3 dic. 2009

Blanco Amor
XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN
Galicia Hoxe, 02.12.2009
.....................
Gilbert Garcin.Galería Trinta.Compostela.

O Bocas e o Milhomes morreron rodeados da inmundicia terrea, polos vicios mundanos. A xolda, a troula desmedida, o alcol, as sórdidas paixóns, as canalladas, a violencia, condúceos, case sen se daren de conta, á perdición. O Puchapodre é a testemuña dos feitos, da desgraza destes dous farristas, Bocas e Milhomes. Vítimas da súa brutalidade. Os alcumes, esa lingua rica, expresiva, que utiliza Blanco Amor, próxima á xente da rúa. As descricións do ambiente suburbano, marxinal, pobre, sen ningún valor, miserento. O carácter itinerante dos personaxes, da narración, mantén a atención, a curiosidade na súa obra máis coñecida e lida, A esmorga. Unha obra excepcional, difícil de esquecer. A esmorga narra unha historia que embebe, que penetra, que queda impregnada no lector como se fose un suceso real e que se lembra como tal, co paso do tempo. Como se se acabase de ler hai uns días, na prensa; porque deixa a sensación de que o que lles ocorreu aos personaxes foi verdade. Porque ademais o que se conta é máis certo aínda se cabe, porque se trata dunha declaración perante un xuíz. Unha traxedia que é como unha noticia que se vai seguindo conforme vai sucedendo, tal e como nolo conta o narrador, Cibrao. "O Bocas apareceu, erguéndose dun recanto, escuro, cos pantalóns a medio subir, deixando ver a pele da barriga por un costado?E sen dicir palabra deste mundo, o Milhomes alancou para el e dun golpe afundiulle alí a navalla e rachou con ela para un lado, sacándoa axiña para lle asegundar máis abaixo, con intención de ferilo nas súas partes, con perdón sexa dito".
Así o lembro. Onte día primeiro deste mes último do ano, ao se cumpriren trinta anos do falecemento de Eduardo Blanco Amor. Trinta anos de ausencia dun dos mellores escritores galegos, dun dos mestres da narrativa galega. E lémbroo así por varias razóns. Primeiro porque lembro con claridade, como se fose onte, os finais dos setenta, como unha época na que a morte tinguiu a miña vida e unha das miñas afeccións, a literatura. Lémbroo como un tempo de morte no que se foron grandes e valiosas persoas na miña vida, na literatura e na cultura galega. Meu pai no 78, Luís Seoane en abril do 79 e logo Eduardo Blanco Amor, de quen volvín ler, dous anos máis tarde, A esmorga porque me tocou lela no último curso da etapa escolar antes da universidade, ano no que morreu Cunqueiro e facer un traballo sobre ela. Unha obra que nos permitiu só co título coñecer o significado dunha palabra clara e rotunda como esmorga e usala a esgalla no canto de todo canto sinónimo aprendemos xunto con ela: carallada, xolda, pándega , troula, farra, ir de ou andar de ruada? Que nos permitiu entrar, páxina tras páxina, na súa primeira obra en lingua galega, meternos como el fixo na literatura no mundo da marxinación e coñecer esoutra realidade social, económica e cultural, a través do Bocas, do Milhome e do Puchapodre. E que nos permitiu gozar, como escribiu Anxo Tarrío, dun dos textos máis interesantes da narrativa europea e seguir gozando, hoxe, mañá e? por sempre, da súa exquisita literatura.