ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
30. Loa.
(clicar para ampliar as fotos)
A Marcos Valcárcel, este libro dille:
Sen ti, eu non era.
Cando Lugo era cifra de existencia
e a Muralla sentinela do tesouro,
no tempo residía un algo mouro
que de pedra dixeron, e de ausencia.
Pero non sufocaba a transparencia
antiga e preservada polos nosos.
Tiña o mundo perfís marabillosos
no libro e día outorgador de estrea,
xurdía en ringuileira ou patulea
adversario de trazos ominosos.
No magma quedan imaxes
que non toparon asento.
Nomes, caras, melodías,
un gusto ou aquel obxecto
que outrora foi familiar.
Xantan catro ou cinco obreiros
da construción xunto á igrexa;
é verán, non hai trafego
de coches, veño da fonte
carretando o porrón cheo.
Eles comen nas tarteiras
o que da casa trouxeron,
levan zapatillas brancas,
é cabal marca do gremio.
Ese día pola tarde
hei de ir trocar tebeos
do Guerreiro do Antefaz,
Jabato ou Capitán Trueno;
un por outro, onda a Carmiña,
usados, é pouco céntimo.
Deu alta reviravolta
a corda do pensamento,
e por tras dunha cociña
bilbaína varios nenos
escribimos na “pizarra”
co “pizarrín” e dous dedos
letra e número que agora
cunha muller aprendemos.
Goberna a ama da casa
nas potas, e o parrafeo
de adultos vai alternando
coa lección para os pequenos
da Doña, aquela velliña
que quero lembrar de negro.
Para todo o edificio
ela puxo fundamento;
fican vagos os contornos,
mais non houbo esquecemento.
Retorna a roda das cousas,
confundindo espazo e tempo.
Sombra do Caganabrocha
vai polo Campo Castelo
(“Hai que pagar!”, seica se oe).
Antonio Llanos, pavero
acredor de moito croque
polas bromas no colexio.
O ritmo mecanográfico
na academia do Alvarellos,
as campás tocando a morto,
gusto de pan de centeo,
Semana Santa sen cine,
nevarada cada inverno...
GARRIDA LEMBRANZA DO NUNCA PERDIDO
REVIVE SILENCIOS DE ACOUGO E MARÉ.
ANDRÓMENA, SOÑO, MISTERIO E MORNE-
ZA DAN CONTRAPUNTO NUN GRIS DILUÍDO.
A GOLPE DE LOMBO E A FORZA DE FE
SACODEN A HISTORIA OS HOMES DO EIXIDO,
PAREMIA NA BOCA, NA PROLE O SENTIDO.
ORNAMENTA O CADRO RELEVO EN PIQUÉ.
LABORAN ARREO, CON POUCO ALBAROQUE
AS NAIS DE FAMILIA, NO DEBER ABSORTAS.
VELAN A PROXENIE CAL FORZA DE CHOQUE.
ISTO ERA CERTEZA QUE NAS HORAS MORTAS
DESCUBRÍA UN NENO MEDRANDO EN SAN ROQUE.
ALÍ QUEDA EL, ENTRE HORTAS E PORTAS.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días