6 may 2007


a conspiración.


Pan por Pan domingo 6 maio


Son pouco amigo das teorías conspiradoras. En tempos estas eran enarboradas sobre todo por xentes da esquerda, pero agora semellan ser patrimonio da dereita. Velaí a nosa dereita mediática que non lle chegou con facer o ridículo no tema do 11-M, senón que insiste. Jiménez Losantos e os seus mariachis insinúan que a detención de Isabel Pantoja, suposta branqueadora de mil millóns de pesetas, obedece ás poutas secretas dun tal Zapatero. E terá razón o egrexio xornalista, pero quédase curto. Para ocultar as fotos de De Juana Chaos, foi Zapatero quen mandou a dona Letizia parir, xusto nestes días, a súa segunda nena. E para aumentar a confusión, non se sabe ben cómo, foi Zapatero quen teledirixiu a charla sobre as copas de máis ó volante dun tal Aznar. E organizou a folga do naval en Galicia e a vitoria dos nacionalistas en Escocia: moito poder ten a conspiración!

(P.S.: Estiven menos dun día fóra de Ourense e encóntrome no meu correo máis de 50 mensaxes procedentes do blog: tereinas que ler aínda de vagar, vexo que o debate estivo moi animado. Déixenme dicirlles que eu mesmo estou asombrado do seguimento que estas charlas están a ter entre nomes moi relevantes da cultura galega (presentes onte en Mondariz, na entrega dos Premios da Crítica de Galicia), que xa lles coñecen a todos vostedes, un a un, polos seus seudónimos e seguen con fidelidade, como se se tratase dos siareiros dun equipo de fútbol. As persoas das que lles falo non acostuman a intervir nos debates, polo que sexa, pero están moi, pero que moi atentos, ás nosas disquisicións... )
rescoldos dunha entrevista

Afonso Monxardín pásame este aviso:
Entre os videos colgados na páxina de http://www.democraciaourensana.es/
aparece o da túa entreista en Auria baixo o título de
COMUNISTA NO QUIERE INTERVENIR CON FALANGISTA

(Por certo, nunca eu me identifiquei alí como comunista, nin nada semellante...)