ponte e J.M. Synge, con Quico Cadaval como director. En activo estaban grupos como Áncora, Espello Cóncavo, Teatro do Noroeste ou Teatro de Ningures (Terra de lobos, sobre un conto de Ferrín). Vidal Bolaño levaba ás táboas O desengano do prioiro, de Otero Pedrayo.
No mundo das artes, o Centro Galego de Arte Contemporánea celebraba unha ampla homenaxe a Laxeiro. Outros artistas galegos que eran noticia, en mostras antolóxicas, eran Jenaro Perez Villamil, Isidoro Brocos, Tino Grandío, Antón Lamazares e Darío Basso. No CGAI podíanse contemplar as fotografías de tema galego do Arxiu Mas e na Fundación Granell a obra do artista surrealista Man Ray. Por Galicia pasaba tamén a obra de moitos artistas de referencia mundial como Max Ernst, Francis Picabia, Juan Muñoz, Ch. Boltanski, A. Tàpies, Julio González, Anglada Camarasa, Vito Acconci e Medardo Rosso.
A música rexistraba novidades como o debut en Santiago da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Helmuth Rilling e Maximino Zumalave, ou a estrea da banda Berrogüetto co disco Navicularia. O grupo de música antiga de Eduardo Paniagua gravaba unha edición íntegra das cantigas de Afonso X e Emilio Cao publicaba o disco Simbad en Galicia. E falábase moito dos grupos musicais nacidos arredor do fenómeno do Rock Bravú, que reivindicaba a lingua galega dende a música rock. O pai do invento era Xurxo Souto e a súa banda coruñesa Os Diplomáticos e na contorna andaban grupos como Skornaboys, Papaqueixos, Os Impresentables, Os Túzaros (Santiago), Pinto d´Herbón, Os Cempés, O Caimán do río Tea (Ponteareas), Xenreira, Os Rastreros, de Chantada, etc.
No outono nacía en Ourense o Festival Film desta cidade, impulsado polo concello, que rendía na súa primeira edición unha homenaxe ó cineasta de orixe ourensá Antonio Román. Rodábase en Galicia a película de La Cuadrilla, Matías, juez de línea, con algúns actores galegos como Manuel Manquiña, Quico Cadaval e Morris. Pola súa banda, o cineasta coruñés Héctor Carré estreaba Dame algo, subtitulada como “Comedia bastante burra”, cun xogo de comicidade, sátira e violencia que non convenceu.
Nacía o portal Vieiros, un feito revolucionario no mundo dixital de acenos galegos, e A Nosa Terra e a AS-PG iniciaban a súa ambiciosa Historia da Literatura Galega en fascículos. Na prensa subliñar o nacemento da revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, da man de Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, e ilustrada por Sara Lamas.
En setembro falecía o escritor e ensaísta Xosé Fernando Filgueira Valverde (nacido en 1906), un nome histórico do galeguismo que presidira por primeira vez o Consello da Cultura Galega. Un mes depois era elixido para substituílo nese posto o escritor e editor Carlos Casares. Outras despedidas do ano foron a do poeta Lois Pereiro (Monforte, 1958), falecido na Coruña e que deixaba publicados libros como Poemas 1981/1991 (1992); Poesía última de amor e enfermidade (1995), e “Poemas para unha Loia” (1996); e a de Armando Fernández Mazas, en Ourense, mestre republicano que dedicou os últimos anos da súa vida a recuperar a memoria do seu irmán, o artista Cándido (editando todas as súas obras literarias), e lembranzas do seu tempo como Ourense: Atenas de Galicia e Política y Pedagogía. . Uns meses antes, en novembro do 1995, morrera tamén o músico e compositor Enrique X.Macías (Vigo, 1958).
ANO 1997Comezaremos a nosa esculca do ano 1997 cos traballos de
ensaio e investigación. No campo da historiografía, por exemplo, é imprescindible citar estudos como
Figuras da nación,
de Ramón Villares, ou
A idea da nación, de Ramón Máiz, os dous en Xerais. O primeiro arredor de personaxes como Manuel Colmeiro, Losada Diéguez, Vilar Ponte, Peña Novo ou López Ferreiro, mentres que Máiz afonda na idea da nación no galeguismo histórico e no papel da ideoloxía na mobilización nacionalista.
O Consello da Cultura Galega recuperaba os Documentos da Catedral de Ourense, da man de Emilio Duro Peña; e editaba o volume Patrimonio cultural galego na emigración, coordinado por María X. Rodríguez Galdo e Afonso Monxardín. Tamén o CCG publicaba as actas do encontro en homenaxe a Xoaquín Lorenzo Tecnoloxía tradicional: dimensión patrimonial e valoración antropolóxica, con estudos de diversos antropólogos e etnógrafos. Francisco Calo asinaba Xentes do mar. Traballos, tradicións e costumes (ANT) e a Deputación de Coruña sacaba o volume Os ilustrados galegos.
Na contorna da historia e da arte están os traballos sobre os galegos anarquistas na Arxentina, de
Carlos Penelas; Escritos políticos, de
Víctor Casas; Xacobe e Prisciliano, de Xosé Leyra Domínguez; Territorio e democracia, de Álvaro López Mira; A prensa de mulleres en Galicia (1841-1944), de Xosé V. Freire Lestón; a lembranza do 10 de Marzo. Unha data na historia, por
J. Gómez Alén (Fundación 10 de marzo); Arte y sociedad en Compostela, 1660-1710, de Agustina Fernández Álvarez; La vida política municipal en La Coruña entre 1900-1931, de Luis A. Giadás; Eduardo Gasset y Artime. Biografía de un pontevedrés ilustre, de Eugenio Cobo, e a edición facsímile pola Xunta de La isla de Cuba, de
Ramón de la Sagra. X. María Durán estudaba a pintura de Lodeiro e Antón Castro a
Laxeiro. A invención dun mundo. Ediciós do Castro proseguía coas memorias de
Santiago Álvarez (1962-1983) e recuperaba o epistolario de V. Paz-Andrade.