10 dic. 2006


Os revisionistas, engadido á nota anterior (dalgúns "peixes" locais)

E digo eu que personaxes como Pío Moa, que se debe estar facendo de ouro cos seus libriños, antes de amosarnos a súa santa intransixencia neoliberal non estaría de máis que pedisen desculpas (perdón xa sería moito pedir) polo seu pasado e militancia terrorista no GRAPO, por exemplo.
E asómbrame, a min, quizais tamén a vostedes, a capacidade de reviravoltas dalgúns personaxes da escena pública e do mundo intelectual. Falaba esoutro día con Ramón Luís Acuña de César Alonso de los Ríos, xornalista que no seu momento dirixira La Calle, semanario máis que próximo ós eurocomunistas e que actualmente escribe en ABC e mantén posturas políticas de extrema dereita.
E o mesmo vale para algúns "peixes" locais. Algúns colaboradores de Libertad Digital, por exemplo, teñen pasados tamén sorprendentes: velaí o profesor Xosé Vilas Nogueira, un dos redactores das Bases Constitucionais no seu día (dun nacionalismo máis que radical e intransixente daquela), que andaba Galicia adiante presentando o seu libro sobre o Estatuto de 1936 (tamén no Liceo ourensán), libro que ademais se usaba como base para a crítica política dos nacionalistas ó Estatuto do 36 ("Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais", lembran?). E por eses pagos, aínda que no seu caso dende as lindes do eurocomunismo (PCG), andaban tamén un Pedro Arias, ben coñecido polos seus artigos e participación nos faladoiros televisivos (TVG) ou o mesmo Miguel Cancio, sempre moi antinacionalista, pero non sabía eu das súas últimas viraxes: esoutro día nunha entrevista en El Correo Gallego defendía a Jiménez Losantos.
A lista é moi ampliable, por suposto, vostedes terán moitos máis nomes. Supoño que todo isto é normal nos sistemas democráticos, aínda que a min, pobre inxenuo, cústame un pouco entender cambios tan radicais, ás veces dende a extrema esquerda ata a extrema dereita.
Lendo os xornais...

Hai días nos que lendo
os xornais un pode adquirir unha gran cultura. Por exemplo, estes días convertémonos todos xa espertos no polonio 210, soubemos que Silvia Jato e Jesús Vázquez son os máis guapos nas enquisas e que (outra enquisa máis!) os españois pensan que os partidos políticos e as empresas son os sectores máis corruptos en España: pois vaia descubrimento!.
Os xornais deberían ter ademais unha sección que se titulase “Disparates”. E nesa sección iría onte o artigo dun coñecido xornalista da dereita española que onte, nun ton apocalíptico, daba unha chea de ideas para posibles atentados do terrorismo de Al Qaida: dende poñer un barco bomba no porto de Nova York ata atentar en prazas de touros e estadios de fútbol nun partido da Copa de Europa. En fin, se os terroristas carecían de ideas, sempre hai alguén disposto a botar unha man. Esperemos que non lean a Ansón...
(Pan por Pan domingo 10 dec. Imaxe de Junakovic)
Goytisolo, revisionismos, Sorolla, etc.
O Babelia de onte traía bastantes cousas de interese. A min, por exemplo, parecéronme interesantes a recensión que facía J.C. Mainer de Sorolla ou as entrevistas a Juan Goytisolo e a Ángel Viñas. Goytisolo repetiu as súas loubanzas (non é a primeira vez) ó labor do narrador ourensán José María Pérez Álvarez, o autor de Nembrot e Cabo de Hornos. E quixen traer a esta recuncho esta opinión de Ángel Viñas sobre o revisionismo histórico, nunha tamén valiosa entrevista sobre o aillamento da República por parte das democracias da súa época.
P. Su libro aparece en plena eclosión del revisionismo histórico. ¿Cómo ve ese fenómeno?
R. Llevo 20 años fuera de España, pero mi visión es que el llamado revisionismo histórico español, en mi opinión neofranquista y de medio pelo, no es Historia. La Historia es siempre revisionista, se replantea problemas con distintas perspectivas y nueva base documental. Me gustaría que mi libro tuviera de seis a ocho años de vida, pero puede quedar superado en tres. Por definición, pues, la Historia es revisionista. Pero el llamado revisionismo español pone en lenguaje cheli, adaptado a principios del siglo XXI, los viejos mitos fundacionales de la dictadura sobre la República y la Guerra Civil. No hay nada nuevo, de verdad. Y hay, en cambio, mucho de una ignorancia supina de la historiografía crítica académica, la que hacemos los historiadores, y una pasada por el turmix de algunos mitos que son coetáneos de la guerra civil misma: la salvajería, el asalto a la civilización occidental, la manipulación por el Comintern, la barbarie española. Exactamente 70 años más tarde, son las mismas ideas.
P. ¿Por qué cree que se da ahora este tipo de Historia?
R. Es una aplicación al combate político de hoy de una lectura selectiva de la Historia. Y con un terrible éxito de ventas, que ya quisiera para mí. Una parte de la sociedad española ha estado amamantada en los mitos franquistas. La labor de historiador normal nos ha llevado necesariamente a desmontar esos mitos. Más o menos eso se ha desarticulado. Pero para un sector de la sociedad española, esto es muy doloroso porque significa un repudio a los ideales de su juventud o a lo que han creído sus padres y abuelos. Lo comprendo, pero no lo justifico porque no puede justificarse.
Cen Anos de Historia Cultural: 1946
O ano que naceu o xornal La Noche e no que Castelao foi elixido ministro do Goberno Giral. Tamén o ano en que foi detido Ramón Piñeiro, no que Díaz Castro gañaba nos Xogos Florais de Betanzos ou no que Luís Pimentel presentaba a súa "ars poética" nunha conferencia no Círculo das Artes de Lugo. O artigo completo aquí.

Tamén foi a comezos de 1946 cando, tras unha reforma do Goberno republicano de Giral, co ingreso da dereita republicana e dos comunistas (entre eles Santiago Carrillo), se lle dá entrada a Castelao como ministro en representación de todos os partidos antifranquistas galegos. Antes unha delegación galeguista do interior acode a Francia reivindicando un posto no Goberno para Galicia e propoñendo a Castelao para o mesmo, co asentimento de todos os galeguistas. O goberno republicano no exilio conseguirá o recoñecemento diplomático de moitos países europeos e latinoamericanos e as Nacións Unidas aproban, en febreiro deste ano e por ampla maioría, unha proposta de bloqueo diplomático á España franquista. A prensa galeguista de América mantiña unha posición radicalizada na defensa da República e do galeguismo: “Non, a terceira República non pode ser tan inocente como a pasada. É mester que resolva a fondo os problemas que a impediron perdurar. E o problema principal é o da súa estruturación. Sen a autonomía de Galiza non terá unha base firme e estará outra vez disposta aos ataques da reacción”, dicía A Nosa Terra en abril dese ano. Cando Castelao é elixido ministro afírmase neses medios que “aínda que persoeiro dun partido político, representa a toda a opinión democrática da nosa terra, que vale tanto como representar á maioría do noso pobo”. E tamén se publican protestas moi contundentes contra o Centro Galego por usar a bandeira franquista (“o trapo feixista”), “mostrandolle ao público un falso acatamento da nosa colectividade a un réxime que os galegos repudiamos e odiamos con todos os folgos da nosa alma e con todas as iras do noso peito”. Tamén Xervasio Paz Lestón, co seudónimo Pau de Ferro, critica na revista Alborada a decisión dos directivos do Centro Galego de celebrar a festa española do 2 de maio, suprimida pola República, suxerindo en cambio celebrar a independencia arxentina. Ramón Piñeiro, enviado a París en 1946 para conseguir que Castelao entrase no goberno en representación das forzas galegas (entrou a pé polos Pirineos, guiado polo nacionalista vasco Joseba Elósegui) e para entrevistarse cos nacionalistas vascos e cataláns, volve a Madrid e participa na tertulia dos galeguistas no Café La Granja del Henar. Neses días acode a unha cita política clandestina no Café Pidoux e aló é detido pola Policía. Estaría preso tres anos, ata 1949.